Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/11/2018 | Actualizada ás 14:20
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quixo "agradecer" este xoves a "dignidade e solidariedade" do deputado de ERC no Congreso Gabriel Rufián por defender, antes da sesión da comisión de investigación do accidente do Alvia en Santiago, que puidese entrar como convidada a eurodeputada nacionalista Ana Miranda.
Pontón criticou o "veto" de PP e PSOE a que Miranda entrase como convidada e, asemade, censurou a En Marea por que "se puxese de perfil neste caso", aínda que o seu portavoz na Cámara, Antón Gómez-Reino, quixo resolver xa a discusión. O propio Rufián, como se pode ver nun vídeo difundido polos nacionalistas, diríxese directamente ao líder de Podemos Galicia para esixirlle que dixese a súa posición, ante o que lle contestou que eles se expresaron a favor de que acudise na Mesa da comisión.
"Non vou entrar en provocacións", resolveu este xoves Gómez-Reino, nunha entrevista en TVE e recollida por Europa Press, ao ser preguntado por se lle chamou 'pallaso' a Rufián, tal como sostén o deputado de ERC.
O voceiro de En Marea manifestou que "todo o que ten que ver coa comisión do Alvia hai que tratalo con extremada delicadeza e mesura" e "non dar espectáculos a cuestións deste tipo". "O fundamental na comisión do Alvia é que teñen que ser os protagonistas as vítimas e a verdade", apuntou.
Así mesmo, volveu aclarar que "os primeiros en votar a favor de que a compañeira e amiga Ana Miranda puidese estar onte (por este mércores), foron eles (polo seu grupo)". "Haberá que preguntarlle a Rufián por que quixo montar este espectáculo fóra de lugar", sentenciou Gómez-Reino.
CRÍTICAS DE ANA PONTÓN
Con todo, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, destacou a "dignidade de visibilizar o veto a unha eurodeputada" por parte do deputado catalán e reivindicou que Miranda foi "unha das artífices de que houbese" o informe da Axencia Ferroviaria Europea sobre a investigación feita en España.
"A dignidade e a solidariedade hai que agradecela fronte a un PP e PSOE que nos vetan e a unha En Marea que tamén se puxo de perfil neste caso", sentenciou Pontón, a preguntas dos medios, nun acto en Ourense.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.