A Asemblea Nacional de Estudantes reclama produtos de hixiene íntima nas facultades

O sindicato estudantil colocou caixas con compresas e tampóns nalgúns baños de centros do campus de Compostela (USC) e de Ourense (UVigo)

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 29/11/2018 | Actualizada ás 20:30

Comparte esta noticia

O  sindicato estudantil Anega (Asemblea Nacional de Estudantes Galegas) puxo en marcha unha campaña para reclamar produtos de hixiene íntima nos centros educativos. Procuran que estes artigos se poidan conseguir nas máquinas expendedoras ou na conserxería de cada facultade. Con este fin, a iniciativa centrouse na difusión do proxecto a través de cartaces, redes sociais ou nos propios centros, ademais de na colocación de caixas con compresas ou tampóns nalgúns baños do campus de Santiago de Compostela (USC) ou no de Ourense (UVigo).

Unha das caixas con compresas e tampóns que colocou Anega nalgunhas facultades
Unha das caixas con compresas e tampóns que colocou Anega nalgunhas facultades | Fonte: Cedida

"Porque non debería ser un luxo, demandamos produtos de hixiene íntima ao alcance de todas!". Ese é a reivindicación que se pode ler nalgunha desas caixas, en referencia á importancia de que estes artigos sexan un servizo de balde. A responsable de Muller na Coordinadora Nacional do sindicato, Cristina Calvete, expresouse neste sentido. "Con esta campaña queremos visibilizar un problema que existe e que todas sufrimos pero moitas veces calamos. Nós menstruamos e, polo tanto, deberían facilitársenos os recursos adecuados para que isto afecte o menos posible á nosa vida académica", reclamou, "o que demandamos son artigos de primeira necesidade". Calvete engadiu que, malia a suposta baixada do IVE aplicado a estes artigos, seguen a ser produtos caros. "Na meirande parte das facultades non hai lugares preto para poder adquirilos", subliñou. 

Os obxectivos que buscan acadar con esta campaña son a incorporación deste tipo de produtos nas máquinas expendedoras dos centros educativos e asegurar a súa dispoñibilidade nas conserxerías das facultades. Calvete explicou que xa están en conversas -"moi frutíferas"- co equipo reitoral da USC, aínda que non hai unha data fixa para a súa posta en marcha final. Esta organización sindical soamente depositou as súas caixas en Santiago de Compostela e en Ourense, mais xa están traballando para incluír todos os campus galegos neste plan. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta