Veciños de Mondariz maniféstanse para esixir un servizo de pediatría na localidade

A plataforma convocante celebra o "éxito" da primeira de varias concentración. As reivindicacións diríxense a pedir unha mellora na atención primaria e critican "o desmantelamento do rural"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/11/2018 | Actualizada ás 14:08

Comparte esta noticia

Veciños de Mondariz, Covelo e Mondariz Balneario (Pontevedra) concentráronse na mañá deste venres fronte ao centro de saúde da primeira destas localidades, onde denunciaron "o desmantelamento do rural" e esixiron á Consellería de Sanidade que dote aos municipios cun pediatra.

Veciños de Mondariz protestan para esixir a Sanidade un pediatra. PLATAFORMA POLA DEFENSA DO SERVIZO DE PEDIATRÍA EN
Veciños de Mondariz protestan para esixir a Sanidade un pediatra. PLATAFORMA POLA DEFENSA DO SERVIZO DE PEDIATRÍA EN | Fonte: Europa Press

As familias, cos nenos ao fronte, contaron co apoio de membros da federación de ANPAs, así como de representantes dos grupos políticos e os alcaldes do tres concellos.

A presidenta da asociación de veciños, Violeta Lois, foi a encargada de ler o manifesto da Plataforma pola defensa do servizo de pediatría en Mondariz, co que lamentou a "decadencia do rural" e esixiu a Sanidade que dote a Mondariz dun pediatra de luns a venres.

Lois lembrou os desprazamentos e os gastos aos que teñen que facer fronte as familias, así como as demoras de tempo nas que incorren ao ser derivados a Ponteareas.

TRIPLA ESIXENCIA

Así mesmo, alertou de que "o modelo de pediatría está en perigo" e denunciou que "os responsables políticos non están a apostar polo rural nin pola atención primaria". "Que a Xunta cumpra o que promete na campaña 'Ruralízate", reclamou.

Así, Lois esixiu que "se restableza o servizo de pediatría" de luns a venres en Mondariz "con atención durante parte da xornada" en Covelo.

Por outra banda, a representante da plataforma alzou a voz para pedir aos dirixentes políticos que se produzan "melloras na atención primaria".

Ademais, chamou á Xunta a que "non desmantele o rural" e pediu aos veciños congregados fronte ao centro de saúde que loiten para non dar "nin un paso atrás en servizos e en calidade de vida". "Os que vivimos no rural somos cidadáns cos mesmos dereitos", engadiu.

MÁIS PROTESTAS

Violeta Lois mostrouse satisfeita polo "éxito" desta primeira mobilización e polo apoio que recibiron por parte dos representantes políticos e de diferentes colectivos.

A desta mañá non foi a única acción reivindicativa por parte desta plataforma. O mércores 5 de decembro, ás 11,30 horas, concentraranse fronte ao centro de saúde de Covelo, e o sábado 15, ás 16,00 horas, está prevista unha manifestación en Mondariz Balneario.

Por outra banda, este domingo 2 de novembro, as familias afectadas pola retirada de pediatras no centro de saúde pontevedreses de Aldán e cangas do Morrazo, concentraranse fronte ao centro de Aldán para pedir profesionais neste campo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta