Feijóo quere que o cumio España-Portugal aborde o Xacobeo 2021 e os retos da Eurorrexión

Incide nas infraestruturas e chama a traballar xuntos para "harmonizar estratexias" e "seguir consolidando" a industria do automóbil

Por E.P. | Portugal | 29/10/2018 | Actualizada ás 19:24

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou este luns por que o Cumio España-Portugal, que terá lugar en Valladolid o próximo 21 de novembro, aborde o Xacobeo 2021 opu "novos retos e oportunidades" da Eurorrexión, entre os que destacou as infraestruturas ou unha regulación do marco enerxético "axeitada".

O presidente da Xunta, nunha conferencia no Porto. XUNTA
O presidente da Xunta, nunha conferencia no Porto. XUNTA | Fonte: Europa Press

Durante unha conferencia na comida-coloquio organizada pola Fundaçao AEP do Porto e o Club Financeiro Atlántico, Feijóo renovou, como presidente actual da Comunidade de traballo Galicia-Norte de Portugal, o seu compromiso co fortalecemento da Eurorrexión, animando a "unha maior cooperación directa".

Tamén expuxo a necesidade de que as institucións de España e de Portugal "cumpran coas prioridades conxuntas para que esa unidade sexa máis fácil".

En concreto, o responsable do Goberno galego propuxo, nun primeiro termo, que tamén Portugal se some, "porque sairá beneficiada", ao "principal evento cultural que Galicia celebrará nos próximos anos": o Xacobeo 2021.

"En Galicia temos a vocación de conseguir que sexa o mellor ano santo da nosa historia e, para iso, queremos reforzar todas as rutas xacobeas", aseverou, antes de aludir, con especial intensidade, ao Camiño portugués, que "cada vez esperta un maior interese".

Do mesmo xeito, apostou por seguir profundando na innovación conxunta. Para iso, defendeu apoiar a continuidade dos programas europeos co esquema actual, tanto no que respecta aos territorios como ás taxas de financiamento.

No ámbito da automoción, e nun contexto de gran competitividade a nivel mundial, mostrouse partidario de "traballar xuntos" para "harmonizar as estratexias" co fin de "seguir consolidando" a industria do automóbil en Galicia e no Norte de Portugal.

CORREDOR ATLÁNTICO E ALTA VELOCIDADE

Ao longo da súa intervención, Feijóo subliñou que estes tres obxectivos "deben ser obxecto de debate no próximo cume". Ademais, reivindicou tamén que "fai falta un maior impulso institucional que reforce a integración interregional".

Neste sentido, aludiu a infraestruturas como o Corredor Atlántico ou a alta velocidade. Así, unha vez conseguido que a Comisión Europea recomende ao Parlamento da Unión que se amplíe o corredor ferroviario até Galicia, chamou a facer "unha fronte común" para apoiar a conexión dos portos da fachada atlántica cos corredores da Rede Transeuropea de Transportes para poder optar os máis fondos.

"Igualmente, é da máxima importancia continuar avanzando a execución da saída sur de Vigo, o que supón continuar a alta velocidade A Coruña-Vigo até Portugal", engadiu.

MARCO ENERXÉTICO

O responsable autonómico afirmou que outra prioridade institucional ten que ser unha regulación do marco enerxético "axeitada", tanto no que se refire á electricidade como ao gas.

Respecto á electricidade, lamentou que se prefira apostar polo gasto en novas instalacións de xeración de electricidade, no canto de reforzar as interconexiones eléctricas internacionais. "Que serían, na nosa opinión, garantía de prezos estables, máis baixos e, por suposto, cunha subministración de calidade garantida", incidiu.

"E en canto ao gas, Galicia e Portugal temos a aspiración compartida de seguir avanzando na mellora das infraestruturas, ampliando a capacidade de interconexión por Tui e coa terceira interconexión por Zamora", engadiu.

Así, expresou o desexo de que esta demanda sexa atendida, porque Galicia e Portugal son "os mellor situados para converterse nos portos de cabeceira que dean entrada ao gas americano, evitando a total dependencia de Europa, do gas ruso e do gas árabe".

COOPERACIÓN SANITARIA TRANSFRONTEIRIZA

Feijóo destacou, ademais, a necesidade de concretar algúns aspectos que faciliten a atención das situacións que se producen nas localidades transfronteirizas, a través, por exemplo, dun convenio para a cooperación sanitaria transfronteiriza ou coa reserva dun espazo radioeléctrico estatal para as televisións públicas.

Por último, incidiu na importancia de que os Gobernos de España e de Portugal se comprometan cun problema que non é exclusivo de Galicia e do Norte de Portugal, pero que afecta a ambos territorios especialmente, referíndose á realidade demográfica e ao envellecemento da poboación. "Un problema que hai que abordar con máis intensidade, sen dilacións nin xeneralidades", demandou.

"TERRA DE PONTES"

No acto, Feijóo incidiu en que Galicia é "unha terra de pontes humanas, políticas, sociais e económicas". "E non queremos destruír ningunha, senón amplialas", aseverou, para soster que "as pontes co resto de España e con Portugal, e as pontes con Europa son esenciais para entender a Galicia de hoxe".

O presidente do Goberno galego lembrou os proxectos aprobados ao amparo dos Programas Operativos da Cooperación transfronteiriza. Non en balde, destacou que, grazas a estes fondos, a Eurorrexión é hoxe "unha referencia en sectores como o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía de Braga".

REUNIÓN PREPARATORIA

Por outra banda, a Xunta informou de que o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na reunión de coordinación da Comisión luso-española de Cooperación Transfronteiriza, onde defendeu as propostas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal para o Cumio Hispano-Luso.

Participaron as catro comunidades con fronteira con Portugal, xunto con dous ministerios e as súas contrapartes lusas. Entre outros asuntos, o Executivo autonómico informou de que se tratou a importancia de avanzar na prolongación da actual liña de alta velocidade A Coruña-Vigo, en dirección Portugal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta