Temas: XOGO ARTESANíA

Xogos de mesa artesáns "made in Galicia" para presumir de idioma

Irimia Fernández quería percorrer o planeta filmándoo. O seu maior soño era crear documentais en galego, mais a vida levouna por outro camiño: agora é artesá de xogos de mesa no noso idioma. Brazolinda, que así se chama o seu proxecto, quere aprenderlle á rapazada a reflexionar de maneira divertida, incentivar a súa curiosidade e facela realmente libre.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 24/08/2018 | Actualizada ás 14:32

Comparte esta noticia

O mercado dos xogos ten un futuro prometedor. Nestes últimos anos as súas vendas aumentaron significativamente a nivel estatal e mundial, mais aquí, en Galicia, quedaba un oco baleiro por encher: o dos xogos de mesa en galego. Por iso, Irimia Fernández decidiu emprender un proxecto no que deseñalos e fabricalos: Brazolinda. Pouco a pouco, esta artesá foise facendo oco entre feiras, tendas e escolas e agora os seus produtos xa conseguen unha moi boa acollida.

Irimia Fernández con algúns dos seus xogos de mesa
Irimia Fernández con algúns dos seus xogos de mesa

"Eu xogaba - e sigo xogando - moito ós xogos de mesa, ás cartas, ó dominó... co meu irmán maior e cos meus pais, e tamén creaba historias co Lego e cos Playmobil. Todos aqueles xogos influíron nos de Brazolinda", conta. No maxín de Irimia sempre medran novas ideas, novos deseños. Pensa que nin na casa nin na escola se lle dá aos xogos de mesa a importancia que merecen, e cre firmemente na necesidade de rachar cos estereotipos de xénero nos xoguetes. 

Pensa, deseña, fabrica e vende en galego. Irimia fai sempre un uso comprometido e consciente do idioma: "se un neno se sente orgulloso de falar galego, non cambiará de idioma cando chegue ás escola, ó instituto, á universidade... á vida. E ese neno, de adulto, transmitiralle o seu sentimento e o seu idioma ós fillos...". A súa teima é esa: o orgullo da rapazada polo idioma. Os xogos de mesa incentivan a fala e o socializar coa familia e coas amizades. E por iso, Irimia compáraos cos paseos, as conversas ou os contos: son unha ferramenta máis na educación dos cativos e cativas. 

Como nace Brazolinda?

A min sempre me gustaron moito os xogos de mesa e, cando quixen introducir ós meus fillos nese mundo, non atopei xogos no mercado que me convencesen. Entón pensei en que cousas quería aprenderlles e fun creando xogos para eles, por iso a medida que os nenos
medran os xogos van facéndose máis complexos.

As súas creacións son coloridas e veñen en caixiñas de madeira
As súas creacións son coloridas e veñen en caixiñas de madeira

É complexo emprender un proxecto deste estilo? Por ser muller, tivéchelo nalgún momento máis complicado?

Eu non percibín nunca nin beneficios nin prexuízos por ser muller. O maior problema co que me atopo, como tantos outros autónomos, son os moitos gastos que teño alleos ós propios da compra de material e da elaboración dos xogos. Tampouco é fácil difundir o proxecto, e menos cando se trata dun produto artesán que ten unha produción lenta, pero supoño que isto último é cuestión de tempo, constancia e paciencia.

Como é o mercado dos xogos de mesa en Galicia? Como consegues irte facendo oco nel?

Este mercado é practicamente inexistente. Se ben dar a coñecer o proxecto é lento e complexo, si que é certo que alí a onde vou a acollida está sendo magnífica, tanto entre as familias como nas escolas. Cando vou ás feiras, sempre poño unha zona de xogo ó carón da de venda para que os visitantes poidan probar os xogos e disfrutar dun tempo de ocio en familia. Isto fai que poidan coñecer mellor os xogos, descubrir o ben que o poden pasar xuntos independentemente da idade, experimentar os beneficios que os xogos teñen na educación e todo iso, pouco a pouco, axuda a ir facendo ese oco.

"Do mesmo xeito que un bo escritor tamén é un bo lector, eu para deseñar teño que xogar e xogar..."

A que xogabas ti de cativa? De que maneira os xogos que tiveches ou que che gustaría ter tido inflúen nas creacións de Brazolinda?

Eu xogaba (e sigo xogando) moito ós xogos de mesa, ás cartas, ó dominó ... co meu irmán maior e cos meus pais, así como a crear historias co Lego e cos Playmobil. E por suposto que aqueles xogos influíron nos de Brazolinda porque me permitiron coñecer diferentes dinámicas de xogo e, sobre todo, interiorizar o que se sente xogando. Do mesmo xeito que un bo escritor seguramente tamén é bo lector, ou que un pasteleiro ten que probar diferentes receitas para coñecer o sabor e a textura das súas creacións, eu para deseñar xogos de mesa teño que xogar e xogar (e se é en familia moito mellor).

Deseñas e fabricas. Como é o proceso de levar as ideas que van xurdindo na cabeza a un xogo tanxible?

O proceso de crear depende moito de cada xogo, pero adoita ser complexo e longo. Ás veces, as menos, vénme unha idea á cabeza e tal cal me vén tal cal queda o xogo. Pero normalmente, a idea que teño non é máis que unha dinámica de xogo ou uns obxectivos, pero fáltanme os materiais. Teño que darlle moitas voltas, idear diferentes opcións, probar con formatos e materiais... e, finalmente, ás veces desbotalo todo e volver a comezar o proceso porque os custes de produción ou a complexidade non os fan viables. Por iso é unha satisfacción moi grande cando, ás veces despois dun ano de traballo, finalmente dou co deseño axeitado e comezo a fabricar o xogo.

Dáslle importancia ás adiviñas e aos exercicios que fan reflexionar. Que papel cumpren os xogos no desenvolvemento persoal dunha nena ou dun neno?

Os xogos son unha ferramenta máis na súa educación, ó igual que o son as conversas, os paseos, os contos... Normalmente centrámonos en aprenderlles contidos e máis contidos pero non lles aprendemos a manexalos. Preparan o corpo na clase de ximnasia pero ninguén lles axuda a preparar a mente. Aprender a pensar, a razoar, a reflexionar, a observar... permítelles manexar mellor a información que lles damos e isto fainos máis curiosos e máis libres, xa que son capaces de reter mellor eses datos, xestionalos, empregalos, cuestionalos e amplialos.

"Os nenos agraceden moitísimo ver como os maiores entran no seu mundo"

Sempre se entendeu o “xogar” coma unha maneira de divertirse. Pero ademais diso, o xogo tamén estimula as capacidades dos nenos e nenas. Pensas que teñen o lugar que merecen na escola?

Nin na escola nin na casa. Eu vexo demasiado a miúdo nas feiras ás que imos, que os adultos non queren entrar na carpa a xogar porque consideran que é cousa dos nenos. Pero cando algún entra, ou cando veñen esas familias que nada máis chegar xa están todos sentados e dispostos, dá moito gusto ver os seus sorrisos, porque eles -nenos, adolescentes e adultos-precisan pasar tempo xuntos. O xogo vailles aprender moitas cousas, ademais de entretelos, pero tamén serve de escusa para estar todos fisicamente xuntos. Os nenos agradecen moitísimo ver como os maiores entran no seu mundo, e eses maiores teñen unha oportunidade de ouro para ver como razoan e medran os pequenos e pasan a valoralos doutro xeito. No tocante á escola, eu vexo que cada vez hai máis mestres que inclúen os xogos na aula e iso paréceme esperanzador. Do mesmo xeito que se están empregando tamén os nosos xogos con persoas maiores ou en terapias específicas.

A rapazada xoga máis agora ca antes? Ou ao contrario? As novas tecnoloxías cambiaron os hábitos de divertimento dos máis cativos?

Xogar ou non xogar, comer ou non peixe ou verduras, saber ou non expresarse correctamente, facer ou non exercicio físico... tódalas cousas que fan ou non fan os nenos non llas podemos reclamar a eles. Os nenos farán o que vexan na casa. Se os pais lles mercan unha máquina para que xoguen e non molesten... iso será o que fagan porque pensarán que é a mellor maneira de pasar o tempo. Se lles mercan un xogo de mesa e sentan con eles a xogar, verán iso como algo normal e entretido. Temos que pensar que os nenos, unha vez que saen da escola, teñen moitas horas libres por diante. Se nós non lles amosamos alternativas de ocio e, por comodidade, o que facemos é aprenderlles a prender a televisión ou a consola, non podemos culpalos a eles. Hai que pasar tempo cos nenos, pero a escusa de moitos pais é que non teñen tempo. Eu creo que non se trata diso, senón de ter claras cales son as nosas prioridades. Eu moitas veces dedícolle menos tempo do que seguramente precisaría ó meu traballo, pero ese tempo regálollo ós meus tres fillos e eles agradéceno un mundo, e eu tamén.

"Quero crer que se avanzou moito e que os xoguetes e xogos xa non separan por sexos"

Hai pouco saltou aos medios que Carrefour lanzaba uns xoguetes nos que se marcaban uns roles de xénero determinados: os nenos eran “campións” e as nenas “cociñeiras”. Isto pasa dende sempre. Son inocentes os agasallos que se lle fan aos nenos e nenas?

Vin o anuncio e sorprendeume que, a estas alturas, aínda se fixesen esas diferenciacións. O
agasallo en si non ten culpa, o que importa é a educación previa e a intencionalidade. Quero crer que se avanzou moito e que os xogos e xoguetes xa non se separan por sexos. Pero tamén podo dicirche que me sorprendeu moito cando, recentemente, unha mestra de infantil me dixo que o xogo de equilibrio que eu teño, que nunha das versións que fixen era unha nena balancín, non lle valía para ter na clase porque era para nenas e os nenos non ía querer xogar con el. Só porque a forma era dunha nena! Se esa é a mentalidade da mestra, que culpa teñen os seus alumnos e alumnas?

Como xestionas esta cuestión no teu traballo? Como te posicionas á hora de crear os
teus xoguetes?

Eu deseño os xogos pensando nos obxectivos educativos, na diversión, na estética, na seguridade... pero non creo que haxa neles nada que poida levar a pensar que están orientados para nenos ou para nenas (nin sabería facelo se quixese porque me resulta imposible comprender que un xogo poida estar orientado a un sexo en concreto). De feito, nin sequera os deseño pensando en nenos e nenas senón que son xogos para quen queira xogar, sen límite de idade.

Desenvolves o teu traballo en galego. Mesmo tes recibido o premio Manuel Beiras na
modalidade de nova incorporación no impulso do idioma. Que importancia ten para ti, a
nivel persoal, traballar nesta lingua?

Fago os xogos en galego moi conscientemente porque ese é o meu idioma, no que me criei e no que educo ós meus fillos. Nunca tiven que plantexarme se facelos en galego ou en castelán, escoller o galego foi algo natural. Atópome moitas veces con persoas que me di que se os fixese en castelán tería máis mercado, pero do mesmo xeito que as películas, novelas, música ... se fan en diversos idiomas e, se é necesario, poden traducirse, os xogos tamén. Eu créoos no meu idioma e pensando nos nenos galegofalantes, que teñen todo o dereito do mundo a ter material de galego ó seu alcance; e tamén nos castelanfalantes galegos que precisan estar en contacto con material deste tipo para practicar o idioma. Teño vendido xogos para familias e escolas de diferentes lugares de España e mesmo para Arxentina, México, Bruxelas ... Abondou con traducir as instrucións.

"Fai falta que os galegofalantes se sintan orgullosos de selo e teñan material en galego ao seu alcance"

Os cativos e cativas cada vez falan menos o galego. Mais o xogo é unha maneira divertida de achegarlles o idioma ás novas xeracións... Detrás do teu emprego do galego hai tamén unha querenza por animar a xuventude a falalo? 

Eu crieime entre filólogos moi comprometidos co idioma e, dende que nacín, fun consciente da necesidade de difundir, defender e coidar o galego. Sempre rodeada de persoas que traballan día a día con ese fin, e escoitando por todas partes que xa non se fala, que se está a perder. Igual o que fai falta non é tanto centrarse nos que non o falan senón facer que os galegofalantes se sintan orgullosos de selo e que teñan material en galego ó seu alcance para que non precisen cambiar de idioma se queren desenvolver a súa vida dunha maneira normal. E se eles amosan o seu orgullo, outros valorarán e respectarán máis e mellor ó galego, ós seus falantes e á súa difusión. Se un neno se sente orgulloso de falar galego, non cambiará de idioma cando chegue ás escola, ó instituto, á universidade... á vida. Ese neno, de adulto, transmitiralle o seu sentimento e o seu idioma ós fillos.

No discurso de recollida do premio falabas dun teu soño de crear documentais en galego. Que aconteceu con el?

Éche unha longa historia. Eu sempre fun unha gran consumidora de documentais, ó igual que o son agora tamén os meus fillos. Eu son xeógrafa e, como tal, teño moita curiosidade por múltiples disciplinas. De nena quería crear documentais que contasen, dunha maneira visual, aquelas cousas que aprendiamos na escola e que resultaban difíciles de comprender sen velas. Era un tempo, a finais dos anos 80 e comezos dos 90, no que todo era teoría e non había nin clases prácticas, nin material audiovisual, nin nada. Grazas a ver tantos documentais, cando escoitaba os discursos dos mestres comezaba a ter un bombardeo de imaxes e información na miña cabeza que me permitían imaxinar o meu propio documental. Eu quería, co tempo, percorrer o planeta filmándoo. Pero aquilo quedou en nada por diferentes motivos. Sendo moi nova funme cruzando con persoas alleas ó meu entorno que se empeñaron en facerme crer que aquilo que eu soñaba non era posible e, con moitísima pena e tristeza, acabei crendo que tiñan razón e renunciei ó meu soño. Agora sei que estaban errados, pero para este soño, tal cal eu o ideei, xa é tarde.

Irimia coloca as pezas dun xogo
Irimia coloca as pezas dun xogo
Temas: XOGO ARTESANíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta