Feliz Aninovo!

Si, xa sei que hai moitas frontes abertas, moita crispación, unha violencia estrutural en innumerables situacións enquistadas no mundo que resulta insoportable e... moitas máis lerias. Pero o noso primeiro deber para poder ter éxito ao afrontar todo iso e moito máis é o de manter unha certa serenidade e mesmo ser conscientes do regalo que é a vida...

Por Jose Luis Quintela | A Coruña | 14/01/2024

Comparte esta noticia
Non sei por onde empezar, queridos e queridas, cando boto unha ollada ao momento presente. Se miro ao meu redor, vexo moitas frontes abertas, e algunhas delas moi sanguentas. Non xa no sentido literal da palabra, que tamén, con moitos conflitos enquistados e moito sufrimento de persoas coma vostede e coma eu, vítimas e non verdugos. Refírome, ademais, a situacións moito máis sutís, nas que as actitudes, ideas, prácticas e crenzas vixentes socavan os cimentos do entendemento e do ben común. E diso tamén hai moito agora, nos albores do ano 2024. Un tempo moi polarizado, cun alto grao de crispación na nosa sociedade e onde os intereses particulares ás veces afogan o máis conveniente en termos dunha máis sólida e mellor consolidada construción colectiva. 
 
Da guerra, das guerras, pouco hai que falar xa que non coñezamos. E o certo é que os conflitos máis presentes nos medios (Ucraína, Gaza...) seguen a estragar moitas vidas, ao tempo que abundan nunha fenda irreparable en moitos eidos, incluíndo o da convivencia e a catástrofe medioambiental asociada a ese tipo de hecatombes. Son situacións irreparables que, ademais, tiran por terra esforzos de concordia e de amizade, condenando á especie humana a un certo aliñamento nun dos bandos, sen ter en conta os sempre necesarios matices e a ampla escala de grises presentes e importantes en calquera análise. Pero non esquezan, por favor, que existen moitas máis zonas no mapamundi cheas de horror, morte e miseria, aínda que non se fale delas ou se faga moi pouco...
 
O devir político no conxunto de Europa tamén é obxecto da miña preocupación en tal ollada. Non sei se a tendencia ao extremismo está agora no seu momento máis álxido ou non respecto a estes últimos anos, pero o certo é que son uns cantos os gobernos montados hoxe no continente desde opcións cuxas promesas electorais son verdadeiramente difíciles de entender desde unha perspectiva respectuosa cos dereitos máis elementais das persoas. E mesmo no conxunto de España, sen ir máis lonxe, hai exemplos preocupantes, que deberían facernos reflexionar sobre que sociedade queremos e por que. Sen cuestionar a súa lexitimidade democrática, por suposto, pero intentando ver por que terminan aflorando e consolidándose.
 
Pero hai moitos nubarróns máis, algúns moi cerca, neste comezo de ano. Faláballes do momento tan “inflamable” na nosa sociedade hoxe, con moita polarización e unha adscrición pouco reflexiva ás distintas ideoloxías, por outra banda moi crispadas unhas con outras.  Vexan un exemplo, a conta do último incidente no mar relativo á morea de pequenas bolas de material plástico que chegan ás nosas costas despois de que o buque “Toconao” perdese parte da súa carga, e que unha vez máis está a derivar nun episodio de pelexa permanente entre as persoas que ocupan responsabilidades nas Administracións Públicas. Liorta por iso ou polo que toque en cada momento, porque tamén é o caso coas novas normas de uso das máscaras en establecementos de saúde, ou en relación con mil e unha cousas máis que vostedes xa coñecerán polas novas. O caso é pelexar... O caso é o caos, se me permiten o xogo de palabras, sempre que se lle poida endosar ao contrario. E que o que parece é que hai quen, desde o público, vive co ánimo de poñer paus nas rodas do contrario, sen entender que a uns e a outros lles pagamos para resolver problemas concretos, e non para crealos...
 
Con todo así e mirando ao mar -hoxe obxecto de especial inquedanza polas posibles repercusións de tal vertedura- un empeza a preguntarse se é pertinente ou non intentar ser feliz e desexar felicidade aos demais no comezo do ano... Pero, saben que lles digo? Que si, que por moito que chova a chuzos ao noso redor, a capacidade de reverter calquera situación adversa pasa por querernos nós e querer aos demais, pola xenerosidade no sentido máis amplo da palabra e por cultivar valores como a paz, a serenidade ou o sosego, aínda que sexa a fondo perdido... Só así poderemos loitar contra o desacougo, e ser quen de propoñer melloras con ánimo construtivo, sendo conscientes do inmenso regalo que é a vida...
 
Por todo iso, nestes primeiros días de xaneiro, Feliz 2024! Feliz Aninovo! Ese é o meu desexo para todas e todos con rotundidade, mesmo sabendo que falta moita, pero que moita felicidade...
 
jl_quintela_j@telefonica.net
Da sección: “Mirando ao mar”

Brinde dun grupo de cervexas nun bar
Brinde dun grupo de cervexas nun bar | Fonte: Pixabay
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Jose Luis Quintela Julián José Luis Quintela Julián (A Coruña, 1968) é licenciado en Física e Ms en Ciencias pola Universidade de Santiago de Compostela. MBA en ICADE, Posgrao en Xestión de Entidades non Lucrativas por ESADE e Especialista na Unión Europea pola Universidade de Vigo. Foi profesor asociado nas Facultades de Física e Óptica da USC, impartiu clase de Matemáticas e Física en Bacharelato e traballou no sector privado, no eido da enxeñaría. Foi Director Territorial da Fundación Intermón Oxfam en Galicia, León e Asturias, Director Interino de dita organización en Guatemala e tamén VicepresIdente do Consello Galego de Cooperación ao Desenvolvemento e secretario da Coordinadora Galega de ONGDs. Traballou como Director de Área de Servizos Sociais no Concello de A Coruña e nesta etapa presta servizos como profesor de Física e Química no ensino público galego, continuando involucrado no terceiro sector na xunta directiva dunha organización coruñesa de inclusión social.