Cando o Monte Pindo se converteu nunha bola de lume

Fanse cinco anos do gran incendio que devastou unha das paraxes naturais máis fermosas de Galicia. Especies únicas, coma o carballo anano ou lirio de monte estiveron a piques de desaparecer.

Por Galicia Confidencial | Carnota | 14/09/2018 | Actualizada ás 14:07

Comparte esta noticia

Era un día cálido e ventoso de hai cinco anos. Exactamente ao solpor dun 14 de setembro de 2013 cando o Monte Pindo, un dos espazos naturais máis fermosos de Galicia comezaba a arder. Foron varios días os que as lapas consumiron centos de hectáreas sen poder conter un lume que mesmo ameazou a vida das persoas.  

Monte Pindo ardendo de noite
Monte Pindo ardendo de noite | Fonte: Que pasa na Costa

Como noutros moitos lumes, foi a sociedade civil a que reaxiu para tentar conter o desastre. Ás manifestacións que ateigaron as rúas de Carnota e Compostela, sumouse unha iniciativa civil chamada SOS Monte Pindo, que pretendía recuperar con recursos propios o espazo natural devastado, chegando onde a Xunta parecía non querer chegar.

“Esta reacción espontánea e similar no plantexamento inicial á reacción popular contra o desastre do Prestige na década anterior, foi cortada de raíz, pois a Xunta prohibiu literalmente calquera tipo de intervención no espazo degradado”, lembran desde Monte Pindo Parque Natural. De feito, o Goberno galego chegou a ameazar con sancións a todo aquel que se presentara no lugar coa intención de revertir e axudar a recuperar o que ardera. Con todo, voluntarios conseguiron sementar 2500 castiñeiros, 1050 carballos, e protexer 5,73 hectáreas de solo con gramíneas.

REXENERACIÓN

Pola contra, esta entidade denuncia que a Xunta só rexenerou o 0,16% do arrasado, o que motivou que o eucalipto e outras especies invasoras se espallaran ata cotas onde nunca antes estiveran, ameazando ao mesmísimo hábitat do carballo anano. E iso que a Xunta gastou na extinción 14 veces máis que en prevención. 

Nova especie, o Narcissus asturiensis, atopada no Monte Pindo
Nova especie, o Narcissus asturiensis, atopada no Monte Pindo

O voluntariado no Monte Pindo segue a estar prohibido e condenado a operar nesta especie de clandestinidade á que neste estado parecemos abocados aqueles e aquelas que queremos cambiar algo para mellor”, indican dese a entidade. “Nada cambiou polo inmobilismo dunha administración que ve no seu medio natural unha das súas últimas prioridades, e verán tras verán volvemos atoparnos coa mesma escena, sexa en Lariño, no Invernadeiro, nas Fragas do Eume, ou no Courel”, denuncia ao suliñar que o único que mellorou foi a conciencia social, pois xa non vse ven os incendios coma algo normal e inevitábel senón a consecuencia da falta de prevención.

CARBALLO ANANO E LIRIO DO MONTE

A pesar do desastre, especies únicas coma o carballo anano ou o lirio de monte non se perderon definitivamente e, aínda que moi dificultosamente, continúan medrando no Monte Pindo. Neste hábitat privilexiado, consistente nun macizo granítico de 350 millóns de anos de antigüidade cuxo escaso substrato vexetal acolle unha biodiversidade única. A Asociación Monte Pindo ten catalogadas xa preto de 800 especies, das que 150 contan con algún nivel de protección ou interese pola súa singularidade. Entre elas, caben destacar as máis famosas, o Quercus lusitanica ou carballo anano, que atopa aqui o seu único fogar galego, ou o Iris (Xiphion) boisseri ou lirio de monte, en risco crítico de extinción a nivel mundial. 

Pero non menos importante é que o Monte Pindo supón o límite de distribución de moitas especies, en moitos casos a moitos quilómetros dos seus conxéneres máis cercanos. É o caso da salamántiga galega Chioglossa lusitanica, ou a lagarda da serra Iberolacerta monticola, especies ameazadas cuxas poboacións do Olimpo Celta mereceron estudos propios.

Carballos ananos (Quercus lusitanica Lam.) crecendo no Monte Pindo; A, B, xenotipos CDL e SC1, respectivamente / José, M.C.S., Martínez, M.T., Cernadas, M.J. et al. Trees (2017). doi:10.1007/s00468-017-1570-2.
Carballos ananos (Quercus lusitanica Lam.) crecendo no Monte Pindo; A, B, xenotipos CDL e SC1, respectivamente / José, M.C.S., Martínez, M.T., Cernadas, M.J. et al. Trees (2017). doi:10.1007/s00468-017-1570-2.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta