Carolina Bescansa: "Temos que comunicar mellor que somos a forza para transformar o país"

A candidata para a secretaría xeral de Podemos Galicia ve necesario colocar o partido no centro de todos os pactos para botar ao PP de alcaldías e da Xunta. Mais o obxectivo para Bescansa é traballar para mellorar as condicións de vida das persoas. Con todo, tampouco esquece que hai unha realidade propia que Podemos Galicia defende desde o Congreso.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2018 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

-Como valora a actual campaña que se está desenvolvendo para as primarias de Podemos Galicia? 
Teño moi boas sensacións porque sinto que hai unha ilusión a espertar e que as nosas inscritas e os nosos inscritos ademais de xente na rúa, están poñendo moitas esperanzas na miña candidatura. Así que as sensacións son de moita alegría e por outra banda, de moita honra para min.

Carolina Bescansa nun acto
Carolina Bescansa nun acto | Fonte: Podemos

-Supoño que estarán incrementando o traballo agora que van acurtándose os prazos.
Si, este xoves día 18 comezamos a votación que rematará o día 24. Por tanto, esta semana explicaremos as nosas propostas e chamaremos á participación de canta máis xente mellor. É moi importante que teñamos unha participación significativa das galegas e dos galegos que van escoller a dirección política da organización.

"Os demais partidos están a copiar o noso modelo. Tivemos o proceso inédito do PP"

-O feito de que Podemos faga unha serie de consultas previas e logo primarias, parece que ten sentado precedente para os demais partidos.

Para min é un dos logros irreversibles de Podemos. Unha das cousas que acadamos é termos acabado, na política estatal e en Galicia, co tempo dos dedazos. Os demais partidos  están a copiar este modelo, a nivel estatal tivemos ese proceso inédito dentro do PP, coa escolla de Pablo Casado. Coido que ese será o camiño de todos os partidos e organizacións políticas do país.

Carolina Bescansa en Betanzos na súa campaña para liderar Podemos Galicia. PODEMOS GALICIA
Carolina Bescansa en Betanzos na súa campaña para liderar Podemos Galicia. PODEMOS GALICIA

-No caso de ser elixida a secretaria xeral de Podemos, cales serían os puntos fortes de Podemos fronte a outros partidos?

Poñer todo o impulso e toda a forza da organización para desenvolver e levar adiante a transformación do tecido produtivo galego baseado, por unha banda, na transición enerxética en Galicia e doutra banda na transformación do mercado laboral, que permita poñerlle fin á marea granate, xente formada e que cando ten esa formación vaise de Galicia por falta de esperanza laboral. Frear o despoboamento nas zonas do interior, sobre todo en Lugo e Ourense, tamén por falta de expectativa laboral para tanta xente e o paro estrutural de longa duración, que deixou tiradas a persoas de entre 45 e 50 anos, e que para as contas do PP están fóra do circuíto porque xa non se lles ve prestación. Temos que transformar o modelo produtivo galego para ter outro e xerar maior valor engadido á produción que xa temos e así, crear expectativas dentro da mocidade pero tamén para recuperar xente maior.

-Teñen pensado celebrar un debate antes do 25 de outubro?
O certo é que non nos chegou ningunha proposta, pero estamos abertos ao debate entre as equipas e ao debate de ideas. Temos que falar moito de corrupción, de caciquismo e clientelismo, temos moito que falar de feminismo, de modelo produtivo, de emprego, da Igrexa católica e dos seus privilexios. Hai moitas cousas para falar e moitas propostas para o futuro de Galicia e que queremos dar a coñecer á xente antes de votar.

-Contactou estes días con Antón Gómez-Reino, como está sendo a relación con el?
Teño unha relación de moita simpatía, de moita proximidade co outro candidato. Falamos moito ao longo destes días sobre pequenos detalles de campaña. Hoxe pola tarde vereino no Congreso dos Deputados, así que regularmente estamos en contacto.

"Temos que falar moito de corrupción, de caciquismo, de feminismo e de modelo produtivo"

-Podemos Galicia poderá representar todos os intereses que definen Galicia como país?
Nós xa representamos iso en Galicia. Defendemos o que é a nosa identidade nacional, pero fundamentalmente o que representamos é a forza que traerá o cambio nas condicións económicas e materiais dentro da vida das persoas. Iso será mediante a modificación do modelo produtivo e a transformación do mercado de traballo. Somos unha forza cun enorme compromiso coa transformación da realidade social da xente. Considero que a cidadanía nos puxo nas institucións para mudar as súas condicións de vida. A maioría social que impulsou a transformación que foron as alcaldías do cambio no ano 2015 e logo a chegada de En Marea ao Parlamento galego. Pois esa forza social ten os instrumentos materíais, económicos, laborais e sociais presentes no centro do seu discurso. Iso é o que representamos nós se cadra con maior apoio que calquera outra forza dentro do espazo do cambio.

-Como describe a súa relación coas alcaldías do cambio?
Teño unha relación de moita proximidade e simpatía con Martiño Noriega, tamén unha relación de proximidade e moito respecto cos alcaldes de Coruña e Ferrol. Espero poñer esa boa relación ao servizo do cambio. Pero penso que temos que traballar nos procesos políticos con independencia das relacións persoais, recollemos un compromiso co cambio e debe ir para adiante sumando forzas, apostando por riba de relacións persoais.

"Somos unha forza cun enorme compromiso coa transformación do mercado de traballo"

-Tivo a sensación de desafección cara Podemos Galicia nos últimos anos? Sería ese o motivo da súa candidatura?
Demos un avance expectacular se miramos para atrás desde o ano 2014 ata o 2018. A mudanza dentro do escenario político galego é impresionante. Pero tamén cometemos erros e non temos cumprido algúns obxectivos. O primeiro, non logramos botar a Feijóo e iso precisa de revisar os procesos de toma de decisión dentro de Podemos e nos espazos das forzas de cambio desde o ano 2015 ata o de agora. Debemos ser capaces de sumar máis xente, ser quen de articular máis proxecto de país, de concretar e comunicar mellor á sociedade que nós somos a forza capaz de traer o cambio ao país. Para iso debemos acadar toda a enerxía precisa e así lograr en 2019 as alcaldías gobernadas polo PP e en 2020 o Parlamento de Galicia.

-Cambiou a súa postura sobre a presentación do DNI para participar nas primarias?
Sigo pensando que sería mellor que os galegos e as galegas puidesen votar nas mesmas condicións que votaron os cataláns hai tres semanas, as mesmas que en Galicia desde a existencia de Podemos. Considero que cando se fai unha modificación tan importante en termos de organización dentro dun proceso electoral, iso debe facerse con moita antelación, cunha serie de campañas por parte da organización, explicando o proceso de transformación e mudanza pero, lamentablemente isto non se ten feito así. Tamén estou segura que os inscritos e as inscritas en Galicia non van deixar que este obstáculo adicional que apareceu no camiño, faga que os galegos e as galegas modifiquen a súa vontade de seren quen de dicir quen estará á fronte de Podemos Galicia.

"Teño unha relación de moita simpatía e proximidade co outro candidato"

-Teme unha pinza PP-PSOE contra Podemos no caso de poderen ter unha ampla representación en concellos e no Parlamento galego?
Non, non espero iso. Ademais, no Estado estase a demostrar que os camiños de negociación co PSdeG e co PSOE son transitables. Eu vexo posible articular unha forza parlamentaria capaz de  botar ao PP do goberno galego. Esa posibilidade está aí, porque como vimos no 2016, o PP conseguiu seguir gobernando en España coa colaboración do PSOE. Isto é unha aprendizaxe para as galegas e os galegos de saberen onde están as forzas do cambio e onde as forzas que din unhas  cousas e fan outras.

-Por tanto ve alternativa ao PP e posibilidade de pactos de progreso. Que condicións porían sobre a mesa antes de comprometerse a un pacto?
Por suposto que vemos alternativa ao PP e posibilidade de pactos. Os pactos fanse sobre aquilo que afecta á vida cotiá da xente, se nós non poñemos sobre a mesa elementos moi concretos relacionados coas condicións laborais, os salarios ou as condicións fiscais das empresas, as axudas aos autónomos, a sanidade, a dependencia ou a escola pública, se non poñemos iso sobre a mesa, elementos políticos con incidencia sobre a vida das persoas, non pode haber acordo. Nós non estamos para facer outra cousa que non sexa mudar a vida da xente.

-Feijóo acabará en Madrid?
Iso tería que dicilo el. Mais o que parece é que se remata a lexislatura no Parlamento de Galicia, vai ser unha lexislatura perdida e sen proxecto de país, que non é capaz de facer autocrítica en relación á situación real de Galicia, como vimos no debate do Estado da Autonomía. Se a lexislatura chega a 2020 sería unha mala noticia para Galicia e para as maiorías sociais galegas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 7 comentarios

3 Gamela

Mudar o modelo produtivo galego... (extractivo e depredador) vai ser difícil senon imposible! Pero se o que quere é ampliar as bases de Podemos Galicia aquí ten un bo PROGRAMA !!! O que non sabemos é se os que pisan a moqueta do Congreso terán zapato baixo para patear as corredoiras do país... (?) https://ac3-galicia.podemos.info/ca...

1 maisum

Extractivo e depredador?, Cal non o é?, O Noruegues?, O aleman?. O noso sempre é o peor, para alguns

2 Gamela

O noso é o peor do mundo só porque hai un fato de ladróns facendo o seu agosto particular a costa do que é de todos nós...(esa conciencia depredadora está moi ancorada no imaxinario da xente común gracias aos 70 anos de caciquismo reinante!) Por iso vai ser dificil de mudar! Supoño que nin en Noruega nin na Alemaña sería posible facer algo así... http://www.campogalego.com/forestal...

2 Xan García

Unha millonaria, herdeira dunha inmensa fortuna lider de un partido de esquerdas. Básicamente Podemos é un xogo de señoritos.

1 Gamela

Bescansa non é culpabel de nacer en boa cuna... (ou en casa grande!) outros tamén eran señoritos en transformaron o mundo (Engels & Marx) O que sí deberamos esixirlles a todas é COHERENCIA (Eva Solla https://twitter.com/eva_solla debera dicirnos que fai con esta nómina? http://www.parlamentodegalicia.es/s... Sobre todo porque nola DEBE a nós (aos nosos votos!) O mesmo sucede con Pablo Iglesias cando muda tan rápidamente de Residencia https://i.gal/gamela15 ) Bescansa aínda ten de demostrar de que lado está...!!!

2 Lois Rodríguez

Isos soldos son unha vergoña absoluta sean do PP, do BNG ou comunistas de Podemos.

1 Alberto Pereira

Problema: o teu país (España) ou o d@s galeg@s (Galiza).