Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/09/2018 | Actualizada ás 17:24
O viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, apelou este xoves ao "sentido da responsabilidade" de PP e PSOE para que apoien a tramitación da proposición de lei de transferencia da AP-9 no Congreso dos Deputados, e fixou o reto, en todo caso, no rescate da concesión da Autoestrada do Atlántico.
Nun comunicado, Antón Sánchez lembrou que xa está lista para o seu debate por parte do Congreso a lei, aprobada por unanimidade en decembro de 2016, polo Parlamento de Galicia, na que se abre a porta a unha posterior reversión ao público da vía.
Sánchez insta os goberno central e autonómico a "seguir traballando para conseguir que a recuperación desa autoestrada para o público poida converterse por fin nunha realidade". Por iso, pide que apoien a tramitación da lei para que "sexa o inicio do fin do roubo aos galegos que a concesionaria perpetra día após día desde hai demasiados anos".
"A tramitación da proposición de lei da transferencia da AP-9 no Congreso é unha boa noticia. Unha boa noticia para acabar co roubo que se perpetra día a día contra os galegos por parte da concesionaria", sinalou, en referencia a Audasa --Grupo Itínere--.
Antón Sánchez considera unha "boa noticia" que se poida debater a lei e que se admita a trámite, se se confirma, porque a xestión directa da infraestrutura de forma máis cercada "é positiva". "Pero tamén porque abre a posibilidade do seu rescate para o público, que sería a verdadeira solución a este enorme problema", engadiu.
Así, insistiu en que o "verdadeiro reto" é a recuperación da xestión da autoestrada para o público. Así, pide que os gobernos do Estado e da Xunta "continúen traballando e colaboren de inmediato para un estudo sobre a viabilidade do rescate da AP-9": "Cremos que economicamente é factible, e sería moi beneficioso para o interese xeral".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.