Antón Gómez-Reino:"Podemos Galicia debe liderar o espazo da esquerda transformadora deste país"

Antón Gómez-Reino (A Coruña) aspira á secretaría xeral de Podemos Galicia para unhas primarias que definirán as posturas de Podemos Galicia de cara ás municipais de 2019 e posiblemente ás autonómicas. Nesta entrevista considera vital que Podemos Galicia ocupe o primeiro lugar dentro da esquerda galega e aposta por buscar alianzas "para gañar convocatorias electorais". Tamén alerta dos "poderes económicos e mediaticos" que queren "afundir" os proxectos do cambio en Galicia.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2018 | Actualizada ás 22:02

Comparte esta noticia

-Como está levando a campaña, espera que no tempo que resta suba a intensidade da mesma?
Nós esperamos unha campaña que anime sobre todo á participación. Se pensamos nos inscritos e inscritas, esperamos máis intensidade pensando no debate de ideas, iso quero reafimalo, debate de proxecto político, penso que iso é algo fundamental. Estamos poñendo sobre a mesa un proxecto pensado de e desde o país para o país. Así, dalgunha maneira pensamos nun Podemos que debera falar cara fóra, cara a xente. Nese sentido, cremos que a campaña vai ben, creo que dalgunha maneira hai que intensificar o debate de proxecto e programa político e nese sentido estamos traballando estes días.

Antón Gómez-Reino
Antón Gómez-Reino

-E como é a súa relación con Carolina Bescansa nestes momentos?                                 A miña relación con Carolina Bescansa é unha relación cordial, máis alá diso quero destacar que hai que construir organizacións políticas máis alá das relacións persoais. Construir escenarios onde as persoas máis alá das relacións persoais, saiban chegar a acordos. Ese é o desafía que temos a partir do día 25 de outubro. 

-Haberá debate antes do 25 de outubro, cando as eleccións internas de Podemos?
Esperemos que si. Nós evidentemente, con toda a humildade, cremos que debera haber todos os debates posibles e aspiramos que ese debate se dea, como non pode ser doutra maneira, en medios públicos tamén, pois así saía a nosa defensa da pluralidade nos medios de comunicación do país e por iso esperamos ter un debate público nun medio do país.

"Creo que dalgunha maneira hai que intensificar o debate de proxecto"

-Ten manifestado que Podemos Galicia debera ter máis protagonismo, máis interlocutores claros e un horizonte tamén claro, ademais de protagonismo de país. Que é o protagonismo de país?
Cando iniciamos o proceso que nos trouxo ata aquí, o proceso de novas ferramentas  políticas e o proceso da unidade popular, unha das demandas e cuestión fundamental que moitos e moitas tiñamos na cabeza, era construir un espazo político que se parecese ao país, un espazo político que construise maiorías, que traballase para as maiorías e para as demandas maioritarias da cidadanía galega e para que fose abondo transversal, atractivo e incluinte para seducir a moita xente. Iso segue a ser o desafío, penso que evidentemente demos pasos adiante nos últimos anos, no que ten a ver co conxunto do espazo, no que ten que ver en particular coa ferramenta de Podemos Galicia, pero tamén debemos ir máis alá. Creo que desde Podemos Galicia debemos aspirar a liderar a hexemonía do espazo da esquerda democrática e transformadora no país.

Antón Gómez-Reino
Antón Gómez-Reino

-Cando menciona “interlocutores claros” é porque Podemos Galicia non era ben percibido aquí?
Creo que hai dúas cuestións. Cando falo de horizonte e de interlocutores claros, quero dicir que é necesario que a sociedade como o resto de actores que participamos no espazo do cambio, saiban concretamente quen son as persoas que participan, representan a Podemos, pero non só na dirección a nivel galego, senón nos diferentes niveis  dos espazos de representación orgánica que ten Podemos Galicia. Creo que é fundamental dalgunha maneira alcarar iso, no que ten a ver cunha nova dirección que debera ser coral en Galicia, pero tamén ten que ver con algo para nós fundamental, que é volver dar corpo e perfís recoñecidos e recoñecibles aos nosos espazos de ámbito municipal e local, creo que iso é un desafía para abordar na nova dirección.

"As persoas deben saber con claridade quen son as persoas que participan en Podemos"

-Entón que foi perdendo Podemos neste tempo en Galicia?
Non é o que diga eu o que perdeu podemos. É a mesma convocatoria desta asemblea cidadá é unha metáfora. Foron os propios círculos quen cun traballo moi fiado, reunindo un a un, convocaron esta asemblea cidadá porque dalgunha maneira se sentían desatendidos e que non tiñan capacidade de marcar a dirección de Podemos en Galicia. Creo que iso se debe mellorar e xa digo, é evidente que debemos ter un Podemos Galicia, parecido ao país cunha proposta de país e que se desenvolva en claves de plurinacionalidade.

-A polémica sobre a petición do DNI para as primarias. Non está en contra?
Honestamente, non podo comprender como nun espazo como é Podemos alguén está en contra de medidas que son mecanismos que aumentan a transparencia, mecanismos antifraude e tamén mecanismos para aumentar as garantías democráticas. Non se pode ter medo á democracia. Desde a nosa candidatura sempre defenderemos calquera tipo de mecanismo que axude a ter garantías democráticas, transparencia e, en última instancia, acabar con calquera posibilidade de fraude. Diría máis, calquera persoa está afeita a ir votar e ter que identificarse como nun proceso de normalidade democrática.

"Foron os círculos, reunindo un a un, convocaron esta asaemblea cidadá porque dalgunha maneira se sentían desatendidos"

-En oito meses eleccións municipais, presentaranse como Unidos Podemos?
Como se presente Podemos Galicia nas eleccións municipais non o di Antón Gómez-Reino, xa o dixeron os inscritos. Eles e elas xa marcaron o camiño de Podemos Galicia, un camiño para buscar alianzas para gañar eleccións municipais e alianzas onde Podemos estea con forza, con identidade e iso significa, e sempre o digo porque me parece importante, hai que chamar á militancia en dous sentidos. Desde logo temos que estar nos sitios, pero iso quere dicir tamén que debemos responsabilizarnos de estar participando nos espazos políticos nos que  nos insiramos. Aí é como imos presentarnos, buscando alianzas para gañar convocatorias electorais, onde Podemos estea presente e coa súa pegada.

-Pero non se crearía confusión no electorado candidaturas de Unidos Podemos cando pode haber outras alternativas de candidaturas cidadás?
O desafío está en buscar as mellores fórmulas e abordar ese tema da mellor maneira posible durante os vindeiros oito meses. Todo o que sexa dar unha alternativa clara, canto máis unitaria mellor, sempre será algo premiado pola cidadanía.

-Vostede foi un dos fundadores da Marea Atlántica, axudará á formación de pactos de progreso?
Téñoo claro desde antes de comezar todo isto. É fundamental que nós sexamos a primeira forza política do espazo das esquerdas. Porque é evidente que aínda así é ben difícil de afrontar a nivel municipal con todas as lousas de recortes e dificultades para sacar adiante os orzamentos. É moi difícil facer políticas públicas transformadoras cando nós estamos dirixindo, canto máis cando son gobernos do PSOE. Por tanto creo que é evidente que debemos evitar gobernos conservadores nas nosas cidades a toda costa, pero o noso obxectivo é sermos nós quen lideren o proceso de cambio nas cidades galegas.

"Debemos responsabilizarnos de estar participando nos espazos políticos nos que nos insiramos"

-Un titular rezaba que ao goberno da Coruña lle queda “un ano de inferno”.
É evidente que aos poderes mediáticos e económicos deste país non lles agrada a presenza do noso espazo liderando as cidades máis importantes do país. O noso obxectivo ten que ser consolidar outros modelos de cidade, debemos lembrar que somos a forza que máis cidades goberna no país, máis que o PP e que o PSOE. Por tanto, debemos consolidar isto. Sobre o que farán os poderes económicos e mediáticos? Pois van facer todo o que teñan na man, nós temos que esforzarnos en mostrar que xestionamos mellor, que non roubamos e que facemos cidades máis habitables para as persoas.

-Como define a súa relación cos alcaldes das cidades gobernadas por candidaturas cidadás?
Penso que o fundamental que ten a ver coa relación entre dirixentes e persoas que ocupamos cargos de visibilidade é esa, xerar confianza e ter confianza. Creo que é positivo, espero que a miña candidatura xere confianza nos alcaldes pero tamén na xente de Podemos e noutros espazos. Iso é o máis positivo e penso que os retos para Podemos Galicia a partir do día 25 son extremadamente complicados. Para iso un espazo unitario con todos os actores cos que temos que dialogar é positivo.

"É  evidente que aos poderes mediáticos e económicos deste país non lles agrada a presenza do noso espazo liderando as cidades máis importantes do país"

-A relación con Luis Villares como a cualificaría?
É unha relación cordial. Penso que fai un bo traballo como portavoz parlamentario e hai que seguir traballando.

-Non perdeu espazo Podemos dentro do Parlamento?
Xa digo que Podemos ten que responsabilizarse de ser un actor de cambio no país e iso ten a ver en todos os niveis de intervención política, municipal, autonómico e estatal.

-Ve alternativa ao PP de aquí ás autonómicas?
Totalmente, se non a vise preocuparíame por este país. A alternativa está na sociedade que leva moito tempo demandando un cambio político, con mobilizacións que nos sorprenden a nós mesmos. Penso que Galicia ten sorprendido no mesmo Estado polas mobilizacións populares feitas nos últimos anos. Iso creo que a responsabilidade é nosa en traducilo nun cambio político na Xunta. Creo que o cambio está na sociedade, a maioría social está na sociedade, a responsabilidade nosa, que non é menor, é darlle percorrido institucional a esa demanda da sociedade.

-Hai pinza PSOE-PP?
Máis alá de que exista, o fundamental é que nós sexamos a primeira forza da esquerda.

-Este proceso pode deixar tocado a Podemos con este proceso?
Aspiro que Podemos salla deste proceso unido, forte e con horizonte colectivamente definido.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Lolo das Encrobas

Nene de papá metido a político. A verdade é que Podemos é o referente dos pijos: Gómez Reino, Bescansa, Rita Maestre,...

2 Gamela

Se falara máis claro igual entendíamos algo ? Qué pinta a senadora VanessaAngustia viaxando a Caracas para certificar a transparencia democrática da ANC de Maduro? https://twitter.com/VaneAngustiaEU Qué relación pensa manter coa Marea de Vigo e moi especialmente con este trepaque leva 3 anos de mamporreiro de Abel Caballero? https://twitter.com/rubenperezEU E vai pactar unha candidatura de UNIDADE con xente tan exquisita coma esta? http://www.parlamentodegalicia.es/s... Todas estas preguntas igual resolven o PERFIL de Tone... se algún día quere falar claro dunha vez por todas !!!

1 Gamela

O DNI e a transparencia non está nada clara.... https://ac3-galicia.podemos.info/ca...