Os traballadores de Povisa mobilizaranse ante as sedes do PP e da Xunta para evitar o concurso de acredores

O comité de empresa denuncia que o hospital terá beneficios que "non repercutirán" nos empregados.

Por Europa Press / Redacción | VIGO | 13/11/2018 | Actualizada ás 13:21

Comparte esta noticia

O comité de empresa do Hospital Povisa de Vigo concentrouse este martes ante o centro para advertir de que as negociacións co Sergas para evitar o concurso de acredores "non valen" se "non repercuten nos traballadores" e "non recollen" as súas reivindicacións. Por iso, anunciaron que iniciarán mobilizacións.

Concentración do comité de empresa de Povisa no hospital en Vigo.
Concentración do comité de empresa de Povisa no hospital en Vigo. | Fonte: Europa Press

Nos próximos días concentraranse ante a sede do Partido Popular en Vigo e ante o edifico central do Sergas en Santiago. A presidenta do comité de Povisa, María Xesús Neira, asegurou que non aceptarán "seguir cos soldos conxelados até 2024", data na que finaliza o actual concerto coa Administración pública.

Povisa trasladou ao comité que chegaron a un acordo respecto da "medicación ambulatoria de alto impacto", que era un dos puntos que reclamaba o hospital privado ao Sergas debido ao incremento do seu custo e a que figuraba dentro do prezo per cápita.

Tamén chegaron a un acordo sobre o 'Plan especial de redución de listas de espera', 'Perle', polo que Povisa realizará unha serie de intervencións cirúrxicas para "acelerar" as listas de espera do Sergas e cobrarao "a parte" do concerto, segundo fontes consultadas por Europa Press.

A presidenta do comité manifestou que decidiron facer as mobilizacións porque lles dixeron que "non haberá subida salarial" e que "non se ía a negociar o convenio colectivo" e que todos os acordos aos que están a chegar co Sergas "son para manterse a pre sen perdas nin ganancias ata que finalice este concerto".

Neira concedeu que a negociación é un "parche" até 2024 cando termina o concerto actual entre o Sergas e Povisa. "Pero ese parche si vai dar beneficios ao hospital, non van negociar só para quedar a pre, van conseguir beneficios e eses beneficios non van repercutir nos traballadores", aseverou.

A presidenta do comité sostivo que a empresa lles informa "pouco" do estado das negociacións e que "descoñecen todos os acordos", aínda que lles trasladaron que están "en vías de chegar a acordos antes de que termine o ano" para evitar o concurso. Un centenar de persoas acudiron a concentrarse fronte ao hospital privado máis grande de España con berros de "non á precarización" e "Povisa culpable, é a responsable".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta