Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/07/2018 | Actualizada ás 16:00
A transferencia da titularidade e competencia da AP-9 a Galicia foi debate no Parlamento esta maña de martes. Desta maneira, convértese esta na terceira vez que debaten e votan sobre o tema. Todos os partidos políticos se postularon a favor da proposta que, esperan, sexa tramitada no Congreso dos Deputados.
Dende o PPdeG, o deputado Fernández Prado, recordou a importancia de "acadar unha unanimidade da cámara" para logo presentarse deste xeito perante o Congreso. De non facelo, "debilitaremos o noso obxectivo". Así mesmo, asegurou que "imos seguir mantendo a mesma postura: máxima esixencia de calidade do servizo e petición do traspaso da titularidade".
Celebraron, pois, a sentenza, porque consideraron que "ofrece maiores posibilidades do que levamos pedindo hai anos". Por outra banda, recordou apelando ao BNG e PSOE, que "cando gobernou o bipartito este tema non estaba na axenda".
A OPOSICIÓN, TAMÉN A FAVOR
Pola súa banda, Antón Sánchez, de En Marea, entende a xestión da AP-9 como “a punta do iceberg dunha corrupción institucionalizada, o exemplo perfecto do capitalismo de amiguetes” e da "corrupción como forma de goberno". "O saqueo do século", dixo. Ademais, apelou directamente a Feijóo, do que dixo que era "un home do Partido Popular que traballa para o partido, non para Galicia". Así pois, afirmou que a xestión directa sería máis rendible para a cidadanía.
Igualmente o entende o socialista Raúl Fernández, que considera “de xustiza” esta transferencia. “Co modelo actual, os galegos sempre perdemos e a concesionaria sempre gaña”, dixo. Tamén considera que "esta xestión minimiza as potencialidades da AP-9".
"A cuestión de fondo da AP-9 é a dependencia política de Galicia, un complot contra Galicia, unha alianza das empresas e dos grupos políticos que protexen intereses alleos”, asegurou Luís Vará, do grupo nacionalista. Así mesmo, afirmou que o Estado ten unha débeda con Galicia e que na historia da AP-9, “o PP escolleu o papel de Xudas, de traidor”. Polo tanto, "a responsabilidade é do PP" e do seu "argumentario falso", sentenciou o deputado do BNG.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.