O PP anuncia que a Xunta terá en conta a experiencia do persoal de Seaga para acceder a contraincendios

Os traballadores manterán a folga ata que non haxa un compromiso "firme" dentro dun marco negociador aberto para analizar os puntos demandados.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/09/2018 | Actualizada ás 15:13

Comparte esta noticia

O deputado do Grupo popular Silvestre José Balseiros asegurou este venres que a Xunta "está a habilitar as disposicións necesarias para que se modifique a normativa actual de modo que a experiencia dos traballadores de Seaga sexa baremable á hora da súa inclusión nas listas de contratación da Administración galega".

Traballadores de Seaga en folga
Traballadores de Seaga en folga | Fonte: Europa Press

Así o destacou este venres durante o transcurso da comisión de Agricultura, na que asegurou que os traballadores da empresa pública Seaga "poderán optar ao proceso de contratación de empregados públicos do servizo público de defensa contra incendios forestais nunha posición bastante vantaxosa desde o momento que se acepte a súa demanda de computar a experiencia, algo para o que a Xunta mantén unha postura receptiva".

Actualmente, traballadores de Seaga están de folga indefinida (con servizos mínimos do 100%) desde o pasado 16 de setembro, xa que reclaman ao Goberno galego que modifique os criterios para o acceso a futuras prazas do servizo público de extinción (Spdcif) e se inclúa a súa experiencia, pois denuncian que só se puntuará a experiencia das brigadas municipais dos concellos e dos traballadores da Xunta.

Deste xeito, o deputado popular subliña a "postura receptiva" da Xunta a que se teña en conta a experiencia do persoal de Seaga, no marco dun proceso negociador que está aberto para "analizar todos os puntos das súas demandas". Por este motivo, Balseiros pide esperar a "coñecer os resultados desta negociación", mentres remarca que "existe o compromiso" da Xunta para "manter o volume de traballo para Seaga" con encomendas de tarefas de prevención de incendios --após o convenio asinado coa Consellería de Medio Rural e a Fegamp para este fin--.

Durante as negociacións nos últimos días a Xunta trasladou a intención de que esta empresa pública non se dedique a partir de 2019 a tarefas de extinción, senón a prevención e outras encomendas, así como que prevé convocar 500 prazas de cinco meses de duración para ese ano para o Spdcif.

Todo iso, no debate este venres dunha iniciativa de En Marea, na que, entre outras cuestións, pedíase precisamente recoñecer o tempo traballado en Seaga para acceder ás listas de contratación, así como aplicarlles o V Convenio do persoal laboral da Xunta. A proposta foi rexeitada polo PPdeG, coa abstención do PSdeG e os votos a favor de En Marea e BNG.

A FOLGA MANTENSE ATA QUE HAXA UN COMPROMISO "FIRME"

Após este anuncio na Cámara, Josafat Ponte, do comité de empresa de Pontevedra de Seaga, asegurou a Europa Press que manterán a folga mentres non haxa un compromiso "firme", xa que "neste momento non hai nada pechado". Con todo, sinalou que "é certo que a Xunta se está movendo para buscar unha solución a este problema", logo da reunión desta semana entre Función Pública e os sindicatos de administración.

Con todo, remarca que estas negociacións se enmarcan nas que manteñen os sindicatos coa Administración galega que afectan a "todo o persoal laboral da Xunta", pero espera que na próxima semana haxa novidades. Así mesmo, o martes da semana que vén persoal de Seaga acudirá ao Parlamento galego para presenciar o debate das iniciativas sobre a súa situación que a oposición defenderá no pleno.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta