Como é un barrio dende dentro: raíces fondas e veciñanza forte

Esta fin de semana remata a particular festa do barrio compostelán de San Pedro, unha icona no movemento veciñal da capital galega. Entre a emoción e o trasfego que se vive nas súas rúas, GC decidiu achegarse a elas para coñecer os segredos e as historias desta xente de San Pedro.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 29/06/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

As festas de San Pedro fan este ano o seu 15 aniversario. A troula escorrega por cada pedra deste barrio compostelán. As súas xentes andan emocionadas e o trasfego da rúa semella terlle roubado o lugar á súa tranquilidade habitual. Se ben San Pedro sempre é un barrio cheo de vida, nesta semana e ata o primeiro de xullo, convértese nun espazo para as máis diversas actividades culturais. Festa e máis festa creada con moito agarimo e desfrutada con pracer. 

Leonor Díaz, membro da Comisión de Festas
Leonor Díaz, membro da Comisión de Festas

Pasarrúas, actuacións musicais, verbenas, contacontos, exposicións, obradoiros ao aire libre, debates... A veciñanza de San Pedro dálle unha volta aos espazos en que habitan para acoller todas estas propostas dirixidas ao mundo enteiro: rapazada, familias, xente maior... Pero quen está detrás de todo isto? Un grupo de mozos e mozas do barrio que leva traballando arreo dende que remataron as festas pasadas e que teñen esa teima de mellorar de ano en ano. Eles son a Comisión de Festas, xente voluntaria coas ideas moi claras sobre como queren facer as festas do barrio.

A diversidade e a pluralidade son os principios e os finais deste festexo, entendido sempre dende unha perspectiva de barrio e co espírito da veciñanza por bandeira. Leonor Díaz, membro da Comisión de Festas, déixao ben claro: “queremos dinamizar o barrio, facer un barrio activo, agradable, divertido, no que che guste vivir, e que ese vivir o implique todo: pasear polas rúas, facer veciñanza... andar sen medo pola noite”. Se ben a Comisión de Festas é un piar fundamental para que toda Compostela poida desfrutar desta semana de cores e música, a personalidade das xentes do barrio tamén ten moito que ver.

QUE TERÁ DE ESPECIAL SAN PEDRO?

Este barrio é tan antigo coma o resto da cidade, e hai rúas de seu que mereceron por partida dobre a consideración de Patrimonio da Humanidade: por unha banda, porque pertencen á cidade vella de Santiago, e pola outra, porque son Camiños de Peregrinación. Para chegar á Porta do Camiño e dende aí á catedral, os peregrinos atravesaban, rúa abaixo, todo San Pedro. Así pois, dende sempre foi un camiño transitado non só por peregrinos, senón tamén por comerciantes, labregos e viaxeiros. Este movemento de xentes marcou a fisionomía do barrio e o carácter das súas xentes.

Nathalie Budiño, unha rapaza que naceu no barrio e quixo montar nel a súa libraría “Os mundos de Carlota”, recorda que a súa nai lle ten contado que San Pedro era coñecido coma os Estados Unidos galegos. “Sempre foi un barrio moi diverso, de xentes de todas as partes, con moito movemento e vida”, di. Tal movemento non quita que a xente que chegue ao barrio, quede para sempre ou por moito tempo. Nel conviven veciños que levan toda a vida con outra xente máis nova que quedou presa destas rúas.

“O barrio de San Pedro é un barrio que te envolve”. Isto dío Suso, do Dezaseis. Así é o coñecen alí dende hai máis de vinte anos, cando chegou para montar o seu propio negocio de restauración. “Á aventura!” foi o que pensou daquela. Conta Suso que cando el arribou, “San Pedro estaba bastante esquecido, pero logo comezou a vir xente moi interesante dende o ámbito da cultura: da música, do teatro... e a asociación A Xuntanza tamén lle deu moita vida”. Que foi o que cambiou as tornas? “Esa veciñanza nova, e sobre todo, moi activa”.

Veciñanza, nova ou de sempre, que entende o barrio dunha maneira persoal e comprometida. “Para nós este barrio non é un escaparate nin un lugar de paso, queremos que sexa un sitio no que nos guste vivir e que os nosos fillos desfruten del. Mantense vivo porque combina tradicións – bares e tendas de toda a vida – con toda a nova xeración de comercios que imos chegando. Xente nova que merca aquí, vive aquí e fai lar aquí”, conta Leonor Díaz, que ademais, leva a tenda Como pez en el agua.

Ao fío das tradicións, unha veciña que cumpre con calquera requisito é Luísa Ríos, que leva a mercería Luísa. “Eu viñen da aldea e cheguei a este barrio con catorce anos. Logo de estudar, continuei un pequeno negocio da miña tía e logo, collín estoutro local e empecei con este estilo de tenda”, conta. “Este é un barrio moi carismático e todos os veciños nos axudamos moito, comprámolo todo aquí: eu, por exemplo, canto teño que mercar froita voume repartindo entre as diferentes froiterías que temos no barrio”, di riseira. Tal solidariedade non se ve todos os días...

SENTIMENTO DE PERTENZA

“Dá gusto pechar pola noite a tenda e ver a rúa chea de xente, ten o seu encanto”, conta agradable. Isto mesmo estao descubrindo estes días Sonia García, outra rapaza que acaba de abrir o seu novo negocio de doces no barrio. Aínda que só leva uns cantos días aquí, xa sente que “a xente do barrio é moi acolledora”. E “é que isto semella unha pequena aldea, un pobo onde todos nos coñecemos e por iso entendemos que o temos que querer e defender”, argumenta Nathalie Budiño. Parece que as conversas con cada unha delas puideran entrecruzarse... Será porque toda a xente do barrio ten ese mesmo sentimento de pertenza a el. Acontece o mesmo noutros lugares coma Conxo, onde os habitantes afondan ben forte as súas raíces nel.

“A xente que somos de San Pedro levamos San Pedro ata o infinito e máis alá”. Nathalie fala orgullosa, nótase nos ollos e nas palabras. Tamén se lle nota a Inma López, da tenda de Carmiña. Estoutro caso é ben peculiar porque este ultramarinos do barrio abriu alá polo 1958 da man da nai de Inma. Agora, é ela quen colle o relevo e decide continuar con este negocio familiar e apostar, unha vez máis, polo pequeno comercio. “Esta tenda abriu con espírito de tenda de barrio e eu quixen manter esa esencia. Interésame manter uns prezos e uns produtos accesibles para a xente obreira de San Pedro”. Cando describe o barrio, di que “está cheo de música e baile”, que “mantén as súas boas costumes” e que “é un sitio de agarimo e lembranza”.

Un sitio no que tamén hai espazo para a poesía, como non. A poeta Alicia Fernández ten expresado que o seu desexo era “montar unha libraría de poesía na rúa de San Pedro”. E pouco a pouco, a xente de Chan da Pólvora así o foi facendo. Quico Valeiras, outro dos poetas metidos no proxecto, di que San Pedro é “un barrio bonito para estar”. “Eu non son picheleiro, pero si estudei aquí a carreira e para min a festa de San Pedro é A Festa. Cando rematabamos os exames viñamos bailar aquí coas pandeireteiras”, recorda.

UNHAS FESTAS QUE NACEN DA FRATERNIDADE

Conta Leonor Díaz que “a fraternidade e a sororidade neste barrio son reais”. Con esta cama tan ben tecida, era difícil que unhas festas así non funcionaran: “o barrio préstase”. Como membro da Comisión, sabe ben que “as festas foron medrando pouco a pouco, e ao longo destes quince anos, tamén foron modificando as súas estruturas para non saturarse”. As organizadoras intentan que as actividades ocupen moitos espazos, “todos os espazos que habitamos”.

Leonor asegura que son unhas festas que levan moito traballo detrás: “dende xaneiro estamos pensando como serán as do ano seguinte, e dende ese mes facemos reunións todas as semanas para buscar fórmulas mellores, contactos, actividades, para xestionar os espazos...”. Este importante labor tamén o corrobora Suso, do Dezaseis, que di que “a xente da Comisión é incansable, e sen eles non seriamos ninguén nin fariamos nada. Merecen unha homenaxe grande”.

O certo é que a veciñanza está orgullosa do barrio no que vive e das festas que ofrece. Un barrio que todos e todas van construíndo día a día, unha comunidade solidaria e colaborativa que non deixa de medrar e que colle a forza das novas xeracións que chegan co aquel de manter a esencia e as tradicións destas históricas rúas de pedra.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 Marga

San Pedro é a vangarda da xentrificación de Compostela. Dez anos antes do asalto á zona vella polas promotoras de apartamentos turísticos, en San Pedro entraban hipsters, veganos, a comunidade lgtb,... facendo subir os prezos das vivendas e dos baixos comerciais. O resultado: a expulsión da xente do barrio.

1 MiraQueMintes

Nin hipsters nin viganos entran por seres tal. Haberá veciños que fagan esas prácticas. Que queres? Qure sexamos todos unha manda de obtusos coma ti? Pero se xa sodes dabondo! Eu vivín toda a vida en San Pedro e a xente non tivo que marchar, mentirán, e os que marcharon non foi porque viñeran persoas que a ti non che gusrtan, obtuso. Cómenche os ciumes e punto.

1 Fernando G

Non entendo un barrio tan progre de nome tan relixioso. Non sei.

1 OQueHaiQueLer

Se non entendes iso, é moi seguro que no entendas outras cousas moito mais importantes da vida.