Por Jose Luis Quintela | Pontedeume | 16/06/2011
E, todo iso, partindo de tres regras concretas. Podían ser outras, absolutamente igual de válidas e lexítimas. Pero estas son as miñas, que marcan unha identidade diferencial, e que constituirán o selo destas achegas. En primeiro lugar, unha independencia ben probada xa ao longo destes últimos anos, como forma de non ter que conciliar as miñas ideas coas que dimanen de calquera estrutura política, social ou económica, e de maneira que un queda libre de concordar cos uns, cos outros o cos de máis aló, explicando o porqué da lóxica concreta de cada razoamento. En segundo lugar, o anhelo de buscar un enfoque transversal no ideolóxico como forma de conseguir diálogos e consensos, aprender novos modos de traballo e, así, mellorar a posición de Galicia e dos galegos nos ámbitos aos que nos refiramos. E, por último, o convencemento de que unha sociedade en marcha precisa do compromiso de todos os sectores da sociedade para acadar, no horizonte, a excelencia persoal e colectiva, sendo esta a única forma de progresar.
Este traballo de construción dun espazo colectivo un tanto perdido tradúcese no día a día, desde o meu punto de vista, nun desafío concreto, aínda que con múltiples facetas. O resumo podería ser o de volver ilusionarmos coas cousas de todos, co público, co que ten que ver coa nosa forma de organizarnos e de construír un modelo social e económico que sirva para entendernos e facilitar a convivencia e o desenvolvemento de todas as persoas. E co político, malia a mala prensa deste termo por mor do cansazo da mera alternancia de dúas opcións maioritarias non tan diferentes desde múltiples puntos de vista, de corruptelas e corrupcións xa por todos ben coñecidas ou polo afastamento da acción dos gobernos dos problemas reais da cidadanía. É absolutamente necesario que o noso pobo se repolitice, na medida que isto supón estar ao tanto das decisións que temos que ir tomando para manter o noso sitio en España e Europa.
Pois ben, con todos estes vimbios, tentarei poñer aquí en valor os meus argumentos, contrastándoos cos de vostedes, e esperando así aprender de tantas outras inquedanzas, para que, co resultado desta posta en común, ir edificando na lóxica hegeliano da tese, antítese e síntese. E así as veces que faga falla, mellorando en cada ciclo o resultado.
Vivimos –e o dicía ao comezo deste artigo– un momento especial. Por unha banda, ilusiónante, con persoas que espontaneamente saen ás rúas a falar de futuro e implicación colectiva. Pero, por outra parte, tamén inquietante, onde o momento social encóntrase bastante condicionado por outras esferas da convivencia moito menos orientadas ás persoas. Haberá que ver até que punto se consolida nunha proposta estable e sostible todo o maremagnum de ideas e propostas derivados dos movementos sociais, por unha parte, e como vai evolucionando a situación económica e política, pola outra, como forma de recuperar o pulo dunha certa normalidade social. Este é o contexto de partida dunha columna con vocación de servizo público e, como non, de punto de encontro aberto e franco.
Xa que logo, velaquí andamos. Ímonos encontrando no Galicia Confidencial.