Temas: FRASEOLOXíA

“Botarlle un can ó rabo # ó rastro”, dúas das paremias galegas equivalentes á castelá “echarle un galgo”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 30/09/2018 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

Naquelas situacións en que queremos manifestar que vai haber unha gran dificultade, ou mesmo a imposibilidade, de atrapar ou alcanzar unha persoa que marchou, ou ben de recuperar algo que xa se foi ou se perdeu, en certas ocasións escoitamos xente galegofalante botar man da expresión castelá echarle un galgo, a cal constitúe, obviamente, unha interferencia no noso sistema lingüístico, sobre todo tendo en conta que na nosa lingua dispomos de diversas paremias que dan conta desa mesma significación. Botémoslles un ollo:

Can de palleiro, raza en perigo de extinción
Can de palleiro, raza en perigo de extinción | Fonte: can-gatos.com

Echarle un galgo a alguien o algo

{= Expresión con que se indica a gran dificultade, ou mesmo imposibilidade, de que alguén alcance unha persoa que marchou; de que recupere algo que se foi ou que perdeu; de que lle volva vir unha oportunidade perdida; ou mesmo de que comprenda algunha cousa.}

Botarlle un can ó rabo # ó rastro

Asubiarlles ás botas # ós cascos

Ex.: —Tuvo la finca en su mano por un precio muy razonable, pero no se decidía y al final los dueños se la vendieron a otro. —¡Pues ahora que le eche un galgo!

—Tivo o terreo na súa man por un prezo moi razoable, pero non se daba decidido e ó final os donos vendéronllo a outro. —¡Pois agora que lle bote un can ó rabo que lle bote un can ó rastro que lles asubíe ás botas que lles asubíe ós cascos!

● Mesmo tamén:

Mirarlle para o rabo && Agarralo polo rabo && Botarlle unha area de sal && Turrarlle polo vento && Tirarlle das botas && Tirarlle do aire && (Agora) Aturuxarlle && Pintalo de verde && Dicirlle ó mar que ronque && Ofrecelo a pez, que a cera vale cara && [E MESMO, ASOCIADAS A CONTEXTOS DE USO MOI FAMILIARES OU COLOQUIAIS]: Mirarlle o cu á curuxa # para o cu á curuxa

Ex.: —Tivo o terreo na súa man por un prezo moi razoable, pero non se daba decidido e ó final os donos vendéronllo a outro. —¡Pois agora que lle mire para o rabo que o agarre polo rabo que lle bote unha area de sal que lle turre polo vento que lle tire das botas que lle tire do aire que lle aturuxe que o pinte de verde que lle diga ó mar que ronque que o ofreza a pez, que a cera vale cara que lle mire para o cu á curuxa!

● E inda tamén:

¡Chifrarlle, Agustín! && ¡Tocarlle a gaita, Bartolo!

Ex.: —Tivo o terreo na súa man por un prezo moi razoable, pero non se daba decidido e ó final os donos vendéronllo a outro. —¡Pois agora chífralle, Agustín que lle chifre, Agustín tócalle a gaita, Bartolo que lle toque a gaita, Bartolo!

● Tamén, dando a entender que perdeu unha oportunidade que non vai volve ou que é moi difícil que volva:

Mirar para onte && Botarlle terra (e plantar un piñeiro)

Ex.: —Tivo o terreo na súa man por un prezo moi razoable, pero non se daba decidido e ó final os donos vendéronllo a outro. —¡Pois agora que mire para onte que lle bote terra (e lle plante un piñeiro)!

● Tamén, só en certos contextos de uso de carácter familiar e coloquial, e dándolle a entender ó receptor da expresión que dea por perdido ou por non devolto aquilo do que se está a falar:

Anotalo nunha folla de verdura e botarlla ó porco

Ex.: ¿Ó final prestácheslle os cartos? Pois agora anótao nunha folla de verdura e bótalla ó porco.

● E mesmo, coas seguintes variantes en función de a quen se dirixa a expresión:

[COMO DESTINATARIO “TI”]: ¡Asubía, que fai vento; tamén eu asubiaba cando era do teu tempo! && [COMO DESTINATARIO “EL/ELA”]: ¡Que asubíe, que fai vento; tamén eu asubiaba cando era do seu tempo! && [COMO DESTINATARIO “ELES/ELAS”]: ¡Que asubíen, que fai vento; tamén eu asubiaba cando era do seu tempo!

Ex.: —Tivo o terreo na súa man por un prezo moi razoable, pero non se daba decidido e ó final os donos vendéronllo a outro. —¡Pois agora que asubíe, que fai vento; tamén eu asubiaba cando era do seu tempo!

● E inda tamén, en certos contextos, como paremia fixada e dando a entender que alguén chegou tarde para facer algo ou que deixou ir unha boa oportunidade:

“Ovella, viches o año”

Ex.: —Tivo o terreo na súa man por un prezo moi razoable, pero non se daba decidido e ó final os donos vendéronllo a outro. —¡Pois agora “ovella, viches o año”!

NOTAS:

1. Como ben se pode apreciar no exemplo, en moitos dos seus contextos de uso é habitual ver todas estas expresións precedidas do adverbio agora.

2. Na expresión Chifrarlle, Agustín (tirada do Diccionario dos nomes galegos, de Ferro Ruibal), o verbo chifrar vén rexistrado coa variante xiprar.

3. Velaquí un pequeno repaso a léxico que pode resultar descoñecido ou dubidoso para algúns lectores (naqueles casos en que tiramos literalmente a definición do Dicionario da Real Academia Galega [DRAG] en liña, sinalámolo):

Turrar (DRAG): verbo intransitivo 1. Facer forza para mover algo contra un mesmo. Turraban polo fío da roca para fiar. Sinóns.: puxar, tirar. 2. [Animal con cornos, como a vaca, o carneiro, etc.] dar golpes coa cabeza. Atou os bois para que non turrasen. Aparta porque che pode turrar. Sinóns.: cornear, escornar, romar, trucar. 3. Dar coa cabeza contra algo. Está un pouco tolo e turra contra a parede. Sinón.: trucar. 4. figurado Insistirlle moito a unha persoa en algo. Xa están os nenos turrando del, non o deixan en paz. Se se turraba ben por el, acababa falando. 5. figurado Amosarse turrón. Turra e turra e sempre ten que ser como el quere. Sinón.: gurrar. Confront.: afincarse, fincarse, porfiar, teimar.

Aturuxar (DRAG): verbo intransitivo 1. Botar un aturuxo. Viñan contentos da romaría e todo se lles volvía aturuxar. Sinóns.: agruar, aturular, azuar, grixar, ufar. // verbo transitivo 2. Berrar. Apartouse dos sermóns que aturuxaban aquelas terroríficas gorxas. 3. Abouxar, enxordecer [alguén]. Aturuxábanme cos seus berros.

Pez (DRAG): substantivo feminino Substancia branda e pegañenta, de cor escura e insoluble en auga, que provén da destilación de diversas resinas e alcatráns vexetais. A pez utilízase na fabricación de papel. [A RESPECTO DESTA VOZ, TEÑO QUE COMENTAR QUE AS POUCAS VECES QUE LLA ESCOITEI A XENTE QUE A TEN DE SEU –SEMPRE PRONUNCIADA CON “E” PECHADO–, E FRONTE Ó QUE MANIFESTA O DRAG, FOI EMPREGADA CO XÉNERO MASCULINO: O PEZ. TRÁTASE DUN CASO SEMELLANTE Ó DE LENTES NA SÚA ACEPCIÓN SINÓNIMA DE “ANTEOLLOS”, QUE TAMÉN SEMPRE A SENTÍN COMO MASCULINA EN BOCA DE XENTE QUE A UTILIZABA DE XEITO NATURAL –TODO ISTO SEN PREXUÍZO, OBVIAMENTE, DE QUE TAMÉN ESTEA REXISTRADO, EN AMBOS OS DOUS CASOS QUE ESTOU A COMENTAR, O SEU USO CO XÉNERO FEMININO–.]

Curuxa (DRAG): substantivo feminino (Tyto alba) Ave rapaz nocturna duns trinta e cinco centímetros de lonxitude e un metro de envergadura, de cabeza larga e redonda, ollos grandes e plumas de cor parda dourada, branca e cinsenta, que se alimenta fundamentalmente de pequenos mamíferos. As curuxas son beneficiosas para a agricultura porque comen ratos. [TRÁTASE DA VOZ GALEGA QUE SE CORRESPONDE COA CASTELÁ *LECHUZA.]

Chifrar (DRAG): verbo intransitivo Tocar o chifre [=instrumento que produce un son agudo ao poñelo nos labios e soprar]. Deixa de chifrar!, toléasme a cabeza. Sinóns.: asubiar, pitar.

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Castro Otero et alii: “Outros lances nos laños do Morrazo. Nova recollida de unidades fraseolóxicas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 14, 2012, páxs. 273-286. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Castro Otero, Salvador et alii: “Largando aparellos nos caladoiros do Morrazo”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 22, 2020, páxs. 231-256. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Cerviño Ferrín, María Victoria: “Fraseoloxía e paremioloxía en Sebil, 2”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 15, 2013, páxs. 441-462. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ferro Ruibal, Xesús (dir.): Diccionario dos nomes galegos. Ir Indo Edicións, Vigo, 1992.

- Ferro Ruibal, Xesús & Groba Bouza, Fernando: “Dichos y refranes y dialecto vianés de Laureano Prieto (1951)”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 259-282. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Guerra Otero, Pilar: Así falan en Trasar (1 e 2). Obra á que se pode acceder, a través de Internet, nos enderezos seguintes:

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1296813709/contido/Galego/exercicios/pilar11.html

https://www.edu.xunta.es/espazoAbalar/sites/espazoAbalar/files/datos/1296813709/contido/Galego/exercicios/pilar2.htm

- Martín Sarmiento: Material lexicográfico elaborado por Frei Martín Sarmiento entre 1745 e 1770. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Martínez Seixo, Ramón Anxo (dir.): Dicionario fraseolóxico galego. Edicións A Nosa Terra, Vigo, 2000.

- Martíns [anteriormente, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “O labor de fraseógrafo de Manuel Leiras Pulpeiro”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 4, 2003, páxs. 59-77. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Martíns [antes, Martínez] Seixo, Ramón Anxo: “108 fórmulas galegas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 9, 2007, páxs. 235-246. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Real Academia Galega: Diccionario gallego-castellano, de entre 1913 e 1928. Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Rodríguez González, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego castellano, vols. I (1958), II (1960) e III (1961). Consultado no Dicionario de Dicionarios da lingua galega (dirixido por Antón Santamarina).

- Soto Arias, María Rosario & González García, Luís: “Folclore contístico, fraseoloxía e paremioloxía. Interrelacións xenésicas”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 11, 2009, páxs. 211-227. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Vázquez Saco, Francisco: Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, 5, 2003. Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

- Ventín Durán, José Augusto: “Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral”. En Cadernos de Fraseoloxía Galega, anexo 1, 2007.

- Zamora Mosquera, Federico: Refráns e ditos populares galegos. Ed. Galaxia, 1972, Vigo.

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta