“Carta de despedida” da Nasa tras o triunfo do PP

A dirección da sala máis veterena e activa de Santiago busca unha saída tras a vitoria de Conde Roa, que leva anos relacionándoos co terrorismo.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 24/05/2011 | Actualizada ás 12:48

Comparte esta noticia

Dende hai anos, o PP de Santiago mantén unha durísima liorta dialéctica coa Sala Nasa. Os conservadores teñen no punto de mira ao recinto dende que unha plataforma cidadá, Que volten a Casa, organizou alí un concerto no que se pedía a liberdade de varios presos independentistas.

None

Dous deles, Ugio Caamanho e Xiana Rodríguez, falaron no acto tras saír da cadea pola bomba no Caixa Galicia de Santiago.

Nesta campaña o líder conservador local volveu á ofensiva. "Aquí se dedicaron 220.000 euros  a financiar una sala que ha hecho homenajes a terroristas mientras que instituciones de carácter social malviven con limosnas", dixo Xerardo Conde Roa.

Un referente en Santiago

A afirmación de Conde Roa é falsa, pois a Sala Nasa nunca fixo homenaxes a terroristas, cedeu o espazo a un colectivo legal, como o fixo con multitude de outras asociacións nestes anos dunha intensísima programación, financiada a miúdo con axudas públicas tanto do Concello como da Xunta. A Nasa contraatacou cun acto ridiculista para denunciar o acoso do PPdeG.

None

Con todo, Conde Roa deixou claro que a sala Nasa "terá o tratamento que se deriva de tal feito e que pola miña parte nunca ocultei". É dicir, polo menos, a fin da colaboración co Concello. 

Tras a vitoria conservadora, a dirección da Nasa xa anunciou un "punto e aparte" na busca de novas formas de xestión. Dende hai meses o colectivo que dirixe a Sala Nasa consideraba a posibilidade de deixar a nave actual en San Lourenzo, en réxime de aluguer. O colectivo móstrase canso das "ameazas, insultos e mentiras".  

Velaquí o comunicado íntegro feito público no Facebook:

CARTA DE DESPEDIDA DA NASA


Estimada tripulación:

Onte a cidadanía de Compostela outorgoulle a maioría absoluta no governo municipal a Conde Roa. Este é un feito que vai ter un impacto importante sobre a vida cultural da nosa cidade. E por suposto, supón un punto e a parte para a Nasa.

Os ataques constantes dirixidos contra nós durante os últimos tres anos, baseados en ameazas, insultos e mentiras supuxeron unha dura proba, sobre todo a nível persoal, ao comprobarmos a impunidade coa que un político pode estragar a imaxe e a credibilidade dunha persoas e dunha  entidade diante da opinión pública.

Nesta situación, a comandancia da Nasa ten decidido abandoar a primeira liña da acción cultural. Desde hoxe, a nosa presencia fai imposible a continuidade do proxecto Nasa, pois sen a colaboración municipal non ten viabilidade e tampouco ten sentido. Por outro lado, non temos estómago para colaborar no proxecto de cidade de Conde Roa, baseado na descalificación e persecución dunha parte da sociedade compostelán, como vimos de comprobar nos últimos anos.

Porén, consideramos que a proxección de futuro do proxecto cívico e cultural da Nasa non debe depender exclusivamente dos membros desta comandancia. E non o dicimos só polo cansancio acumulado durante estes anos, que é moito, senón porque é o momento de explorar novas fórmulas de xestión cultural máis participativas, nas que a toma de decisións sexa máis colectiva.

Así que, para pensarmos o futuro da Nasa entre toda a xente que forma parte da tripulación, gustaríanos convidarvos a unha sesión de reflexión e debate o próximo sábado 11 de xuño ás 12,00h. Será como unha sesión vermú para intercambiar ideas, facer propostas e pensar en aberto cal é a cultura que queremos para a nosa cidade e como queremos participar nela.

Insistiremos nesta convocatoria ao longo das próximas semanas, tanto para achegarvos temas a discutir como para pedirvos propostas de debate e organización. Contamos coa vosa participación.

E non queremos deixar pasar a oportunidade para agradecervos o voso apoio e acompañamento, sen o que non teriamos chegado ata aquí.

Un forte abrazo,

A Xunta de Comandantes

None
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 rillote

Por qué non se publica unha lista de alcaldes e concelleiros , case que todos do Partido Popular ainda que hai algún outro mais, que están procesados ou condenados por corrupción ?