Sobrecusto de 200.000 euros en remodelacións na sede do 061 na Estrada

O cambio de sede para as emerxencias do 061 está dando máis dunha sorpresa. Agora, cando xa se está materializando o traslado, sábese que a dirección da Fundación Emerxencias de Galicia obrigou a refacer a nova sede por non estar de acordo co reparto no espazo para as oficinas e atención telefónica. Unha nova obra que tivo un custe a maiores de 200.000 euros.

Por Moncho Mariño | A Estrada | 03/10/2018 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

O custo total estimado da nova sede para as Emerxencias na Estrada foi de 10 millóns de euros. Esta cifra dividíuse en dúas partes, seis millóns para a obra do edificio e case catro millóns para o equipamento tecnolóxico que levaría a nova sede. O desexo era multiplicar a superficie e superar por tanto a que existía no edificio de San Marcos, sede tamén da CRTVG. Con todo, as protestas de traballadores tanto do 112 como do 061 sobre a idoneidade do traslado á Estrada e as negociacións que aínda se manteñen por sobrecustos en desprazamentos ao posto de traballo e a suposta eficiencia que se lle atribuía ao edificio.

Servizo de emerxencias 112
Servizo de emerxencias 112

A sorpresa chegou cando, segundo fontes sindicais da CIG, o equipo directivo non veu idóneo o remate da obra. “Chegaron o director da Fundación Emerxencias de Galicia 061, a directora de xestión e o director de coordinación e dixeron que aquilo non lles gustaba, que tal como estaba construido non lles cadraba” din as fontes sindicais. Así pois, houbo que derrubar o xa construido e refacer todo de novo.

OS CONTRATOS NON APARECEN

Como era de esperar estas novas obras trouxeron canda si un gasto máis sobre o orzamento que se tiña programado. En concreto 200.000 euros que se repartiron en tres lotes. “Os tres foron parar a dúas empresas que contan co mesmo administrador, Ogmios Proyecto S.L. e Gestión Sistemas Metálicos e o administrador é Diego Otero”. Así Ogmios Proyecto S.L., quedou con dúas das obras mentres que Gestión Sistemas Metálicos coa parte restante. 

A división en tres partes transformaría os traballos en “contratos menores” que deberan aparecer tamén na web www.contratosdegalicia.gal.O feito de dividilo en tres lotes, en tres obras era para fraccionar o orzamento e así figuraría como contratos menores” din fontes da CIG. Mais a sorpresa chegou cando membros do comité de empresa viron que o 061 non estaba achegando a documentación debida á web de contratos.

Documento petición orzamentos remodelación 112
Documento petición orzamentos remodelación 112

“Falamos coa dirección e enviamos un documento a Vicepresidencia da Xunta para preguntar o motivo polo que non entraran eses documentos na web, a resposta foi: un fallo técnico”. Así, en setembro de 2018 comezaron a aparecer as contratacións requeridas no portal electrónico. “Non obstante, as contratacións menores de 2017 non aparecen” din as fontes sindicais consultadas por Galicia Confidencial

LOTES DE TRABALLO

Galicia Confidencial púxose en contacto con Gestión Sistemas Metálicos. As respostas sobre a razón da división en lotes ou áreas especializadas, na remodelación do terceiro andar. “Eramos dúas empresas e cada unha fixo o seu traballo especializado”. Esta empresa ten a especialidade en carpintería metálica e mobiliario. Sobre o custo, desde a mesma empresa descoñecen a cantidade. Sobre o tempo de duración “como moito, tres meses”. No caso de Ogmios, tamén Galicia Confidencial se puxo en contacto con esta empresa para poder falar con Diego Otero, actual administrador único, pero ata o de agora non houbo resposta por parte desta empresa.

Outras empresas que teñen participado na subministración de material é a compañía experta en teconoloxía Balidea, que aportou elementos electrónicos ao 112. O caso é que esta empresa estivera presuntamente relacionada co “Caso Gradiant” sobre presuntas malas praxes con subvencións públicas.

 RESPOSTA DE EMERXENCIAS 061

Desde o 061 Emerxencias enviaron a Galicia Confidencial a seguinte resposta:

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 contratou, no mes de agosto de 2017, cunha empresa especializada en enxeñería acústica, un estudo do acondicionamento acústico da sala de Coordinación sita na Estrada que debía reflectir a situación real das instalacións, así como unha proposta coas medidas técnicas precisas para acadar un maior nivel de benestar e confortabilidade imprescindible nunha central de emerxencias. As medidas correctoras executáronse no proxecto de acondicionamento das instalacións para adaptar as necesidades operativas do servizo.

A Fundación contratou co arquitecto, que anteriormente deseñara o proxecto de acondicionamento da sala de coordinación sita en San Marcos, o estudo de acondicionamento, adaptación e imaxe das instalacións para a Central de Coordinación e as dependencias administrativas, adaptado aos servizos prestados pola entidade a día de hoxe. No ano 2018 contratáronse, nun primeiro momento as obras de acondicionamento da sala de Contratación e posteriormente as obras de acondicionamento das dependencias administrativas da Fundación, debido a modificacións estruturais no servizo.

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 cumpriu, en todo momento, co establecido no texto refundido da lei de contratos do sector público vixente no momento da contratación no relativo as instalacións correspondentes a Urxencias Sanitarias de Galicia-061 no Centro Integral de Atención ás Emerxencias na Estrada.

Os contratos menores contraídos por Urxencias Sanitarias de Galicia-061engadíronse no XUMCO (aplicación dependente da Consellería de Facenda), e vinculáronse automaticamente á Plataforma de Contratos Públicos de Galicia (PCPG), tras solventar un problema técnico debido á codificación asignada á Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 entre o XUMCO (CIXTEC) e a PCPG (AMTEGA). Logo de facer as consultas pertinentes á Xunta Consultiva de Contratación Administrativa e ao Centro de Atención ao Usuario do CIXTEC, a publicación dos contratos menores de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 quedou arranxada en data 1 de xuño deste ano.

Documento petición orzamentos remodelación 112
Documento petición orzamentos remodelación 112
Documento petición orzamentos remodelación 112
Documento petición orzamentos remodelación 112
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta