Científicos demostran a pouca eficacia das trampas comerciais e caseiras contra a avespa velutina

Un estudo realizado en 21 municipios galegos invadidos pola avespa asiática evidencia que as trampas de cebo teñen "taxas de captura e selectividade relativamente baixas" e representan unha "ameaza potencial" para os insectos nativos, sendo os métodos caseiros os menos eficaces. So o 0,90% dos insectos atrapados son velutinas.

Por Alberto Quian | Madrid | 21/11/2018 | Actualizada ás 13:55

Comparte esta noticia

A eficacia das trampas de cebo para controlar a invasora Vespa velutina está moi cuestionada. Científicos galegos estudaron o rendemento destas trampas e atoparon que os exemplares da avespa asiática representaron menos do 1% de todas as capturas, o que "reflicte a baixa selectividade do método", que "constitúe unha ameaza adicional para os insectos nativos", advirten os investigadores.

Avespa velutina ataca unha abella
Avespa velutina ataca unha abella | Fonte: Danel Solabarrieta en Flickr.

"A baixa taxa de captura e a selectividade das trampas con cebo que se usan actualmente, xunto coa alta capacidade de colonización da Vespa velutina e a alta mortalidade causada por grupos de insectos non obxectivo, en particular algúns que non son presa común das especies invasoras, cuestionan a utilidade deste método como ferramenta de control", conclúe o estudo

Os resultados cuestionan o posicionamento da Asociación Galega de Apicultura (AGA), que en outubro saíu ao paso de informacións publicadas recentemente nalgúns medios de comunicación en contra das trampas como sistema de control da velutina. "Os apicultores que utilizamos esta ferramenta non somos o problema e para protexermos as nosas colmeas defendemos esta práctica, que, aínda que precisa mellorar a súa eficacia e selectividade, é a máis eficaz na actualidade para frear o avance da praga", defenderon.

Apenas o 0,90% de todos os insectos capturados coas trampas de cebo foron exemplares de avespa velutina; os dípteros representaron o 92,65% do total

O curioso –e paradoxo– do asunto é que no estudo que agora se publica participou a doutora da Universidade de Vigo Sandra Rojas Nossa, encargada de coordinar o programa 'Stop Vespa Velutina' promovido precisamente pola AGA. Canda ela asinan o traballo outros tres científicos adscritos á Facultade de Bioloxía e o Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo.

Trampas de cebo contra a avespa velutina: a e b, os atraentes comerciais franceses Avispa'clac e Véto-Pharma; c, trampa caseira / Rojas-Nossa, S.V., Novoa, N., Serrano, A. et al. Apidologie (2018). https://doi.org/10.1007/s13592-018-0612-0.
Trampas de cebo contra a avespa velutina: a e b, os atraentes comerciais franceses Avispa'clac e Véto-Pharma; c, trampa caseira / Rojas-Nossa, S.V., Novoa, N., Serrano, A. et al. Apidologie (2018). https://doi.org/10.1007/s13592-018-0612-0.

O que fixeron os investigadores foi comparar o rendemento de tres tipos de trampas con tres cebos de uso común. En total, probáronse nove solucións distintas, combinando cada trampa cun tipo diferente de cebo. 

As trampas utilizadas foron dúas comerciais –as francesas Avispa'clac e Véto-Pharma, modelos que distribúe a Xunta de Galicia entre os apicultores– e unha trampa caseira –a máis común dos métodos domésticos– feita con botellas de plástico transparente de 1,5 litros, cortando a parte superior e pegándoa boca abaixo na parte inferior da botella, con pequenos orificios de 5 milímetros nas paredes laterais para proporcionar unha vía de escape para os pequenos insectos e outro duns 9 milímetros no tapón para deixar paso á avespa, ademais de colocarse outra peza de plástico sobre a trampa a modo de teito para evitar que a auga de choiva ingrese na trampa.

Só a metade das trampas colocadas na primavera en áreas invadidas logran atrapar as raíñas da avespa asiática

Con respecto aos cebos, probaron dous tipos comerciais de atraentes –de novo Avispa'clac e Véto-Pharma– e un caseiro, mesturando 100 mililitros de cervexa negra, outros 100 de viño branco, 50 de zume de arando e 50 gramos de azucre (un dos máis comúns entre os apicultores).

As trampas colocáronse colgando de árbores ou postes a 1,50 metros de altura. En total, distribuíronse 180 trampas e cebos ao azar entre apicultores voluntarios de 21 municipios galegos invadidos pola velutina: Arteixo, Baiona, Boiro, Capela, Cariño, Culleredo, Gondomar, Laracha, Mañón, Moaña, Mos, Muros, Oia, Oleiros, Ortigueira, Salceda de Caselas, San Sadurniño, Tui, Valdoviño, Vicedo e Vigo.

As capturas realizáronse entre o 1 de abril e o 30 de xuño de 2016. Os científicos saben que para tentar frear a expansión da avespa asiática é necesario tentar capturar as raíñas fundadoras de colonias. Desta maneira, conséguese que se formen menos colonias nos meses de verán, cando as avespas atacan con maior frecuencia as colmeas de abellas.

En total, capturáronse144.368 insectos, pero apenas o 0,90% foron exemplares de velutina. Unha porcentaxe ínfima. 

Entre os insectos non obxectivo, os dípteros foron os máis frecuentes nas capturas, representando o 92,65% de todos os atrapados (esta orde inclúe insectos tan coñecidos e comúns como moscas, mosquitos, típulas ou tabáns). Outros insectos que mostraron taxas de captura maiores que as da velutina foron as formigas (3,82%) e bolboretas (1,20%). Destacan tamén as capturas da avespa nativa europea crabro (en perigo de extinción), que representaron o 0,16% do total, e as das abellas melíferas, o 0,17%, mentres que os exemplares da superfamilia Vespoidea foron o 0,28% e os escaravellos, o 0,66%. Outras especies acadaron porcentaxes máis baixos.

As trampas comerciais obtiveron mellores taxas de captura e de selectividade que as caseiras

A media de exemplares de velutina capturados foi de 0,37 individuos en cada trampa por día. A frecuencia de captura desta especie tamén foi relativamente baixa (0,55), o que significa que só a metade das trampas colocadas na primavera en áreas invadidas logran atrapar as raíñas da avespa asiática. 

O tipo de trampa tivo un efecto significativo na cantidade de individuos de velutina capturados. As trampas Avispa’clac tiveron a maior taxa de captura, 2,5 veces máis alta de media que as de Véto-Pharma e 12,7 veces máis que as caseiras. E a taxa de captura das trampas Véto-Pharmac foi 5,2 veces maior de media que a das caseiras.

Nin o tipo de cebo nin a interacción entre a trampa e o cebo tiveron efectos significativos na taxa de captura da avespa invasora.

Todos os tratamentos capturaron un alto número de individuos doutras especies de insectos en cada trampa por cada velutina atrapada (media de 134,6). A selectividade das trampas viuse afectada significativamente polo tipo de trampa: as de Avispa’clac foron as máis eficaces, cunha selectividade media 2,5 e 5,6 veces maior que as de Véto-Pharma e as caseiras, respectivamente; as de Véto-Pharma, pola súa banda, mostraron unha selectividade 2,2 veces maior de media que as trampas caseiras.

Con todo, os investigadores advirten de que "este mellor desempeño comparativo das trampas Avispa’clac, en termos de taxa de captura de velutina e selectividade, debe considerarse con cautela", xa que con este método tamén se capturaron "taxas máis altas de insectos non obxectivo [non velutinas], incluídos dípteros, abellas e outros himenópteros". 

"As trampas con cebo que se utilizan actualmente para reducir a poboación invasora representan unha ameaza potencial para a fauna nativa", alertan os científicos

O uso da terra e a proximidade ás colmeas tiveron efectos significativos nas taxas de captura da avespa asiática. As trampas situadas en áreas boscosas e rurais, e as colocadas preto de  apiarios capturaron máis individuos de velutina. A taxa de captura en zonas boscosas foi 1,2 e 2,6 máis alta que nas áreas rurais e urbanas, respectivamente, mentres que as trampas en áreas rurais atraparon 2,1 veces máis individuos de velutina que as situadas en áreas urbanas. A taxa de captura das trampas foi 3,7 máis alta cando se colocaron preto das colmeas que lonxe delas.

Os resultados, salientan os científicos, "resaltan a relevancia do deseño e a colocación das trampas como parámetros clave para optimizar as capturas das raíñas da avespa invasora V.  velutina", mostrando as trampas comerciais maior efectividade que as caseiras, que son, ademais, menos selectivas.

En xeral, todas as trampas de cebo mostraron "taxas de captura relativamente baixas" de avespa velutina, conclúen os autores da investigación, que alertan da ameaza que estes tratamentos supoñen para os insectos nativos:

"As trampas con cebo que se utilizan actualmente para reducir a poboación invasora representan unha ameaza potencial para a fauna nativa, agregada ao impacto directo da Vespa velutina como depredador", advirten os científicos.

Estes resultados cuestionan así todas esas informacións que, a modo de consellos, se veñen publicando de maneira irresponsable en redes sociais e moitos medios de información sobre métodos caseiros sen base científica algunha, e aquelas solucións potenciadas polas admnistracións públicas para tentar atallar a praga mediante trampas de cebo.

O estudo, titulado 'Performance of baited traps used as control tools for the invasive hornet Vespa velutina and their impact on non-target insects', publícase na revista científica Apidologie e está asinado por Sandra Rojas Nossa, Noelia Novoa, Antonio Serrano e María Calviño Cancela.

Avespa velutina
Avespa velutina | Fonte: Charles J. Sharp.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta