Canta máis educación, os galegos son máis conscientes dos males do eucalipto e das causas dos incendios

Un estudo da Universidade de Vigo afirma, ademais, que a maioría dos cidadáns considera que a Administración Pública non está a facer o suficiente para loitar contra os incendios e valora máis a conservación de especies autóctonas que as explotacións de piñeiros e eucaliptos. Trátase, segundo as súas autoras, do primeiro estudo en Galicia que analiza a opinión pública sobre os incendios.

Por Alberto Quian | Madrid | 15/10/2018 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Que sabemos os galegos sobre a orixe dos incendios forestais en Galicia? Coñecemos cal é o tipo de vexetación máis propensa á propagación do lume? Que responsabilidade ten a Administración Pública na loita e prevención de incendios? Estas son algunhas cuestións que estaban pendentes por resolver nun país que coñece, como poucos, as calamidades dos lumes —como aconteceu hai hoxe un ano, na vaga de incendios que arrasaron case 50.000 hectáreas no territorio galego—. A estas preguntas tenta dar resposta o primeiro estudo realizado en Galicia para valorar a opinión pública sobre os incendios forestais. E isto é o que conclúe: a maioría dos cidadáns consideran que a Administración non está a facer o suficiente para loitar contra os incendios; ademais, canta máis educación e formación temos, máis conscientes somos do valor das árbores autóctonas e dos prexuízos que causa o eucalipto; a percepción cidadá das causas dos lumes é, en xeral, realista, aínda que sobreestimamos os incendios causados ​​por pirómanos e os intencionados con fins de lucro, mentres que subestimamos os provocados pola xestión da vexetación mediante queimas controladas en zonas agrícolas.

Lume no cemiterio en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Lume no cemiterio en Nigrán, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Estas son as principais conclusións do estudo 'Human dimensions of wildfires in NW Spain: causes, value of the burned vegetation and administrative measures', publicado na revista científica PeerJ por María Calviño Cancela e Nuria Cañizo Novelle, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo. Trátase, segundo as investigadoras, do primeiro estudo feito en Galicia sobre a percepción dos cidadáns sobre o problema dos incendios forestais desde distintas perspectivas.

A poboación galega ten unha percepción bastante realista das causas xerais dos incendios forestais e o risco que representan en diferentes tipos de vexetación.

Para a investigación deseñouse unha enquisa telefónica á que responderon 345 persoas maiores de idade para avaliar a conciencia dos cidadáns sobre as causas e os riscos dos incendios forestais en Galicia, a súa percepción do valor ecolóxico da vexetación segundo o tipo de especoie, e a súa valoración das medidas políticas para combater os lumes.

A enquisa realizouse entre febreiro e maio de 2016 e consistiu en oito preguntas organizadas en tres partes temáticas: a primeira parte, con preguntas sobre as causas dos incendios, tanto as xerais como as causas e motivacións máis específicas; a segunda parte centrouse no risco de incendio asociado con diferentes tipos de vexetación e o valor atribuído ás diferentes especies; e a terceira parte avaliou as percepcións sobre o papel da Administración Pública, as medidas consideradas máis importantes na loita contra o lume e a efectividade da lei que obriga a manter limpas de biomasa vexetal con alto potencial combustible a interfaz urbano-forestal (onde entran en contacto as zonas forestais e urbanas). 

Veciños de Gondomar contemplan como o lume se achega ás súas casas, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017
Veciños de Gondomar contemplan como o lume se achega ás súas casas, en plena onda de incendios en Galicia a mediados de outubro de 2017 | Fonte: Miguel Núñez.

Os cidadáns con maior nivel de educación e formación son os que peor valoran as plantacións de eucalipto.

Os resultados revelan que a poboación galega, en xeral, ten unha percepción bastante realista das causas xerais dos incendios forestais e o risco que representan os diferentes tipos de vexetación. Con todo, hai unha crenza popular de que os incendios causados por pirómanos e perturbados mentais e os intencionados con fins de lucro son máis dos que representan realmente estes fogos no total dos que prenden en Galicia. Pola contra, os causados polas queimas de restos agrícolas e forestais están subestimados pola poboación, malia ser un dos principais causantes dos incendios forestais no país.

Os galegos son, ademais, moi conscientes do risco de incendio asociado con diferentes tipos de vexetación, considerando con razón que os bosques autóctonos son áreas con menos risco de propagación de lumes que as zonas de matogueira e as plantacións de piñeiros e eucaliptos.

As áreas boscosas son máis valoradas que as de monte raso e os bosques nativos, máis que as plantacións de grandes masas arbóreas para a súa explotación —principalmente madeireira—, o que parece estar relacionado cunha preferencia polo valor ecolóxico sobre as consideracións económicas utilitarias. Ademais, o valor das plantacións de eucalipto está claramente afectado polo nivel de educación dos galegos, sendo menos valorada esta especie invasora a medida que o nivel de educación aumenta.

A maioría considerara que a Xunta non está a facer o suficiente para loitar contra os incendios forestais.

No que respecta ao papel da Administración Pública, a maioría dos cidadáns considera que a Xunta non está a facer o suficiente para loitar contra os incendios. A lei que obriga aos propietarios de terras a reducir a biomasa vexetal con alto potencial combustible nas interfaces urbanas-forestais é considerada efectiva pola maioría dos enquisados (72%), pero o 50% considera difícil a súa implementación por parte dos propietarios de terras. Isto, segundo as investigadoras, podería explicar o baixo grao de cumprimento desta lei.

Os resultados resaltan a importancia do nivel educativo para conformar unha opinión libre e fundada, de xeito que a xente máis educada e formada é máis crítica co papel da Administración Pública e atribúe menos valor ás plantacións de eucaliptos e máis ás especies autóctonas.

CONSELLOS

De acordo coas opinións dos cidadáns, as investigadoras da Universidade de Vigo recomendan un enfoque máis proactivo na loita contra os lumes, centrándose máis na prevención que na extinción. Entre as medidas preventivas, aconsellan especialmente a posta en marcha de campañas de información e capacitación, campañas máis construtivas e dirixidas a segmentos específicos da poboación, en particular para mellorar o coñecemento do risco de incendios e a aumentar a seguridade dalgunhas actividades particularmente perigosas, especialmente a queima de restos agrícolas e forestais. Para as autoras do estudo, existe unha necesidade urxente de que as persoas que usan o lume en actividades agrícolas comprendan o perigo relacionado e melloren os seus coñecementos e habilidades para facer un uso máis seguro do lume.

As investigadoras aconsellan promover os bosques autóctonos de carballos como alternativa máis realista e economicamente sustentable.

O baixo valor atribuído polos cidadáns ás áreas de matogueira tamén é preocupante para as investigadoras, polo que consideran que se debe promover unha maior apreciación deste tipo de vexetación, xa que unha menor valoración pode resultar nunha menor atención por parte da poboación para previr e extinguir os incendios forestais neste tipo de terreos.

Entre as súas recomendacións finais, as científicas aconsellan tamén promover os bosques autóctonos de carballos como alternativa máis realista e economicamente sustentable, facendo uso da súa alta resistencia ao lume e o seu alto valor ecolóxico, ademais de ser máis valorados polos cidadáns, como demostra o estudo.

Tendo en conta o enorme custo da extinción de incendios, tamén se aconsella aproveitar as adaptacións da vexetación nativa para reducir os riscos de incendio como unha alternativa orientada a maximizar os beneficios ecolóxicos e minimizar os impactos socioeconómicos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Moi conscientes do valor das árbores autóctonas non debemos ser, cando ninguén se cabrea coas talas das árbores catalogadas do Castro... https://flic.kr/p/2a9xvi8 Pero con esa norma irracional de cortar todo o que estea a 50 metros das casas o único que imos facer é converter Galicia nun DESERTO !!!