O Eixo Atlántico reclama a Feijóo que negocie a saída sur de Vigo con Sánchez

Segundo a secretaría xeral, esta saída supoñería un aforro de tempo, solucionaría o problema histórico do Porriño e retiraría tráfico da autovía A-55.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 12/07/2018 | Actualizada ás 17:03

Comparte esta noticia

O Eixo Atlántico quere lembrarlle ao presidente que no 2017 se lle remitiu unha carta na que se pedía que negociase co goberno central a continuación do saída sur de Vigo, que quedou paralizada ao chegar á estación de Urzaiz. E faino cando a próxima semana o presidente da Xunta se vai reunir co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e dado o "interese que Núñez Feijóo demostrou pola conexión Vigo-Porto na súa recente viaxe a Portugal", indican.

AVE a Galicia. EUROPA PRESS - Archivo
AVE a Galicia. EUROPA PRESS - Archivo

OS BENEFICIOS DA SAÍDA SUR

Segundo a secretaría xeral, esa saída sur suporá, non só un aforro de tempo para evitar todo o rodeo que o tren dá polo actual acceso a Vigo desde Tui, senón tamén o aforro aos pasaxeitos da Coruña de cruzar toda cidade para cambiar de tren . A saída sur permitirá, así mesmo, o acceso dos trens Alvia español ou Alfa pendular portugués grazas á nova electrificación necesaria. Por último, solucionará o problema histórico do Porriño, reconvertendo a actual liña nunha de tranvía ou metro-tren menos agresiva, que permita conectar Vigo cunha parte da súa área metropolitana onde se sitúan os principais polígonos empresariais.

"Isto retiraría tráfico da autovía A-55", asegura o Eixo Atlántico. Así mesmo, recorda que "o tantas veces anunciado túnel de Tameiga nunca pasou de ser unha promesa electoral". Iso "a pesar de que se anunciou en 2001 que o proxecto estaría redactado ese mesmo ano, a obra comezaría en 2002 e estaría finalizada no 2003. Posteriormente, en 2015 a ministra Ana Pastor anunciou publicamente a tramitación dun proxecto para un trazado alternativo que incluía o citado túnel".

CARTA SEN RESPOSTA

O Eixo Atlántico comenta que nunca tiveron resposta a esa carta enviada ao presidente. Desta maneira, "ao non ver representada a defensa dos intereses de Galicia nesta materia na relación institucional entre o presidente da Xunta e o ministro de Fomento, optamos por xestionar nós directamente estes aspectos". Levan falado, pois, tanto co anterior secretario de estado Julio Gómez Pomar, como coa entón directora xeral e actual presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, e con comisarios e altos responsables comunitarios na parte europea.

Na actualidade están pendentes de reunirse cos novos responsables de Fomento, "pero xa que a reunión institucional do presidente da Xunta co presidente do Goberno é inminente, queremos reiterarlle ao responsable do Goberno galego a nosa solicitude de xaneiro do 2017 para que poña sobre a mesa o inicio inmediato das obras da saída sur de Vigo", reitera o Eixo Atlántico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta