Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 26/07/2018 | Actualizada ás 22:00
Galicia non dispoñía até agora dunha cartografía pública e actualizada de areas queimadas por incendios forestais, a diferenza do que ocorre noutras comunidades autónomas. Dende finais da década de 1990 ata aproximadamente o ano 2009, o SITGA (Sistema de Información Territorial de Galicia) elaborou unha cartografía histórica de lumes forestais que abrangue o período 1997–2007. Mais esta cartografía non está accesible e quedou, ademais, desactualizada. Ante a necesidade de información espacialmente explícita, así como outras variables ambientais de interese ecolóxico que dela se poden derivar, o investigador galego Adrián Regos creou unha cartografía de áreas afectadas polos incendios forestais ocorridos no país neste século, concretamente dende o ano 2001 até o 2017.
A catrografía xerouse a partir do produto de áreas queimadas mensuais do sensor MODIS (Moderate Resolution Imaging Spectroradiometer) da NASA. Este é un instrumento científico que foi posto en órbita terrestre pola axencia espacial estadounidense en 1999 a bordo do satélite Terra (EOS AM) e en 2002 a bordo do satélite Aqua.
A cartografía constitúe, segundo o seu autor, unha fonte moi valiosa de información espacial con múltiples aplicacións no eido da conservación da biodiversidade, da xestión forestal e do territorio.
A partir desta información, co obxecto de fornecer a comunidade investigadora galega cun conxunto de variables ambientais de alto interese ecolóxico, elaboráronse os seguintes subprodutos: área queimada anual, total de área queimada para o período 2001-2017, recorrencia dos lumes e tempo transcorrido dende o último incendio. Para a visualización e dispoñibilidade desta información creouse unha aplicación web de mapas.
Como resultado, temos a única información espacialmente explícita en Galicia, e publicamente dispoñible e de balde, sobre as áreas afectadas por incendios forestais.
A área queimada anual foi comparada coas estatísticas oficiais de incendios dispoñibles a nivel provincial e proporcionadas polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA). Os resultados amosan unha alta correlación entre a área queimada estimada a partir do produto MODIS e a obtida a partir das estatísticas oficiais. Porén, o produto MODIS tende a sobreestimar a área oficialmente queimada (media = 2.76%), aínda que isto depende fortemente do ano e da provincia. A pesar destas limitacións, esta cartografía constitúe, segundo o seu autor, unha fonte moi valiosa de información espacial con múltiples aplicacións no eido da conservación da biodiversidade, da xestión forestal e do territorio.
Regos recoñece que esta falla puntual de fiabilidade está fundamentalmente causada pola non detección de incendios que si ocorreron (erros aparentes de omisión), atribuída a ocultación por parte da cuberta arbórea de incendios de superficie; e á resolución nativa de 500 metros das bandas do SWIR (infravermello de onda curta) do MODIS, que determinan o tamaño da área queimada que pode ser detectada.
Estas limitacións, explica Regos, resultan especialmente relevantes nas áreas xeográficas tendentes a presentar nubes persistentes, réximes caracterizados por presentar un gran número de incendios de pequeno tamaño, e unha rápida rexeneración pos-incendio da vexetación, como é o caso de Galicia. Sen embargo, o autor subliña que a maior diverxencia entre os datos estatísticos oficiais proporcionados pola Administración Pública española e os estimados a partir do sensor da NASA ten lugar en anos especialmente problemáticos, caracterizados por varios incendios de gran tamaño, onde precisamente o produto MODIS pode presentar unha maior fiabilidade, e que puideron dificultar significativamente as estimacións da Administración.
Concretamente, pon como exemplos os anos 2005 e 2006, para os que os datos da Administración subestiman claramente a área queimada se se comparan coa cuantificada a partir do produto MODIS (media = 33.3±35%). É por isto que Regos aconsella contrastar os datos estatísticos oficiais con estimacións obtidas a partir de teledetección, que, recorda, constitúe unha fonte sistemática, estandarizada e fiable de información.
Malia as limitacións, a cartografía que creou Regos e que representa a área queimada anual, total, recorrencia e tempo dende o último incendio constitúe actualmente a única fonte cartográfica dispoñible e libremente accesible para Galicia no que se refire a incendios forestais e a súa distribución, o que, segundo o seu propio autor, supón unha valiosa fonte de información espacial con múltiples aplicacións no eido da conservación da biodiversidade, da xestión forestal e do territorio. Concretamente, lembra que tanto a área queimada, como a recorrencia de incendios ou o tempo transcorrido dende o ultimo incendio son variables esenciais amplamente utilizadas para avaliar o efecto dos incendios na paisaxe e a biodiversidade, tanto a escalas amplas como máis locais
Así, destaca que esta información pode ser combinada espacialmente con outras capas relativas a cubertas de usos do solo ou tipo de vexetación xerando unha información relevante para estudos de carácter ecolóxico.
Regos remarca que a dispoñibilidade de información xeográfica que permita a xeorreferenciación, delimitación e cuantificación precisa das áreas afectadas polos incendios forestais resulta de vital importancia tanto para súa xestión como para a avaliación posterior dos seus impactos.
A intención, agora, é actualizar esta información anualmente.
O traballo de Regos, titulado 'Cartografía de áreas queimadas en Galicia no século XXI: presentación do produto e aplicación web mapping', vén de publicarse en Nova Acta Científica Compostelana-Bioloxía, que edita a Universidade de Santiago de Compostela. O autor é investigador no Departamento de Zooloxía, Xenética e Antropoloxía Física da USC e do Grupo ECOCHANGE do Centro de Investigacão em Biodiversidade e Recursos Genéticos da Universidade do Porto, CIBIO/InBIO.
1978, 1981, 1985 e 1989 foron os peores anos en superficie calcinada polos incendios forestais en Galicia.
DATOS DE INCENDIOS EN GALICIA
Entre 1968 e 2016, en Galicia ocorreron máis de 256.750 incendios forestais, afectando a máis de 1.931.800 hectáreas, o que equivale a un 63% do territorio galego, segundo as estatísticas históricas de incendios forestais do MAPAMA, que recolle Regos no seu traballo.
No produto cartográfico obsérvase claramente que as provincias de Pontevedra e Ourense son, de lonxe, as máis afectadas polos incendios forestais, mentres que Lugo é a que menos impactos sufriu dos lumes.
De feito, outro estudo recente demostrou que o sur de Galicia é a zona do Estado español con maior incidencia de lumes forestais. É nesta área, nas provincias de Pontevedra e Ourense, onde en 37 anos —entre 1974 e 2010— se rexistrou unha maior densidade de incendios e máis hectáreas calcinadas, segundo datos do Centro de Investigación Forestal CIFOR-INIA (Ministerio de Economía, Industria y Competitividad).
Nese mesmo período analizado —entre 1974 e 2010—, Galicia é a autonomía máis afectada polos incendios forestais, con 1.609.348 hectáreas queimadas, equivalentes ao 54,4 por cento do total do territorio galego, que é de 29.575 quilómetros cadrados.
Por anos, segundo os datos do MAPAMA analizados por Rego, destacan 1978, 1981 e 1985, cando arderon máis de 100.000 hectáreas cada ano, pero especialmente dramático foi 1989, cando que se calcinaron 199.152.
O investigador tamén salienta que a partir do ano 1990, cando se creou o Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais, con competencia e responsabilidade exclusiva por parte da Xunta de Galicia, se iniciou unha colaboración co Ministerio de Defensa en labores de extinción. Tamén se creou o servizo de aviso de incendios forestais a través do número gratuíto 085 e destináronse subvencións a cuadrillas privadas para a prevención e extinción. Como consecuencia, subliña Regos, o tamaño medio de área queimada nos incendios diminuíu, pasando das 21,3 hectáreas do período 1968-1989 ás 3,2 do período 1990-2017, a pesar do maior número de incendios rexistrados.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.