Kubo, a orquestra que revoluciona a verbena galega co "escenario móbil máis grande de Europa"

Un repertorio que se sae dos "tradicionais 'hits' e cancións de verán" e unha fusión dos mellores cantantes que pasaron polas orquestras de Galicia fai de Kubo unha aposta nova e diferente que xa está triunfando nesta xira 2018. Agora fachendan de ter un escenario case único en Europa.

Por Ángela Precedo | Santiago de Compostela | 14/07/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Kubo trátase dunha formación de recente creación, con pouco máis dun ano de vida, que aposta por dar un xiro ao clásico repertorio e espectáculo das orquestras instaladas nestes momentos no mundo da verbena galega. Para iso, incorpora importantes nomes de cantantes que pasaron polas principais orquestras do mundillo, como é o caso de Salomé MartínezKarol Augusto, Michell Aranguibel, Danni Lamas, Antonio Barros e Fernando Hernández.

Escenario da orquestra Kubo.
Escenario da orquestra Kubo.

Como novidade e diferenza da orquestra Kubo fronte ás outras formacións, Antonio Barros cita o feito de ter, na parte instrumental, dúas guitarras, xa que "creo que é algo que non se deu ata a data e do que sabemos sacar o máximo partido", entre "outras cousas". Por iso, asegura que Kubo "aporta un enfoque diferente" da verbena "en multitude de factores", como no que respecta ao repertorio. "Molestámonos en recompilar a maior selección de temazos de todos os tempos en diferentes estilos" e, "o mellor de todo, é que iso nos dá marxe para uns cantos anos, sen necesidade de caer nos repetitivos 'hits' do verán, ou ter que cinguirnos só a cumbia e merengue", apunta o cantante galego.

Neste sentido, Michell Aranguibel coincide con Antonio en que "encántame todo o repertorio", pero, se tivese que escoller unha canción, diría tamén o tributo a The Beatles e 'Aleluya'. E, precisamente, entre as que interpreta ela mesma, tamén destacaría a versión de 'Aleluya' e a canción 'Could you be loved'. Ademais, tamén fai o mesmo apunte que Antonio, ao recoñecer que "a novidade a destacar" desta orquestra é "o repertorio que manexamos" e "a selección dos músicos e artistas para devandito proxecto", porque "considero que esta unión deu como resultado unha formación musical diferente e auténtica".

Nesta mesma liña, Nando Rodríguez apunta que Kubo conta cos "mellores músicos cos que puiden tocar nunca" e destaca como a súa favorita a canción 'Recuérdame', da película de Disney 'Coco', interpretada por el mesmo. O cantante segoviano tamén coincide en que "sen ningunha dúbida, a maior diferenza fronte a calquera outra orquesta é o repertorio", porque inclúe "música diferente, mostrada dunha forma moi especial, cun elenco de artistas rara vez vistos xuntos nunha única formación". Así mesmo, o cantante apunta que a posta en escena "tamén é moi coidada", con "unha visión máis propia de concertos que de simplemente limitarse a entrar e saír" ou a "cubrir ocos".

Para Michell, "o repertorio e os artistas marcan a diferenza", porque aportan "boa música, con cancións novas e clásicos con excelente calidade". Nando Rodríguez tamén suma o feito de que a xente maior "goza cos artistas", e "a xente nova baila e canta cancións de antes de que eles nacesen", unha verbena na que "os matrimonios volven atrás no tempo e recordan esas cancións cun aura de divertida alegría". Sente que en Kubo "teño unha gran responsabilidade de liderar e mostrar ao público todo un espectáculo, guiar ao espectador ata esa sensación que queremos transmitir e ser o comunicador e enlace entre o público e os artistas", porque "cada noite Kubo é un marco incomparable onde os artistas veñen brillar".

Escenario da orquestra Kubo.
Escenario da orquestra Kubo.

Polo que respecta ás infraestructuras, Antonio Barros subliña que Kubo ten "o escenario móbil máis grande de Europa", consciente de "toda a responsabilidade que iso conleva". Con todo, incide en que, "unha vez estás dentro, é impresionante".

SALOMÉ MARTÍNEZ, CANTANTE FEMININA

 

Una publicación compartida de Salo (@salomemartinez) el

Salomé Martínez, cantante valenciana nada en Vall de Uxó, (Castelló), ten pasado por formacións como Bandemia (2016), Liverpool (2013 a 2015) e Tremenda Band (2011 a 2012) --todas orquestras da súa comunidade natal--, antes de chegar ás filas de Kubo en 2017. Así, o ano pasado deixou a súa terra atrás para perseguir o seu soño e ser unha das cantantes de Kubo.

Na súa infancia e adolescencia era moi tímida e, por medo e vergonza, non mostrou nunca os seus dotes como cantante. Mais aos 21 decidiu estudar canto na escola '12 notes' de Vilarreal e comezou a adicarse á súa paixón: a música. Neste curto percorrido tivo a oportunidade de traballar en varias formacións da súa terra, como as anteriormente nomeadas, e foi co grupo Liverpool con quen tivo a oportunidade de viaxar por toda a península e ser telonera de grandes grupos e artistas como Chambao, La Guardia ou Loquillo, entre outros.

En 2015 gañou un dos consursos máis importantes da Comunidade Valenciana e grazas a iso tivo a oportunidade de homenaxear ao ano seguinte á gran Sole Giménez --voz de Presuntos Implicados--, versionando a súa coñecido tema 'Alma de Blues'. Compaxinando todo isto, conta con varios singles no mercado, como 'Shake it up a little', que se poderá escoitar entre o repertorio de Kubo e 'Get free', producido polo coñecido dj valenciano Dr. Joos, que estivo soando nas listas de Máxima FM e actualmente en Hit FM.

KAROL AUGUSTO MUÑÍZ, CANTANTE FEMININA

Carolina Augusto, cantante galega nada no municipio de Ribeira (A Coruña), máis coñecida no mundo da verbena como 'Karol', ex compoñente de orquestras como Salsa Rosa e Los Españoles, forma parte de Kubo dende o pasado ano 2017

Karol, aos seus 27 anos de idade xa é recoñecida polos seus compañeiros coma unha das grandes vocalistas da escena galega. Ademais de cantante, é pianista. A súa particular e potente voz convirte nun espectáculo calquera peza que interpreta. 

MICHELL ARANGUIBEL, CANTANTE FEMININA

Michell Aranguibel Lugo, cantante venezolana nada en Maracaibo, que se define a sí mesma como "apaixoada, profunda e emocional", pasa nesta tempada 2018 o seu primeiro ano en Kubo, e asegura que está "feliz de pertencer a este equipo de artistas e profesionais". Posúe unha "ampla traxectoria musical" no seu país. Pertenceu a un grupo feminino chamado 'Las Cherries', do cal se pode atopar "material en YouTube" e a súa voz tamén estivo presente en comerciais de TV, radio e publicitarios.

Así mesmo, tamén tivo a oportunidade de ser 'couch' nun 'reality' de cantantes de Venezuela, "algo así como 'La Voz' de aquí", segundo explicou Michell. Ademais, dictou clases de expresión corporal, canto, dominio escénico e fixo máis de tres anos de teatro, entre outras actividades.

Chegou fai catro anos a Galicia e pertenceu ás filas das orquestras Suavecito, Costa Oeste e agora de Kubo, aínda que tamén pertence a unha banda de rock chamada 'Crush', con "excelentes músicos galegos", na súa consideración. Polo que respecta ás súas influencias musicais, Michell apunta que "hai varios cantantes que admiro", entre os que cita a Beyoncé, Celine Dion e Adele, entre outros.

Sobre o seu futuro no mundo da verbena en Galicia, Michell querería "seguir en Kubo", xa que se sinte "moi afortunada". Para ela, a canción por excelencia da formación é 'Aleluya', porque "o arranxo vocal que ten ese tema nas voces dos meus compañeiros é como tocar o mesmo ceo". Polo que respecta aos seus futuros proxectos musicais, asegura que "están aínda no estudo", e "moi pronto haberá sorpresiñas".

DANIEL LAMAS FERREIRO, CANTANTE MASCULINO

Daniel Lamas Ferreiro, máis coñecido como Danni, nado na localidade pontevedresa de Moraña, pasou por orquestras como Olympus (2007 a 2016), Filadelfia (2004 a 2007), Alkar (2000 a 2004) e Canadá (1996 a 2000), antes de chegar á orquestra Kubo en 2017.

É un dos veteranos da verbena galega. Bailarín, gogó e cantante, leva toda unha vida no mundo do espectáculo. Pasou por formacións como grupo Canadá, Alkar ou orquesta Olympus, onde desenvolveu case toda a súa carreira como cantante e alcanzou un enorme recoñecemento por parte de todo o público.

En 2017 incorpórase á orquesta Kubo nun dos elencos máis espectaculares da historia da verbena. A súa enerxía e personalidade sobre o escenario non deixan a ninguén indiferente. Danni Lamas é un artista completo e moi querido polo público.

ANTONIO BARROS, CANTANTE MASCULINO

Antonio Barros, nado en Mos (Pontevedra), defínese a sí mesmo como "extremadamente esixente, próximo e humilde" e leva na formación dende o ano 2017, "dende as súas orixes", polo que é o segundo ano que pertence ás súas filas.

Como case todos, asegura que "comecei cantando no coro da igrexa", bromea, "ao que deu paso a Coral Polifónica O Son Dos Cantares e algunha formación coral máis. Así, tras gañar o 'Concurso Internacional de Karaoke' de Salvaterra entra a formar parte da orquestra Los Trovadores, de A Coruña. Así, ao ano seguinte, "decido volver á miña terra" e, durante cinco tempadas, forma parte da orquestra Miramar, de Moaña. Despois, tras un ano sabático, pasa a formar parte da orquestra Stelares, de Ponteareas.

Orgulloso da súa traxectoria, asegura que "a sorte sorriume á tempada seguinte", na que compaxinou o concurso 'Recantos' do programa da TVG 'Luar' e a súa integración entre os compoñentes da orquesta Kubo. Sobre as súas influencias, afirma que "non teño un cantante referente", porque "creo que hai moitos que poderían cumprir perfectamente ese papel".

Sobre o seu futuro no mundo da verbena, asegura que "nunca se sabe as voltas que pode dar a vida", pero, "persoalmente, gustaríame continuar no mundo da música". Respecto a Kubo, asegura que, "de continuar no mundo da verbena, teño claro que en Kubo está o meu lugar".

Para el, a actuación máis emotiva, pese a que "é difícil elixir unha", foi "tocar na miña terra", xa que "sempre é un aliciente", pero tamén "recordo con especial emoción a final de 'Recantos". Actualmente, está "traballando en temas propios"; de feito, presentou o primeiro a pasada primavera na TVG e, "en breve", estará dispoñible en todas as plataformas dixitais e YouTube.

FERNANDO HERNÁNDEZ RODRÍGUEZ, CANTANTE MASCULINO

Fernando Hernández Rodríguez, nado en Segovia, defínese a sí mesmo como "positivo, polifacético e perfeccionista", e puntualiza que, "no meu caso, a persoa e o artista son exactamente o mesmo". Tamén é o primeiro ano que forma parte das filas da orquestra Kubo.

A súa andadura no mundo da música comeza dende que era pequeno, cando fixo os seus primeiros 'pinitos' no colexio, cantando coa coral. Despois, xa con 16 anos, asegura que "non podía vivir sen pensar que (a música e cantar) era o único que tiña que facer nesta vida para ser feliz". Anos máis tarde, participou con grupos de folclore de guitarrista e cantante en festivales como o de Puerto Rico, Matosiños, Polonia e Italia, entre outros.

Deste xeito, dende os 16 anos, compoñía temas propios e terminou en Galicia, onde empezou no ano 2002. Comezou o seu andadura na verbena galega na orquestra Solara, na que permaneceu seis anos, continuando outros cinco na Palladium, dous en Sintonía de Vigo, un en Olympus, un en Capitol e actualmente atópase en Kubo.

Entre as súas influencias musicais, destacan as figuras de Michael Jackson e Beyoncé. A música "é a miña vida", e "xa sexa nunha orquesta, grupo, compoñendo para os demais ou de calquera outro xeito", apunta que "seguirei adicándome profesionalmente á música". Como motivo para continuar, di que "gústame aportar todo o que podo facer", aínda que "ás veces non se requira", mais "sempre está ben aportar e gozar do camiño".

Para el, o seu momento máis emotivo nun actuación foi nunha sala de festas, cantando 'Y cómo es él' coa orquesta Olympus, xa que "non podía case terminar de cantar chorando de emoción, sentindo cada nota coma se fose miña". Sobre os seus proxectos de futuro, asegura que o seu único en vista é Kubo, "un proxecto que vai máis aló de actuacións en festas" e onde se marcou "un destino no que a orquestra se consolida como única e diferente".

Escenario da orquestra Kubo.
Escenario da orquestra Kubo.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta