O PPdeG evita criticar un pacto coa ultradereita de VOX en Andalucía

Tellado defende que o "modelo educativo sexa homoxéneo" no conxunto do estado pero xestionado por cada comunidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/11/2018 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, considerou que "non se pode censurar" ningún acordo que "non está exposto" e lembra que un posible pacto entre os populares e VOX en Andalucía após as eleccións autonómicas deste domingo "non está encima da mesa".

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, na rolda de prensa
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, na rolda de prensa | Fonte: Europa Press

Despois de que o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, cuestionase aos populares galegos se senten "cómodos" nun partido aberto a chegar a acordos coa "ultradereita", Tellado lembroulle ao socialista que o PSOE "utilizou o apoio de Bildu e dos secesionistas cataláns para chegar á Moncloa".

"Non se pode censurar ningún acordo que non está exposto, que non está encima da mesa e menos por aqueles que pactaron con Bildu e os secesionistas cataláns para arrebatar o Goberno ao PP fai só cinco meses", apuntou.

Tellado pronunciouse deste xeito nunha rolda de prensa na que cargou contra o BNG por manter contactos con Bildu e ERC, como o que este venres celebran en Santiago de Compostela para ultimar acordos para unha candidatura conxunta para as eleccións europeas.

"Parece que finalmente asinarán ese acordo e que o futirible cabeza de lista vai ser Oriol Junqueras, quen está acusado de delitos graves como rebelión e sedición", censurou Tellado, que argumentou que, con este pacto, o BNG traslada que se chegase ao Goberno o seu modelo de sociedade sería o da "antiga Batasuna" e o do "independentismo catalán".

RECENTRALIZACIÓN DA EDUCCIÓN

Na rolda de prensa e preguntado sobre a proposta do líder do PP, Pablo Casado, de recentralizar competencias de educación, Miguel Tellado apostou por un "modelo educativo único" xestionado nas distintas comunidades autónomas.

Neste sentido, sinalou que a proposta do PP débese a que comunidades como Cataluña xestionaron as súas potestades educativas para "adoutrinar". Por iso, apuntou que, do que se trata, é de que o "modelo educativo sexa homoxéneo" e de que "non haxa 17 distintos".

"Unha cousa é que se homoxeneicen os contidos e outra é centralizar unhas competencias que hoxe en día están descentralizadas e que se exercen con absoluta normalidade e lealdade no conxunto do Estado", sinalou.

Ademais, rexeitou que o discurso do PP experimentase un xiro á dereita. "Non houbo ningún congreso no que se debatese a base ideolóxica", lembrou para sinalar que non se debe confundir a "vehemencia" na defensa das ideas con "que sexan radicais". "Somos un partido moderado, demostramos un profundo sentido de Estado na defensa dos intereses xerais", subliñou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta