Proxecto Home acusada de represalias a traballadores por pedir a aplicación do convenio laboral

A situación laboral dentro de Proxecto Home Galicia, ONG especializada en axuda a persoas con adiccións, está pasando por un momento complicado. Despois de recorrer á Inspección Laboral e de denunciar unha serie de irregularidades o pasado día 5 de outubro, un grupo de traballadores e traballadoras denuncian a política laboral interna desta organización.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A Fundación Monte do Gozo, promotora de Proxecto Home Galicia (PHG), constitúese en Santiago de Compostela o 13 de febreiro de 1990 a iniciativa da Igrexa Galega”. Estas son as primeiras palabras do “Regulamento de Réxime Interno do Persoal da Fundación Monte do Gozo” que sempre fora o documento base tanto para a vida laboral dentro de PHG e de convivencia interna. Regulamentábase mesmo os salarios, horarios e as diferentes categorías profesionais para os profesionais da fundación.

O presidente da Xunta visita Proxecto Home no XXVII aniversario, Gómez Crespo fala con el segundo pola dereita.
O presidente da Xunta visita Proxecto Home no XXVII aniversario, Gómez Crespo fala con el segundo pola dereita.

En 2015 Proxecto Home, co seu presidente á cabeza, Ramón Gómez Crespo, anunciaba unha desvinculación salarial que nun primeiro momento se interpretou como unha maneira de afrontar a crise económica. Non obstante, nese mesmo ano asinouse o convenio laboral de Acción e Intervención Social. A devinculación duraría dous anos, 2015-2017, pero case ata o último momento, segundo fontes vinculadas á ONG, non se comunicou ao plantel laboral que ocorrería cando dita desvinculación acabase. Así, meses antes de que finalizase o período desvinculante, houbo eleccións sindicais e desde ese momento as relacións dentro da organización viraron tensas e con cambios drásticos.

O PROXECTO

Proxecto Home nacera en Italia froito da iniciativa da Igrexa italiana quen puxo á fronte ao cura Mario Picchi. Comezou un labor intenso nos anos máis duros da drogadicción. Desta experiencia, naceron os diferentes Proxecto Home en distintos lugares. Ramón Gómez Crespo (Maceda, 1952) un home formado en filosofia e teoloxía, foi enviado a Roma onde se formou en drogodependencias e desintoxicación. “Fixo un traballo moi bo, excelente, non podemos negalo” di unha das fontes consultadas por Galicia Confidencial.

Algunhas persoas que traballan actualmente en Proxecto Home no seu día foron usuarios do mesmo. “Vivimos isto como unha vocación de servizo” din as fontes de Proxecto Home. Mesmo hai xente cunha longa experiencia laboral dentro da organización que vincularon o seu desenvolvemento profesional con esta organización durante décadas. Os resultados apuntan a un número de persoas rehabilitadas que andaría entre os 6.000 e as 7.000.

Documento para asinar traballadores de Proxecto Home
Documento para asinar traballadores de Proxecto Home | Fonte: CCOO

A creación da Fundación Monte do Gozo e o Padroado que está detrás, inclúe persoas vinculadas a ámbitos como a banca, empresa e sobre todo a Igrexa. Algún dos nomes son persoas con peso dentro da vida económica, política e social en Galicia, só habería que consultar a web. Pero á marxe de quen poda estar, o importante é saber por que unha institución como Proxecto Home acabou tendo uns problemas laborais que acabaron moitas veces en xuízos e case sempre favorables aos e ás traballadoras, con perxuízo económico para a organización.

CONVENIO INTERNO E ESTATAL

“O que sucedía nesta empresa é que non había unha cultura sindical, os traballadores e traballadoras aceptan aquelas cuestións que a empresa pon no teu contrato” sinala Juan Zas de CC OO. Neste caso o que se levou aos contratos foi o regulamento interno de Proxecto Home, e todos os puntos foron aceptados. “A xente asume que iso é legal, pero cando se convocaron eleccións sindicais e se revisan os contratos, descobren que o regulamento interno tamén fixa puntos sobre salarios e horarios”, cousa que só fixan os convenios laborais. Durante o período de desvinculación salarial escolleuse unha representación de traballadores “ad hoc” para “negociar coa empresa a situación laboral e a empresa aduce motivos económicos, se houbese representación sindical naquel momento, poderíanse ter analizado as contas e saber se eran certos os motivos presentados pola dirección” sinala Juan Zas.

Convocáronse eleccións sindicais en 2017. Os representantes dos traballadores comezaron a negociar coa empresa. Entre outros puntos pedíase cobrar as baixas ao 100% e non que a empresa quedase co salario dos 8 primeiros días de baixa, que os salarios fosen segundo o convenio estatal e o mesmo co cumprimento de horarios, descansos, quendas e traslados. A situación chegou a un punto de inmobilismo tal que se recorreu á Inspección Laboral. “En Inspección Laboral o mesmo inspector ofreceu as instalacións para que as dúas partes negociasen pero Proxecto Home non quere negociacións, mesmo a organización insta a Inspección que lle diga canto tería que pagar de sanción e así obviar o asunto” comenta Juan Zas.

O 1 de xaneiro de 2018 entraría en vigor para Proxecto Home o convenio estatal. Comezan unha serie de reunións entre traballadores e empresa que acaban coa negativa da última a calquera cambio presentando polo plantel laboral. No centro de Cernadas, en Val do Duba, o máis emblemático, “hai unha modificación de horarios unilateral por parte da empresa que non aceptou tres propostas dos traballadores” di Zas que ademais sinala que cando todo o plantel de Cernadas mostra a súa posición fronte estes cambios “a empresa destitúe o coordinador e aplica cambios de centro” sen previo aviso.

REACCIÓNS DA EMPRESA

Os cesamentos en Cernadas foron o primeiro paso no que se consideran accións de represalia. Outra mostra foi non permitir a dezasete persoas participar na Festa da Solidariedade, un evento que reúne a usuarios e comunidade terapéutica. “Pedíronnos o DNI, o nome e logo non nos deixaron pasar, alí estaban dúas persoas da directiva cun garda de seguridade” di unha das persoas afectadas “e a resposta que nos deron foi que iamos armar balbordo”.

Non obstante, a situación tornou máis tensa logo do 4 de outubro. Ese día CC OO e un grupo de traballadores e traballadoras denunciaron o estado actual entre empresa e empregados. Para o outro día, 5 de outubro, a empresa sacou un documento para que asinasen os empregados e empregadas. “Están chamando a título individual a cada persoa para que asinen non a Favor de Proxecto Home, senón a favor de Ramón Gómez Crespo” di un traballador contactado por Galicia Confidencial.

Outras accións tomadas pola empresa foron o peche dos centros de Pontevedra e Lugo. No caso do primeiro “queda o centro de Vigo e logo, grazas ás boas comunicacións, Santiago podería suplir o peche de Pontevedra” din fontes consultadas por este xornal. Pero o caso de Lugo, onde só había un traballador “deixará toda a provincia sen Proxecto Home, e as persoas por exemplo da Mariña Luguesa terían que ir a Santiago, e xa me dirás como pode facer iso unha persoa de Foz para desprazarse para unha reunión ás nove da noite en Compostela” din as mesmas fontes. Os motivos que deron desde a dirección para o peche de Lugo, segundo as fontes que consultou Galicia Confidencial, foron o gasto que estaba xerando o centro diante da falta de usuarios.

Non obstante o anterior, un punto que si parece moi rechamante é o que acontece coa comunidade terapéutica do centra das Cernadas. Á parte das dúas destitucións “estase a derivar usuarios a outros centros para non traelos a este” di unha fonte sindical, “agora mesmo temos máis equipo e menos usuarios, cando Cernadas era o centro referencial de Proxecto Home”. Se a cuestión é unha represalia contra os traballadores e traballadoras do centro por cuestionar os métodos da dirección, a resposta é “é posible” pero tamén “a hipótese é que queren acabar coa comunidade (de Cernadas) mediante traslados” mesmo de “xente con fillos e coa vida xa resolta nun lugar”. No caso de Lugo, a persoa que levaba o centro será ubicada en Vigo. Os demais pasarán polo mesmo ou serán despedidos.

UNHA CUESTIÓN PERSOAL?

Este xornal quixo contactar con Ramón Gómez Crespo, director e fundador de Proxecto Home Galicia. Desde a Fundación Monte do Gozo púxosenos en contacto co avogado da mesma, José Arcos. A resposta do letrado cinguiuse a que a organización quere “seguir traballando no mesmo labor que leva facendo desde hai anos”. Sobre as informacións aparecidas logo da presentación do documento que CC OO elaborou e presentou o día” 4 de setembro, “nada diso se axusta á realidade”. “Existe un número reducido de persoas dentro da organización que transmitiron unhas informacións que nin son certas nin reflicten a realidade”. Sobre as condicións laborais en canto horas extras, baixas con retencións de oito días sobre o salario “que saquen os papeis da Inspección”.

No documento de CC OO apuntábase que, logo de numerosos xuízos de traballadores contra a empresa e gañados polos primeiros, o gasto que se tivo feito por Proxecto Home en compensacións e xuízos apuntaban a unha cifra entre os 12.000 e os 14.000 euros. E o Padroado non di nada? “Iso é o que nós tampouco nos explicamos” din as mesmas fontes laborais que consultou Galicia Confidencial. “Ramón Gómez Crespo xubilouse hai dous anos e non quere deixar a organización ata que resolva o problema, di, pero o problema creouno el e fóiselle das mans”, por iso “non entendemos que desde a Fundación non se lle diga nada”.

Tamén as motivacións persoais poderían estar detrás desta actitude por parte do director xerente. “Persoaliza todo, a aparición de sindicatos na organización non lle pareceu nada ben, quixo despedir a moita xente que o levou a xuízo e perdeu sempre” din uns traballadores de Proxecto Home. “No caso de Cernadas, a mesma Inspección de Traballo lle dixo que nin se lles ocorrese facer un despedimento masivo ou un ERE, porque quen estaba deixando baleiro o centro era a mesma dirección” apuntan fontes sindicais.

O caso é que Proxecto Home, que naceu sen un capital inicial, co tempo foi sumando axudas públicas para poder levar adiante a súa tarefa de rehabilitación e desintoxicación de dependentes. Un labor que ninguén pón en dúbida, pero sendo unha organización receptora de diñeiro público, cun monto de gastos importante en cuestións xurídico-laborais, ninguén entende como é que non se tomaran medidas. “Isto é cuestión da dirección e de persoas ligadas a ela, que queren ter o control de Proxecto Home” din as fontes consultadas. De momento, Proxecto Home rexeitou a mediación do Consello de Relacións Laborais para unha solución ás frontes abertas na ONG. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta