Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/08/2018 | Actualizada ás 16:31
A Policía Nacional investigou a un total de 26 persoas como responsables de falta de pagamentos de cotas á Seguridade Social que suman case 5 millóns de euros. Esta operación contra a fraude tivo "especial relevancia" na provincia de Lugo e levou as actuacións a Santiago, Vigo, Pontevedra, Viveiro (Lugo) e Ponferrada (León).
Segundo informou a Policía Nacional nun comunicado, a investigación comezou a mediados de 2017 grazas a diferentes denuncias remitidas por parte da Tesouraría Xeral da Seguridade Social. Deste xeito, os axentes revisaron e analizaron doce expedientes de empresas debedoras, todas elas domiciliadas na provincia de Lugo, o que implicou aos investigados en diversos delitos de fraude.
E é que os responsables destes actos, segundo o corpo, son "principalmente" os administradores e socios das empresas, aínda que tamén se detecta a implicación de familiares directos e de traballadores "que actuaban como homes de palla", estes últimos "baixo a ameaza de perder" o seu emprego.
CREACIÓN DE SOCIEDADES
A investigación esclarece que, co fin de eludir o pago destas cantidades, que ascenden a case 5 millóns de euros, os defraudadores creaban sucesivamente sociedades mercantís ás que transferían a actividade que desenvolvía a debedora, así como armazóns empresariais nos que a actividade aparece nunha ou outra entidade, segundo conveña. Ademais, detectouse a transmisión de propiedades de bens entre empresas ou empresarios, o que dificultaba a súa localización aos organismos do Estado para eludir o pago das débedas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.