Un incendio queima case por completo unha vivenda en Sarria

Galicia rexistra nas últimas horas lumes en Castro de Rei, Campo Lameiro e Aranga.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 05/09/2018 | Actualizada ás 10:54

Comparte esta noticia

Unha vivenda situada no lugar de Padriñán, no municipio lucense de Sarria, resultou practicamente calcinada na madrugada deste mércores por mor dun incendio. Segundo a información do 112-Galicia, un veciño alertou aos servizos de emerxencias pouco antes das 2,00 horas da madrugada, indicando que se iniciara un lume nun costado da vivenda, onde se situaban as cuadras.

Un raio durante a noite
Un raio durante a noite

Até a zona desprazáronse os Bombeiros de Sarria, que traballaron para extinguir as chamas até preto das 7,00 horas. Como consecuencia do lume, resultou queimado un 70% da vivenda.

Aínda que a casa estaba habitada no momento do incendio, non houbo que lamentar danos persoais e tampouco aos animais que se atopaban nas cuadras.

UN RAIO PROVOCA UN INCENDIO EN CASTRO DE REI

Por outra banda, tamén na provincia de Lugo, un raio causou durante a madrugada un conato de incendio no municipio de Castro de Rei.

O 112 informou de que as lapas se iniciaron sobre as 3,00 horas nunha vivenda de Mosteiro Vello, despois de que caese un raio, aínda que puideron sufocarse sen maiores incidencias.

LUME EN CAMPO LAMEIRO

Os de Sarria e Castro de Rei non foron os únicos incendios da noite en Galicia. De feito, o 112 tivo constancia doutro lume rexistrado na cociña dunha taberna no lugar de Couso, no municipio pontevedrés de Campo Lameiro.

A voz de alarma deuse pouco antes de medianoite e até a zona desprazáronse efectivos dos Bombeiros do Salnés e de Pontevedra, así como membros do GES da Estrada. Finalmente, as chamas afectaron á cociña da taberna, sen que se rexistrasen danos persoais.

Por último, na Coruña, concretamente en Aranga, arderon rolos de herba seca a causa dun incendio declarado nunha palleira en Silvarredonda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta