Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/07/2018 | Actualizada ás 10:00
Por que non unha comunicación con perspectiva feminista?. Precisamente para poñer fin a esta eiva naceu este sábado en Santiago o colectivo Xornalistas Galegas para integrar a perspectiva feminista no xornalismo, e defender ás mulleres de todos os ámbitos das ciencias da comunicación.
Coa sinatura dun manifesto fundacional na Facultade de Xornalismo, este novo colectivo de mulleres fai fincapé na necesidade dun “xornalismo colectivo e solidario que aúne forzas para o ben común”.
A reunión deste sábado ten carácter fundacional e supón o terceiro encontro despois do 8M, cando as mulleres xornalistas participaron do movemento e da folga feminista cun masivo seguimento nas rúas de toda a xeografía galega. Así, houbo xa dúas reunións coa participación directa de máis de 40 mulleres e o apoio de case 200 profesionais da comunicación que por distintos motivos (como o laboral) non puideron facelo presencialmente.
MANIFESTO
O manifestó engloba as reflexións e reivindicacións deste colectivo baixo o título ‘Por un xornalismo feminista’. Ademais das sinaturas recollidas no acto celebrado en Santiago, o manifesto estará dispoñible na rede para a adhesión das mulleres pertencentes a este colectivo.
Ademais, recóllese que, pola condición de xornalista, este colectivo ten “unha oportunidade única de reverter esta situación e incidir na creación dunha corrente de opinión masiva que esixa un xornalismo implicado co feminismo e a igualdade real”.
"Padecemos o machismo do mesmo xeito que todas as nosas iguais e, como xornalistas, estamos suxeitas a unhas condicións profesionais e laborais específicas que perpetuan a desigualdade de xénero dun xeito que consideramos inasumible”, recolle
REDES SOCAIS
Dende este sábado, o colectivo comezará a funcionar en redes sociais como @asxornalistas (Twitter), para visibilizar os seus obxectivos, entre os que se atopa “realizar unha vixiancia feminista dos contidos dos medios e denuncia pública e directa as publicacións machistas ou sexistas”.
TRABALLAR EN REDE E ACTO SETEMBRO
Por outro lado, co obxectivo de traballar en rede, tamén se estableceron contactos con outros colectivos feministas (plataformas, asociacións…) de outras comunidades autónomas e tres integrantes galegas participaron activamente na reunión de ‘Las periodistas paramos’ do día 2 de xuño en Madrid.
Á volta do verán, as Xornalistas Galegas farán a súa presentación nun acto público no que se presentarán acción e iniciativas, e no que se quere contar con referentes do mundo feminista.
MANIFESTO:POR UN XORNALISMO FEMINISTA
Mulleres profesionais de todos os ámbitos da comunicación, xornalistas, fotoxornalistas, comunicadoras, formadoras, investigadoras, técnicas audiovisuais e demais produtoras de información en calquera soporte mediático, coincidimos na necesidade de articular un colectivo profesional feminista que impulse a produción dun xornalismo con perspectiva de xénero que se reflicta tanto na información que xeramos como nas condicións en que a elaboramos, é dicir, un xornalismo con perspectiva de xénero externa e interna.
Como mulleres padecemos o machismo do mesmo xeito que todas as nosas iguais e como xornalistas estamos suxeitas a unhas condicións profesionais e laborais específicas que perpetuan a desigualdade de xénero dun xeito que consideramos inasumible. Na nosa doble condición de mulleres xornalistas enfrentámonos como noutros sectores á precariedade laboral, a fenda salarial, o teito de cristal, o chan pegañento, o ninguneo ou o paternalismo. Pero tamén á contradicción de formar parte dunha poderosa maquinaria de creación de opinión, o chamado cuarto poder, que demasiadas veces non achega ao mundo a necesaria loita pola igualdade que todas e todos debemos esixir aos medios, empresas e entidades de comunicación.
Porén, a nosa condición de xornalistas outórganos tamén unha oportunidade única de revertir esta situación e incidir na creación dunha corrente de opinión masiva que esixa aos medios de comunicación e plataformas informativas públicas e privadas un xornalismo implicado co feminismo e a igualdade real. Temos nas nosas mans o maior altofalante da sociedade actual: os medios de comunicación, axentes socializadores e formadores de opinión. De nós depende comprometelos coa causa feminista na procura da erradicación definitiva do machismo e o sexismo.
Depende só de nós, pero de todas nós. Por iso imos traballar unidas, conformando unha rede de seguridade para todas as mulleres xornalistas –entendedo sempre o termo en sentido amplo, como todas as que facemos posible os constidos informativos- de modo que ningunha volva sentirse soa nesta causa. Porque despois das mobilizacións masivas en toda Galicia e en toda España o 8M, as mulleres e nomeadamente as mulleres xornalistas, temos aprendido que as nosas voces xuntas chegan ata onde nós decidamos. Témonos empoderado nun momento histórico clave para o desenvolvemento futuro da muller e temos substituído a vella concepción do xornalismo como un oficio competitivo e individualista pola idea renovada dun xornalismo colectivo e solidario que aúne forzas para o ben común. E o noso ben común non é outro que un xornalismo honesto e comprometido que só se pode acadar se interioriza de xeito definitivo a perspectiva de xénero para acadar unha sociedade xusta e igualitaria. O xornalismo será feminista, ou non será.
Por iso as asinantes deste manifesto comprometemos o noso esforzo conxunto para crear un colectivo de xornalistas feministas galegas que permita avanzar na consecución dos seguintes obxectivos:
Visibilizar á muller nos medios de comunicación, como especialistas, opinadoras e expertas en diferentes ámbitos, equiparando a súa presenza coa masculina.
Desestigmatizar a presenza da muller na información a través da erradicación de ofensas de xénero, roles sexistas, estereotipos de xénero e difundindo iniciativas que contribúan á igualdade.
Instaurar o tratamento especializado da violencia de xénero nos contidos dos medios a través da formación deontolóxica e a instalación da perspectiva feminista nos editores de contidos.
Realizar unha “vixilancia feminista” dos contidos dos medios e denuncia pública e directa das publicacións machistas ou sexistas.
Promover iniciativas profesionais feministas que eduquen e xeren conciencia social.
Incrementar a presencia das mulleres nos postos de responsabilidade das empresas de comunicación e rachar o teito de cristal.
Controlar o cumprimento real das medidas de conciliación familiar e laboral con especial atención á particularidade dos horarios dos medios de comunicación e tarefas xornalísticas en xeral.
Avaliar e reorientar a situación laboral da muller en ámbitos concretos da produción xornalística –acabar coas temáticas femininas, atención ás xornalistas deportivas, eliminación de estigmas laborais de xénero…
Integrarnos nas iniciativas de xornalistas e comunicadoras feministas estatais vinculadas á plataforma Las periodistas paramos, xurdida a raíz das mobilizacións do 8 de Marzo de 2018.
Colaborar con outras iniciativas feministas e entidades do ámbito da comunicación implicadas na consecución dun xornalismo con perspectiva de xénero.
Santiago, 7 de xullo de 2018.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.