Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 04/07/2018 | Actualizada ás 12:25
En Marea esíxelle á Xunta de Galicia un maior control sobre a cianobacteria que se instala nos encoros galegos todos os veráns e que provoca a súa contaminación. Concretamente, esta bacteria atopouse estes días no encoro de As Conchas, en Ourense, "algo que a Consellería de Medio Ambiente tiña que ter previsto e intentado evitar. Porén, non se tomaron as medidas oportunas e outra vez nos atopamos lamentando a contaminación verde das augas que comparten os concellos de Bande, Lobeira e Muíños", aseguran na Proposición de non lei os deputados Davide Rodríguez Estévez, Antón Sánchez Garcia, Marcos Cal Ogando e a deputada Anxeles Cuña Bóveda.
Segundo en Marea, a proliferación das algas xa foi confirmada pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a pesar do cal algunhas das zonas afectadas aínda contan con carteis que subliñan a "excelente calidade da auga". A contaminación do encoro produce unha "estampa e un olor moi desagradables" que poden supoñer un "revés importante para a economía e o turismo comarcal", polo que en Marea pide que sexa atallada de raíz para que non se repita cada verán. "As medidas que se teñen que adoptar non poden ser, como ata agora, parches locais que se demostraron claramente inapropiadas", aseguran.
SOLUCIÓNS A LONGO PRAZO
Así pois, esixen solucións estables a medio e longo prazo. Segundo as investigacións realizadas ata o de agora, as bacterias teñen a súa orixe nos nitratos e nos fosfatos dos fertilizantes e os xurros que empregan os produtores de patacas da Limia, algo que, segundo os deputados, cómpre ter en conta de cara a acadar solucións. Ademais, aseguran que hai medidas que xa se demostraron eficaces e que non se implantaron. O Centro Hidrobiolóxico do Con, de Vilagarcía de Arousa, levou a cabo un experimento que demostra que é posible controlar o crecemento das cianobacterias sen necesidade de recorrer a produtos químicos, servíndose só de procesos naturais. O centro empregou palla de cebada, labras e cortizas de eucaliptos e "conseguiu que os microorganismos nocivos minguaran e diminuíran a súa toxicidade", di En Marea.
Polo todo isto, instan á Xunta de Galicia a colaborar co Centro Hidrobiolóxico do Con para desenvolver e adoptar medidas que permitan diminuír a poboación de cianobacterias e a súa toxicidade e, por outra banda, incrementar os controis periódicos aos que son sometidos os encoros galegos que sofren contaminación por cianobacterias. "A pasividade da Xunta de Galicia non ten escusa", afirman.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.