Puy Fraga nega que o nomeamento da súa irmá como asesora do Valedor "afecte á credibilidade" da institución

Reitera que corresponde ao Estado "emprender as accións legais" para recuperar a titularidade pública do Pazo de Meirás.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/07/2018 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

O portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, negou que o caso do nomeamento da xefa de persoal do Valedor do Pobo que foi anulado por unha sentenza xudicial do TSXG afectase á "credibilidade" da institución que dirixe Milagros Otero, cuxa continuidade foi avalada polo Parlamento de Galicia polos deputados populares.

Pedro Puy, no Parlamento
Pedro Puy, no Parlamento | Fonte: Europa Press

Este domingo nunha entrevista en Radio Nacional, Puy resaltou que "é evidente" que o Valedor do Pobo goza de "unha imaxe positiva no conxunto do país" e que "o incidente na provisión dunha praza non afecta á credibilidade da institución".

A comezos do mes de xullo, a Sala do Contencioso Administrativo do TSXG anulou o nomeamento como xefa de persoal de María Puy Fraga, irmá de Pedro Puy e filla do mentor de Milagros Otero, quen, segundo o fallo xudicial, cometeu "desviación de poder" e "arbitrariedade" durante un proceso de selección que na sentenza considérase dirixido a que o posto recaese na persona finalmente seleccionada.

"A oficina do Valedor está a traballar de forma constante en temas importantes, como demostra a última acción emprendida esta semana respecto dos atascos da AP-9", indicou Puy Fraga.

PAZO DE MEIRÁS

Doutra banda, o portavoz parlamentario dos populares no Hórreo reiterou que "corresponde" ao Estado "emprender as accións legais" pertinentes para recuperar a titularidade pública do Pazo de Meirás, en mans dos herdeiros do ditador Francisco Franco.

Puy argumenta que ao tratarse de "residencia oficial" e ao supor "gastos" na propiedade, é o Estado quen debe liderar o proceso, algo no que, como lembrou, coinciden os expertos que estudaron a viabilidade do procedemento de recuperación de Meirás.

CONGRESO PP

Pasada unha semana desde que o Partido Popular concluíse o seu proceso de renovación interna coa elección de Pablo Casado como sucesor de Mariano Rajoy, Puy indicou que "todos os procesos congresuais poden frustar as expectativas dalgunha persona", aínda que, ao seu xuízo, "en liñas xerais, unha das cousas positivas é que o novo presidente fixo un esforzo de integración".

"Todos os candidatos que competiron con el (Casado) están presentes na nova dirección excepto a señora Sáenz de Santamaría, que terá ocasión de incorporarse no futuro, así como un importante número de persoas que apoiaron ás outras candidaturas", incidiu Puy, quen, a diferenza dalgún dos seus compañeiros no PPdeG, non revelou a quen votou para liderar o partido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta