Do liderato político de Vicente Risco

Na tolleita historia do nacionalismo non se pode botar ou incluír a ninguén por filias ou fobias persoais. Depende da súa contribución.

Por Xurxo Martínez | Vigo | 30/03/2011

Comparte esta noticia

Hai figuras que sobresaen por cuestións que poden ser motivo do aplauso ou do asubío agudo. Pero non se poden eliminar ou reducir a notas a rodapé como se fosen chaíñas logo de contribuíren ao nacionalismo. Esas achegas poden ser cuestionábeis mais non escusa para borralos. Menos cando unha figura é tan decisiva coma Vicente Risco.

Francisco Sampedro explicou certeiramente o irracionalismo e esencialismo do pensamento risquián. Destaquemos a pegada do romanticismo como antítese ao racionalismo e poñámola en relación coa xeración romántica do Rexurdimento. Reparemos na seducible idea para aqueles nacionalistas de sentirse continuadores da meirande obra decimonónica. Murguía está presente no pensamento de Risco e, por ende, axudaba á intención de sentirse epígonos da rexeneración da patria.

O argumento da lexitimación histórica vive hoxe en día: o meu partido é o único que defende os principios constituíntes do nacionalismo marxista. Un argumento verdadeiramente superfluo na medida en que careza de praxe e concreción. O xeito de agochar esas eivas.

O grupo de Risco compúñao unha elite cultural fronte ao grupo coruñés, máis pragmático. Ambos políticos, defendesen ou non a participación na engrenaxe electoral. O primeiro eran os Castelao, Otero Pedrayo, Losada Diéguez, Cuevillas… fronte a Víctor Casas, Peña Novo, Xohán Vicente Viqueira…

Na asemblea de 1918 Risco era un ninguén politicamente. Quen dotan de contido a ese programa democrático son Porteiro Garea (que morrería un chisco antes), o seu discípulo Peña Novo e Losada Diéguez. O manifesto de Lugo foi o programa do galeguismo, na súa vertebración, deica o 1936. Comparémolo co programa do Partido Galeguista e observaremos un desenvolvemento mais non unha rectificación plena.

Risco publica a súa Teoría do nacionalismo galego en 1920. Un libro que teoriza e fornece de conceptos e interpretación da visión do mundo e de Galiza. Renova o pensamento de Murguía e recolle teses de aquí e acolá aínda que poidan ter un difícil encaixe (como fervía de teorías aquela Europa!). Seduce a moitos, sen dúbida aos máis culturais e aos máis preocupados polo avance do marxismo. Mais tamén obriga a posicionarse a aqueles que non comparten esa visión.

En 1921 Peña Novo publica La mancomunidad gallega, toda unha proposta de articulación da autonomía galega. É dicir, a proposta concreta do nacionalismo. Nese mesmo ano, Ramón Villar Ponte saca do prelo Doctrina nazonalista que mestura principios democráticos cunha base teórica achegada a de Risco.

O liderado político de Risco durou de 1920 a 1924. Só catro anos. Logo pasou á reserva. Na ruptura do nacionalismo en 1922 débese ter presente as liortas internas do grupo coruñés. Non se explicaría moi ben sen reparar nisto a actitude de persoas como Antón Villar Ponte ou Xaime Quintanilla que pasan a ingresar a Irmandade Nazonalista Galega (ING) cun Xefe Supremo (así se definía estatutariamente; un termo de pouso feixista) que foi Vicente Risco.

O colaboracionismo da ING co ditador golpista Primo de Rivera, crendo que este dotaría dunha autonomía a Galiza, puxo de manifesto as contradicións internas e tamén as diferenzas coa Irmandade coruñesa. Nesa aventura participaron Losada Diéguez, Antón Villar Ponte e o propio Risco. O viveirense non aguantaría nin un mes naquela noxenta estrutura. As voces críticas repartíanse (dende Madrid con Fermín Penzol até Compostela co grupo de xente nova ligada ao Seminario de Estudos Galegos). E aí rematou o liderado de Risco. Dende 1924, onde está o Risco teórico ou líder? Onde está a supremacía das súas teses?

Certo é que en 1930 publica El problema político de Galicia e intercambia cartas con proxectos políticos pero pouco máis. De feito, xa non forma parte da directiva do Partido Nazonalista Repubricán de Ourense. A súa credibilidade estaba desfeita e a súa concepción política xa non tiña cabida no Partido Galeguista. Agora o líder ourensán será Otero Pedrayo.

Fóra do aspecto político e ideolóxico, Risco contribuíu enormemente á cultura galega. Con el chegan a información dos movementos vangardistas, funda e dirixe a revista Nós, publica relatos literarios ou estudos da nosa cultura de grande interese… podemos acaso obviar isto? Claro que Risco é un referente da nosa cultura coma Cunqueiro na literatura. E non existe ningunha maldade en que sexa así. Ler Cunqueiro ou Risco vólvenos adeptos ás súas teses ideolóxicas? Que xigantesco desatino! Porén non confundamos a súa concepción ideolóxica coa súa actividade cultural.

Castelao, o guieiro inmorrente, dixo nunha ocasión sobre Vicente Risco: “Se mo atopase batería nel, deitaríao no chan e cuspiríalle. Logo, ergueríao e apertaríao entre os meus brazos. Fixo tanto por nós”. Unha expresión que condensa oportunamente moito do que se poida dicir del.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xurxo Martínez González Xurxo Martínez González naceu no barrio de Coia (Vigo) en 1984. É licenciado en Filoloxía Galega pola U. de Vigo e publicou a tese sobre o xornal La Oliva (1856-1857). Publicou estudos de diferente materia (La Oliva¸ Martín Sarmiento, Villar Ponte, Luís Soto...) en revistas como A Trabe de Ouro, Grial, Glaucopis. Boletín do Instituto de Estudos Vigueses ou en Arraianos. Colaborou en Vieiros.com, dende 2006 até o seu peche, n´A Peneira, Novas da Galiza e Altermundo. En 2007 publicou Fuco Gómez (AGER) e en 2011 sairá do prelo Luís Soto. A xeira pola unidade (Edicións Xerais). Preside o Colectivo Cultural A Nave das Ideas (http://anavedasideas.blogaliza.org/) e é autor do blogue O marmurio das ondas (http://omarmuriodaonda.blogaliza.org/)