O himno galego soa en Dakota do Sur

Nesta cuarta entrega, o viaxeiro emocional Gabriel Rei-Doval pon o traxe de profesor para facilita-la execución do himno galego en Dakota do Sur

Por Gabriel Rei-Doval | Brookings (South Dakota, USA) | 12/09/2018 | Actualizada ás 12:43

Comparte esta noticia

Cheguei a Dakota do Sur un xoves á tardiña por mor dunha Ferrolterra connection felizmente recuperada no caloroso xaneiro de Austin. Despois de cuarto século, María e mais eu eramos xa non compañeiros de aula en Mazarelos senón profesores de dúas universidades públicas do medio-oeste norteamericano. Agora, dous anos despois do inesperado encontro en Texas, tiña eu o pracer de coñece-la familia Rauber-Ramos e a oportunidade de predicar sobre Galician Culture: Bridging Tradition and Modernity nun acto organizado polo Department of Foreign Languages and Global Studies da súa universidade.

Coa familia Rauber-Ramos en Brookings (South Dakota)
Coa familia Rauber-Ramos en Brookings (South Dakota)

Os días de aclimatación que mediaron en Brookings foron deliciosos, entre conversas con Anna sobre tapicerías equinas e partituras enxebres, ensinanzas ferrolás sobre literatura paranormal e xéneros literarios menos canónicos, e melloras no meu coñecemento da xeografía e historia norteamericanas grazas ó sempre atento e discreto Joel.

Foi Joel quen por primeira vez me fixo tomar conciencia da historia real dos Lakota na visita ó Monumento Nacional Pipestone, antes de mollármoslle debidamente a palleta no histórico Saloon Calumet da vila e determinármo-las mellores rutas espirituais subseguintes polas chairas estadounidenses.

Mais Anna fíxome ver que a recuperación da identidade galega en segunda xeración pode acontecer mesmo no medio-oeste estadounidense, en paraxes hogano habitadas por máis vacas e bisontes ca seres humanos. As identidades persoais son ás veces caprichosas e permiten, grazas a elementos espirituais fundamentais coma a música, conectar con dimensións menos visibles do que en realidade somos, mesmo se como colectividade por veces atopamos atrancos infelices e tomamos desvíos indebidos.

Un día á tardiña, Anna sacou, cal coello dun sombreiro, dúas partituras que atopara ela soíña na rede de redes, e que curiosamente eran as miñas favoritas: O son do ar e Os pinos. Tanta coincidencia de gustos non debía ser casualidade, así que animeina a deleita-lo público da distinguida universidade de Dakota do Sur cunha versión do noso himno nacional versionado en directo co seu instrumento favorito, a viola. 

Mais chegou o día da prédica cultural galega e as múltiples obrigas escolares impediran a Anna ensaiar Os pinos. Joel e mais eu estiveramos ocupados coas doenzas de Dahon, atendida de urxencia no centro de saúde ciclista máis próximo por mor dun problema estrutural severo. Os profesionais da zona, non sen dificultade, finalmente conseguiran rehabilita-la súa integridade física, malia os desaxustes harmónicos asimétricos e Dahon, cos mimos e atencións recibidas, felizmente recuperara a súa salvaxe presenza que tanto habería de acompañarme en futuras tardes viaxeiras. Así que, co sempre experto sentido da orientación de Joel, finalmente chegamos puntuais á universidade para a prédica patriótico-cultural. 

Como acontece adoito cando tentamos máis sofisticación da que cómpre, a tecnoloxía traizoounos e velaí por que a exposición sobre a cultura galega houbo de ser unicamente oral e visual. A acertadísima pregunta da profesora Garst-Santos permitiu debullar con detalle os diversos paradoxos da lingua galega na actualidade, ante as curiosas e atentas olladas dos moitos alumnos presentes na sala. Mais o que converteu a presentación nun verdadeiro encontro na terceira fase foi a improvisadamente deliciosa execución de Os Pinos de Anna. E  así foi como o Himno Galego soou por primeira vez na SDSU e probablemente tamén nos xemelgos Estados de Dakota.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA