Por E.P. | A CORUÑA | 20/08/2018 | Actualizada ás 15:56
A segunda campaña anual de colocación de trampas paraevitar a proliferación de niños de vespa asiática na Coruña saldouse este ano coa captura de 2.972 exemplares de raíña desta especie, segundo informa o Consistorio. Sobre esta campaña, nun comunicado, a concelleira responsable de Seguridade Cidadá, Rocío Fraga, destaca o incremento dun 130 por cento nas capturas este ano respecto do pasado, "no que caeron nas trampas distribuídas pola cidade un total de 1.290 exemplares de raíña".
A campaña arrincou a principios do mes de marzo, cando os departamentos de Medio Ambiente e Seguridade Cidadá colocaron 207 trampas por toda a cidade, con maior intensidade nas zonasonde se detectou máis actividade da velutina. Este período de captura, que se realiza durante a primavera, cando a temperatura está entre 12 e 15 graos, por ser a época de máis actividade das raíñas e na que os niños están a crecer, prolongouse mesmo mediados de xuño. Os lugares con maior actividade da velutina no municipio atópanse en zonas como Elviña, Castrillón, Eirís, Mesoiro-Pocomao, Feáns-Obradoiro-Urbanización Breogán e Zapateira.
AVISAR AOS SERVIZOS MUNICIPAIS
Desde o Consistorio solicítase aos veciños que teñan precaución e se dirixan aos servizos de seguridade do Concello, a través dos teléfonos 012 ou 112, cando se detecte un niño de velutina. A edil de Seguridade Cidadá lembra que, ademais do sistema de trampeos que o Concello iniciou o pasado ano, o Servizo Municipal de Extinción de Incendios e Salvamento asumiu en xuño de 2016 a eliminación dos niños. "Desde entón, son xa 339 os niños capturados no municipio, dos que 94 corresponden a este ano", informan desde esta Concellaría.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.