O home afogado nun coche en Corme era un mariñeiro fillo dun ex edil socialista

O alcalde da localidade, Lois García Carballido, di que o feito viviuse "cunha gran conmoción"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/11/2018 | Actualizada ás 18:39

Comparte esta noticia

Os efectivos do Grupo especial de actividades subacuáticas da Garda Civil lograron recuperar a media tarde o corpo sen vida dun veciño de Corme, de 44 anos, que foi localizado no interior dun coche, que estaba afundido no porto da localidade pertencente a Ponteceso (A Coruña).

Coche recuperado do mar pola Garda Civil
Coche recuperado do mar pola Garda Civil | Fonte: EP

Segundo informaron fontes da Garda Civil consultadas por Europa Press, o vehículo estaba moi mergullado na auga polo que os submarinistas tiveron que solicitar a participación dun guindastre para levantar o coche, ante as dificultades para recuperar o corpo.

Finalmente, lograron recuperalo ao redor das cinco da tarde. O corpo foi trasladado para a realización da pertinente autopsia, aínda que desde a Garda Civil precisouse que non presentaba signos evidentes de violencia.

O vehículo tamén foi recuperado do mar, para a súa posterior análise. Presentaba golpes no capó pero crese que puideron ser producidos por algún impacto no fondo mariño. O alcalde da localidade, Lois García Carballido, explicou a Europa Press que en Corme, un porto no que todos "se coñecen", viviuse o suceso "cunha gran conmoción". O falecido é un mariñeiro que estaba embarcado, fillo dun concelleiro socialista no período de 2007 a 2011.

O seu pai seguiu desde primeira hora no porto os traballos para tentar rescatar o corpo, tras localizarse o vehículo. Foron uns particulares os que alertaron á primeira hora á Garda Civil de que se podían ver as rodas dun coche que estaba afundido na zona portuaria. Ante a conmoción polo suceso, o Concello suspendeu un baile de maiores que estaba programado para a tarde deste domingo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta