Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/11/2018 | Actualizada ás 13:18
Sofía e Martín foron os nomes máis frecuentes das nenas e nenos que naceron en Galicia durante o ano 2017, segundo reflicte a 'Estatística de nomes dos neonatos galegos' que publicou o Instituto Galego de Estatística (IGE).
En ambos os casos, tanto Sofía como Martín repiten como o nome máis habitual, xa que durante o ano 2016 xa se situaron no primeiro posto. O mesmo sucede con Noa, o segundo nome máis frecuente entre as nenas galegas. En cambio, nos nenos recén nados, Lucas substitúe en 2017 a Mateo como o segundo máis común.
Por orde, na lista de nomes de mulleres, a Sofía e Noa, séguenlle Daniela, Martina, Sara, Lucía, Alba, Carla, Lara e Vera. A diferenza de 2016, Sara baixa do terceiro posto ao quinto e Alba do quinto ao sétimo. Tamén saen do primeiros dez nomes máis comúns Valeria e Carmen, que si figuraban o ano anterior, e entre o 1 e o 20, desaparecen Lía e María.
En canto aos nomes masculinos, a estatística mostra que os dez máis frecuentes son Martín, Lucas, Mateo, Hugo, Leo, Enzo, Daniel, Pablo, Manuel e Izan. En comparación con 2016, constátase que Pablo desaparece dos cinco primeiros postos, substituído por Leo. Con respecto a 2007, o único nome que coincide é Hugo, o cuarto máis habitual.
AUMENTO DE NOMES GALEGOS
Por outra banda, se se amplía a mostra e se teñen en conta os 20 primeiros nomes, destaca o aumento no emprego de nomes galegos, aínda que aparecen nos últimos postos.
No caso das nenas, o primeiro nome galego sitúase no posto 16, con Uxía. Se en 2016 só aparecían Uxía e Antía, en 2017 tamén se coan na lista Antía, Iria e Sabela.
En canto aos homes, o primeiro nome en galego é Brais, no número 17, seguido de Antón, que substitúe a Anxo que aparecía en 2016, e seguido de Iago.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.