Por Galicia Confidencial | Ribeira | 14/09/2018 | Actualizada ás 11:09
O "Concello de Riveira" é o un dos poucos municipios galegos que mantén unha toponimia que non é “oficial, nin legal, nin etimolóxica”. É que, novamente, volveu denunciar o BNG no Parlamento que lle pedíu á Xunta que faga cumprir a lei no uso da toponimia de Ribeira para garantir que se respecte a toponimia oficial por parte de todas as administracións.
A través da viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, a formación nacionalista interpelou ao secretario Xeral de Política Lingüística polo uso “reiterado e intencionado” que o Goberno local fai do topónimo deturpado Riveira, “o que supón un incumprimento da Lei de normalización lingüística e do Decreto 189/2003 polo que se aproba o nomenclátor correspondente coas entidades de poboación da provincia da Coruña”.
Rodil atribuíu a “teima” do goberno local de Ribeira, en mans do PP, “a unha actitude desafiante” e exixiu que a Xunta “cumpra coas súas obrigas e garanta o respecto da forma legal e oficial”. As preguntas da deputada nacionalista recollían as denuncias expresadas polo grupo municipal do BNG en Ribeira despois de que o Goberno local encabezado polo popular Manuel Ruíz situase en dúas rotondas da vila rótulos nos que se usa o topónimo deturpado, cun custe para as arcas municipais superior aos 3.300 euros.
Rodil lembrou que xa en 2013 o Instituto da Lingua Galega resolveu nun informe o suposto conflito no uso do ‘b’ e do ‘v’ sinalando que “os criterios son claros” e que a única forma legal, oficial e etimolóxica é Ribeira. A deputada nacionalista lembrou nun comunicado que a Valedora do Pobo tamén remitiu no mes de xuño, como xa fixera en anteriores ocasións, un escrito dirixido ao alcalde de Ribeira lembrándolle os seus deberes legais e a obriga de dar cumprimento ao disposto na lexislación vixente.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.