O director da CRTVG afirma que non lle aceptaría "nunca" a Feijóo "nada" sobre o tratamento informativo

A oposición reclama a retirada deo expediente a unha presentadora da televisión e Sánchez Izquierdo explica que "aínda non está resolto".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/09/2018 | Actualizada ás 15:23

Comparte esta noticia

Así se pronunciou o responsable da televisión e a radio públicas galegas este venres durante a Comisión de Control da CRTVG do Parlamento galego, un órgano no que os grupos da oposición --En Marea, PSdeG e BNG-- coincidiron ao volver denunciar "manipulación" informativa e lembraron que traballadores do ente público levan xa "19 semanas" cunha campaña de protestas.

Alfonso Sánchez Izquierdo
Alfonso Sánchez Izquierdo

Fronte a estas críticas dos grupos da oposición, Sánchez Izquierdo destacou os bos datos de audiencia alcanzados polos espazos informativos da Televisión de Galicia e puxo en valor a "variabilidade" política do "target" da televisión pública galega.

"A repartición por target é dun 45% para o PP, un 26% para o PSOE, un 23% para o BNG e 16,9% para as mareas", sinalou tras pór exemplos como o da televisión pública vasca cuxo target, segundo indicou, é un "60%" do PNV.

DENUNCIAS DA OPOSICIÓN

Todo iso nunha comisión na que o director xeral da CRTVG deu resposta ás preguntas, realizadas de forma acumulada, polos tres grupos da oposición sobre o estado no que se atopa o expediente aberto a unha traballadora que era presentadora do 'Telexornal Serán' e que se ten significado nas protestas polo tratamento informativo.

En concreto, a primeira en abordar este tema foi a nacionalista Olalla Rodil, quen censurou que a CRTVG abrise "un expediente con ameaza de despedimento" a esta traballadora por "maquillarse para asistir" a unha gala benéfica e preguntoulle a Sánchez Izquierdo se este feito está "relacionado coa participación pública" desta xornalista na campaña 'Venres Negros' ou coa súa dimisión por "non compartir a liña informativa".

Pola súa banda, Noela Branco (PsdeG) vinculou o expediente aberto a esta traballadora co feito de que esta denunciase a "manipulación" informativa na gala benéfica na que "estaba sentado en primeira fila" o presidente da Xunta. Así mesmo, instou a Sánchez Izquierdo a "deixar de incendiar" a CRTVG. "Que paren dunha vez por todas os permanentes ataques ao persoal e que peche este expediente da vergoña, que o único que fai é desprestixiar á radio e televisión pública", sinalou.

Nesta liña, Ánxeles Cuña denunciou que a CRTVG "está secuestrada" e "non admite que ninguén desafíe". "A persecución que está a sufrir Beatriz Moyano é infame", asegurou antes de criticar que, mentres todo isto ocorre, a dirección se limite a dicir "por activa e por pasiva" que Galicia "ten a mellor televisión".

SEIS EXPEDIENTES

En fronte, o director xeral da CRTVG rexeitou pronunciarse sobre casos "persoais" de traballadores e limitouse a precisar que este expediente "aínda non está resolto". "Eu non falo en público de circunstancias persoais de traballadores da CRTVG. Fixen unha excepción e acabei sentado nos tribunais", sinalou Izquierdo, que avogou por "estar á marxe do ruído mediático".

Tras iso, explicou que a CRTVG abriu ao longo deste ano seis expedientes, "algúns casos seguro que máis graves que o desta situación", e deixou claro que a dirección do ente público nunca citou publicamente a "ningún dos expedientados". "Se alguén fixo utilización da imaxe de alguén non foi a CRTVG", subliñou.

FUNDACIÓN FRANCISCO FRANCO

Na comisión, ademais, a deputada do PSdeG Noela Blanco criticou que un programa da TVG entrevistase o pasado día 30 de agosto ao presidente da Fundación Franco e permitise que usase os medios públicos como "vehículo para realizar apoloxía do franquismo" e oporse á retirada dos restos do ditador do Val dos Caídos.

Respecto diso, o director da CRTVG sinalou que a dirección do programa decidiu incluír esta entrevista por criterios de "actualidade informativa" e lembrou que, a día de hoxe, a Fundación Francisco Franco "é legal en España". "Ideoloxías contrarias en temas excepcionais poden ter cabida", sinalou Izquierdo, que lembrou que, ese mesmo día, o programa tamén entrevistou o presidente da comisión de expertos sobre o Pazo de Meirás, Xosé Manuel Núñez Seixas.

'DIARIO CULTURAL'

Na comisión deste venres, ademais, tanto Noela Blanco como Ánxeles Cuña coincidiron ao felicitar á xornalista da Radio Galega Ana Romaní polo seu recente recoñecemento co Premio Nacional de Xornalismo cultural.

"Un recoñecemento a unha grandísima profesional que coincide no tempo coa eliminación do programa que dirixía", o 'Diario Cultural', sinalou Noela Blanco. Estas palabras foron recollidas pola deputada de En Marea, quen pediu á dirección da CRTVG que "deixe de dicir que se ampliou o Diario Cultural". "É unha gran mentira", apuntou.

Con todo, na súa primeira intervención e en resposta a unha pregunta formulada pola deputada do PP Raquel Arias, Sánchez Izquierdo destacou que os medios públicos farán "un seguimento integral" da cultura galega. Para iso, destacou a aprobación do proxecto #Cultura365, que inclúe unha ampliación do programa 'Zigzag' da televisión e estrea canle dixital e colaboradores vinculados ao Diario Cultural da radio.

Pola súa banda, Raquel Arias mostrou a súa "tranquilidade" por "ver como a programación cultural" non só "non desaparece senón que se potencia, con máis tempo e máis profesionais traballando nesa área" na nova tempada que arrinca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta