A Xunta defende o seu traballo contra as velutinas: "Se non fose polo que fixemos, Galicia estaría invadida"

Continuará coa repartición de trampeo, pero advirte a necesidade de chegar a un posicionamento "claro" sobre "se ten que ser masivo ou non".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/11/2018 | Actualizada ás 13:44

Comparte esta noticia

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, lembroulle á plataforma Stop Velutina todo o que a Xunta "puxo encima da mesa" para combater esta especie invasora, que "veu para quedar". "O traballo que veu desenvolvendo en relación e en cooperación coa Consellería de Medio Rural e a de Medio Ambiente deu o seu resultado. Se non, é que teriamos toda Galicia invadida de velutinas e ademais serían millóns de velutinas as que teriamos", afirmou en declaracións aos xornalistas antes de participar no Consello Galego de Medio Ambiente.

Exemplar de avispa asiática, unha especie invasora. Vespa Velutina. ANECPLA - Archivo
Exemplar de avispa asiática, unha especie invasora. Vespa Velutina. ANECPLA - Archivo | Fonte: Europa Press

Cuestionada polas peticións da plataforma, a titular de Medio Ambiente fixo referencia tamén a que "é moi importante, sen dúbida, a investigación" neste ámbito. "Porque, se non, estamos a dar paus de cego", advertiu. Xunto a iso, subliñou que "a protección para os apicultores é fundamental" e sinalou que a Xunta "vai continuar coa repartición de trampeo, igual que se fixo ao longo destes anos".

Pero, ao seu xuízo, "o que hai que valorar é se se pode facer un trampeo masivo". "Entendiamos até agora e así nos avalaban que temos que facer trampeos en zonas determinadas para protexer as colmeas, pero non masivos porque poden supor un problema para a biodiversidade", avisou.

Así as cousas, valorou que Stop Velutina "está a facer un bo labor" pero engadiu que cre "que debería facer tamén unha análise de todo o que se puxo encima da mesa, como poden ser os líquidos, o trampeo, a retirada de niños...". "E, despois, situarnos claramente á hora de determinar se o trampeo ten que ser masivo ou non", resolveu.

PROXECTO EUROPEO

Á marxe disto, a conselleira fixo referencia ao proxecto de intercambio de experiencias sobre a velutina entre países europeos no que participará a Xunta.

"Imos traballar na procura de solucións, no ámbito da investigación pero tamén con outros países como pode ser o exemplo de Francia, que ten moitos estudos encima da mesa. Non podemos perder o tempo. Todo aquilo que estea investigado, o que faremos será absorbelo e a partir de aí tentar abrir novas liñas de investigación", expuxo.

Nesta liña, destacou que "os polinizadores son moi importantes" e indicou que o "problema" está "non tanto xa no que é a recollida de mel, que non baixou moito este ano en relación a outros anos", senón "para toda a sociedade en xeral, que investiu moito". "Sobre todo para retirar os niños. Temos que facer algo máis de cara a un futuro", apostilou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta