Luz verde para un gran parque eólico que pode afectar á famosa rapa das bestas de Sabucedo

A Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo alerta que o proxecto eólico Pico Touriñán, nos concellos da Estrada, Cerdedo e Campo Lameiro, pode afectar ao patrimonio vexetal, animal, etnolóxico e arqueolóxico existente na zona e influir na famosa festa declarada de interese turístico internacional.

Por Xurxo Salgado | A Estrada | 02/09/2018 | Actualizada ás 22:06

Comparte esta noticia

A Consellería de Industria acaba de autorizar, tal e como recolle o DOG, a instalación do parque eólico Pico Touriñán, situado nos concellos da Estrada, Cerdedo e Campo Lameiro (Pontevedra). Esta infraestrutura, promovida pola sociedade Enel Green Power España, S.L. e cunha potencia de 24 MW, aprobouse sen ter en conta as alegacións da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, que alertou sobre a súa posible afección a esta festa declarada de interese turístico internacional.

A previsión deste parque eólico é que os aeroxeradores se distribúan sobre elevacións do terreo entre as paraxes de Monte Montouto, Pico dous Aguións e Coto da Conla, en cotas que oscilan entre os 750 e os 768 metros de altitude. O pasado maio, Xosé Henrique B.B., en representación da Asociación Rapa das Bestas de Sabucedo, achegou unha serie de alegacións ao proxecto, entre elas, a necesidade de protección do patrimonio vexetal, animal, etnolóxico e arqueolóxico existente na zona do parque eólico. En concreto, puxo de manifesto o impacto que xerarían as instalacións do parque eólico sobre a famosa festa da Rapa das Bestas.

Rapa das Bestas de Sabucedo. TURGALICIA - Archivo
Rapa das Bestas de Sabucedo. TURGALICIA - Archivo

Tamén indicou a existencia de deficiencias no estudo de impacto ambiental, tales como a non consideración dos parques eólicos existentes na zona, estudo incompleto dos impactos na fase de explotación, avaliación deficiente das afeccións sobre a paisaxe e sobre a saúde das persoas e da fauna. Tamén denunciou a falta de estudo dos efectos xerados polo ruído, así como dos impactos sobre a avifauna, a saúde ambiental, a calidade de vida das persoas, e sobre o uso gandeiro e o alto risco de incendios xerado polas instalacións.

Con todo, a Dirección Xeral de Minas decidiu outorgar a autorización administrativa de construción sen ter en conta estas alegacións. Só fixo unha excepción coa instalación de dous aeroxeradores, o 1 e o 2.  E foi tras un informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, que apuntaba á necesidade de desprazalos fóra da area de protección do xacemento denominado Túmulo de Rego do Foso.

O promotor deste proxecto é a sociedade Enel Green Power España S.L. O parque, que afecta a tres concellos e está composto por 10 aeroxeradores, te un orzamento de 43.564.278 euros. Ademais, a obra civil ligada a esta instalación comportaría a apertura duns 4.430 metros de viarios de acceso e servizo ás instalacións, así como o acondicionamento, para este mesmo fin, doutros 333 metros de pistas e camiños xa existentes.

LONGA CRONOLOXÍA

O parque Pico Touriñán foi admitido a trámite en abril de 2010. Dada a proximidade dos aeroxeradores a un radar meteorolóxico estableceuse como condición indispensable que o promotor elaborarse un estudo técnico específico que avaliase o posible impacto do parque sobre o radar, propóndose o desprazamento dun dos muíños.

En 2013, obtivo autorización da Xefatura Territorial da Xunta en Pontevedra. Tamén ese ano, Retegal, S.A., que pediu que se emendaran as posibles obstrucións aos sinais de televisión TDT, comunicaba que non desexaba manter ningunha oposición ao proxecto. Posteriormente, ese mesmo ano, os concellos de Campo Lameiro e Cerdedo emitiron informe favorable sobre o proxecto e o da Estrada manifestaba que non desexaba manter ningunha oposición ao proxecto sempre que as vías sigan prestando servizo aos veciños e a promotora realice o seu mantemento. Posteriormente, no 2014, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou as instalacións do parque eólico.

Xa en decembro do pasado ano, a promotora solicitou a declaración de interese especial para o parque eólico e o 21 dese mes, o Consello da Xunta de Galicia declaraba o parque como proxecto de interese especial.

Parque eólico de Gamesa
Parque eólico de Gamesa
Cabalos nun parque eólico
Cabalos nun parque eólico | Fonte: Wikiloc- Ismajazz
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Epazote

Si esto va a dañar a los animalitos, no me interesa. Hay que ser más conscientes. https://www.epazote.org/