Psicólogos alertan: "Non só as listas de espera son dilatadas para acceder a unha consulta, tamén os tempos entre sesións"

José Berdullas, membro da xunta directiva do Colexio Oficial de Psicólogos de Galicia (COPG) advirte de que a situación actual, co aumento do consumo de antidepresivos entre a mocidade e a falta de atención aos problemas de saúde mental, "é o resultado de décadas de abandono institucional". "Temos que actuar xa", asegura.

Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 09/06/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A saúde mental da infancia atravesa unha situación crítica. Mentres a demanda de atención psicolóxica se dispara, o sistema público acumula listas de agarda interminables e ofrece atención con meses de agarda entre sesións. Isto supón, na práctica, un abandono encuberto de funcións, especialmente grave no caso dos nenos e nenas, onde a falta de intervención temperá pode contribuír á cronificación dos problemas. A situación obriga a moitas familias a recorrer á sanidade privada, afondando na fenda entre quen pode pagar e quen non. Mentres tanto, medra o uso de medicación como solución paliativa fronte á falta de profesionais dispoñibles, a pesar dos riscos --aínda por comprobar-- que isto poida ter nun cerebro en desenvolvemento. A ausencia de prevención nos centros educativos, a saturación das consultas privadas e a falta dunha aposta firme polos servizos públicos configuran un panorama alarmante, no que cada decisión adiada compromete o benestar emocional da próxima xeración. A pregunta é: ata cando podemos seguir agardando para facer algo?

Alumnos atendendo nunha clase
Alumnos atendendo nunha clase | Fonte: Arquivo

Segundo expón José Berdullas, membro da xunta directiva do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG), "acceder a unha consulta cun psicólogo a día de hoxe é practicamente imposible e, o que é peor: unha vez que se accede, tamén pasan semanas ou meses entre sesión e sesión", explica. Isto, sostén, é o resultado de anos de desatención política: "Non é algo novo, levamos un retraso de décadas, porque a saúde mental foi tradicionalmente ignorada polos distintos gobernos do noso país e agora estamos pagando as consecuencias". Neste senso, tamén se refire a todo o contexto social e cultural previo que influíu para chegar aos resultados actuais: a crise económica, o problema da vivenda, a covid... Ademais, tamén resalta que, "afortunadamente, cada vez a poboación é máis sensible a estes temas, polo que cada vez hai máis xente que se abre a falar da saúde mental sen reparos, deixando de vela como un tema tabú". "Hoxe por hoxe fálase dunha forma moito máis natural de saúde mental e ninguén se avergoña de dicir que acode a unha consulta de psiquiatría ou a unha sesión de psicólogo", celebra Berdullas. 

"NA ÁREA DE LUGO UN RAPAZ PODE ACCEDER A UNHA CONSULTA PSICOLÓXICA CADA 3 SEMANAS, PERO NA DE FERROL ESE TEMPO DILÁTASE ATA 1 ANO"

O tempo de reacción ante un problema de saúde mental é clave, tal e como resalta o psicólogo. Sen embargo, "os datos que temos dende o COPG indícannos que está habendo listas de agarda de meses, mesmo chegando ata o ano nalgunha ocasión", lamenta. Pero sinala que, máis aló diso, o verdadeiro problema está no espaciamento entre sesión e sesión unha vez se logra acceder a unha primeira consulta. "É relevante o tempo que se tarda en acceder a un psicólogo, pero tamén é moi relevante o tempo que logo se tarda en volver a unha consulta", sinala. A xeito de exemplo, bota man doutras especialidades médicas: "Cando unha persoa ten unha perna rota, a lista de agarda para operalo pode variar e ser máis ou menos longa, pero, o que resulta impensable, é que unha vez que o paciente se atopa na mesa de operacións, o cirurxián se deteña antes de rematar de arranxarlle a perna". Trasladando isto ao ámbito da saúde mental, "os nenos e as nenas si teñen que agardar tempos moi dilatados entre consultas, sen ver o seu problema de saúde mental resolto". E, como denuncia Berdullas, "a solución non pasa por comezar o tratamento do problema, senón por poder garantir unha continuidade do mesmo".

Máis en concreto, asegura que actualmente na sanidade pública galega, un rapaz pode acceder a unha consulta psicolóxica, no mellor dos casos, cada tres semanas, como acontece na área sanitaria de Lugo; no peor, pode tardar ata un ano entre sesión e sesión, como acontece na de Ferrol. "Isto non é tratamento psicolóxico", lamenta. Ademais, hai que ter en conta que todo ese tempo vense a sumar ao que xa se tardou en levar ao cativo ao psicólogo dende que empezou a amosar síntomas. "Cando alguén ve que o seu fillo ten unha dificultade de saúde mental que o fai estar mal, o primeiro que adoita facer non é acudir ao médico, senón agardar a ver se a cuestión non é grave e se resolve por si soa; se persiste, inténtanse remedios na súa contorna, coa familia e profesores; e, se vai a peor, é cando se acode ao pediatra, que pode derivalo xa a unha consulta ou non, demorándose aínda máis o acceso ao tratamento psicolóxico". Fronte a esta situación, dende o COPG demandan o "acceso inmediato dos nenos a un psicólogo cando o precisan". Pois, como advirte Berdullas, "o tempo non corre de balde, canto máis tempo se tarde en abordar o problema, máis grave se volverá e máis difícil resultará logo de remediar", incide. 

Fármacos e pílulas
Fármacos e pílulas | Fonte: XUNTA DE ANDALUCÍA - Arquivo

"NOS NENOS É PREFERIBLE PENSAR PRIMEIRO EN TRATAMENTO PSICOLÓXICO, PORQUE NON SABEMOS OS EFECTOS A LONGO PRAZO DOS FÁRMACOS NELES"

Segundo os datos recollidos no último informe do Consello de Contas relativo á saúde mental en Galicia, o consumo de antidepresivos disparouse un 52 % en mozos de ata 19 anos tras a covid e no ano 2023 máis de 11.300 menores de 15 anos tomaban medicación para a saúde mental. Así, o panorama actual pasa por moitos mozos que consumen tratamentos, pero con falta de psicólogos que os escoiten e poidan tratar o seu problema dende outra perspectiva que non sexa a farmacolóxica. Neste senso, Berdullas asegura que "non hai que demonizar a medicación antidepresiva, porque pode ser útil en determinados casos", pero tamén advirte de que, "sobre todo nos máis pequenos, estes fármacos son máis paliativos que resolutivos". Isto é, "poden axudar durante un tempo a que leven mellor o seu problema, pero non o arranxan". De feito, asegura que mesmo hai casos nos que eses fármacos, ao reducirlles o sufrimento, trasladan unha falsa sensación de que xa están ben e de que teñen menos necesidade de acceder ao psicólogo, cando non é certo. "Os problemas van persistir se non os atacamos de raíz", alerta.

Para Berdullas, "nos nenos, especialmente en etapa infantil, deberiamos pensar sempre primeiro nun tratamento psicolóxico", Por unha banda, porque "non sabemos aínda os efectos a longo prazo que poden ter sobre eles os tratamentos farmacolóxicos, pois resulta innegable que todos fármacos producen reaccións no cerebro humano e, no caso dos nenos, estamos a falar dun sistema nervioso que non está tan desenvolvido como nos adultos". Pola outra, "aínda que os médicos de atención primaria, neste caso os pediatras, fan sempre este tipo de intervencións con boa intención, para que o sufrimento dos nenos se acabe antes dado as dilatadas listas de agarda para que poidan acceder a unha consulta psicolóxica, de seguro que se tivesen máis tempo para poder tratalos serían quen de atendelos moito mellor sen necesidade de derivalos a outro especialista".

"O ACCESO Á SAÚDE E O DEREITO DE SER ATENDIDO NON DEBERÍA DEPENDER DO NIVEL ECONÓMICO NIN DA CONTA BANCARIA DE NINGUÉN"

Ante este panorama, a realidade é que a desesperación leva a moitas familias a acudir ao sector privado para tratar os problemas de saúde mental dos seus fillos e fillas, xerando unha fenda entre quen pode pagar a atención psicolóxica fóra da sanidade pública e quen non. "Cando vemos sufrir aos nosos fillos, sempre estamos dispostos a facer o que sexa necesario para reducirlles ese sufrimento, e sabemos que hai familias que están facendo grandes esforzos económicos, mesmo endebedándose, para poder atopar a atención máis rápida para os seus fillos", asegura Berdullas. Pero, "o acceso á saúde e o dereito de ser atendido non debería depender do nivel económico nin da conta bancaria de ninguén", afirma con rotundidade, apostando por "un sistema público que funcione axeitadamente e que trate á xente con humanidade". "A partir de aí, se alguén prefire acudir á sanidade privada, está en todo o seu dereito de facelo", evidencia.

Ademais, asegura que mesmo nas consultas privadas a día de hoxe hai que agardar para obter unha cita, pois a maioría dos psicólogos infanto-xuvenís teñen as axendas saturadas. "Hai profesionais que xa non poden aceptar máis pacientes en todo o ano, porque a demanda supera a capacidade, tanto dentro como fóra do sistema público", resalta Berdullas. Dende o seu punto de vista, a saída pasa pola prevención e a intervención no ámbito educativo. "Por que non hai psicólogos nos centros educativos que fagan un labor preventivo? Non para substituír aos clínicos, senón para actuar antes de que o problema se agrave, dende a promoción dunha axeitada saúde mental", pregúntase. Isto tamén facilitaría o poder detectar aos nenos con maiores dificultades e aqueles que requiren dunha intervención clínica urxente. Pero o psicólogo tamén insiste en que "non se pode aspirar a unha saúde mental digna se as condicións sociais que temos non son minimamente axeitadas: boa conciliación familiar, acceso equitativo aos recursos e aposta clara pola saúde mental nos orzamentos públicos", entre outras cousas.

"O FUTURO DA SAÚDE MENTAL DOS NOSOS NENOS E NENAS DEPENDERÁ DAS DECISIÓNS QUE TOMEMOS HOXE: TEMOS QUE INTERVIR XA"

A recente promesa do presidente da Xunta no pleno celebrado o pasado mércores 21 de maio no Parlamento de Galicia de contratar a 14 psicólogos clínicos para reforzar a atención primaria podería aliviar parte da presión e favorecer un acceso máis rápido a unha sesión clínica. "É unha boa noticia", celebra Berdullas. "Se se cumpre, permitirá intervencións máis rápidas e efectivas en casos leves e moderados", considera, pero tamén matiza que "este é só un paso, e faltan moitos máis por dar". Entre eles, insiste en introducir a psicoloxía nas escolas. Así as cousas, e aínda que rexeita facer futuroloxía, si se amosa consciente de que "o futuro da saúde mental dos nosos nenos e nenas dependerá das decisións que tomemos hoxe". "Se apostamos por coidar a infancia, favorecer a conciliación dos proxenitores, reducir as desigualdades e reforzar os servizos públicos, a cousa mellorará", asegura. Do contrario, "se as desigualdades seguen aumentando e cada vez temos máis situacións de pobreza nas familias, iremos a peor". E advirte do risco de chegar a unha liña de non retorno se tardamos máis en abordar o problema. "Temos que intervir xa", conclúe.

Enfermidades de saúde mental na infancia
Enfermidades de saúde mental na infancia | Fonte: Shutterstock - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta