O noso mundo feliz e intolerante

(Este artigo derívase de “A defense of toleration in our brave, intolerant world”, Mercatornet, Oct 18 2018)

Por A.C. Pereira-Menaut | Compostela | 05/12/2018

Comparte esta noticia
Nestes nosos tempos de terrorismos e medos líquidos e menos líquidos, escóitase por veces que é difícil que a tolerancia floreza, sobre todo por causa das relixións, especialmente monoteístas. Comprensiblemente, as persoas relixiosas opoñen (opoñemos) diversas razóns. Pero aquí eu quería levar a auga por outro rego. A miña tese é sinxela: a pesar das apariencias, as sociedades occidentais de hoxe son sensiblemente intolerantes. É unha intolerancia estructural, e polo mesmo difícil de evitar (se é que se quere evitar). Intolerancia da obesidade, to tabaco; intolerancias diversas por mor da corrección política; intolerancia dos nacionalismos, dos populismos —lixo político có que nin se fala—; intolerancia bruselense con Grecia, de Felipe VI con Cataluña, de Hacienda cós casetos para cans no rural...
 
A intolerancia occidental de hoxe non é fundamentalmente un problema relixioso, nin tampouco da cantidade de democracia. É un problema de cómo coexistimos có que é imperfecto, malo ou desagradable. De aquela, se a batalla da tolerancia non se da principalmente no terreo relixioso, ¿ónde se da? Pois na política, nas institucións, o dereito, economía, cultura, corrección política e organización social, que hoxe non fan boa terra para que a tolerancia floreza; digan o que digan os documentos oficiais.
 
Varias son as causas. Para comezar: a idea, tan do século XX, de que todo problema humán pode e debe ser resolto polo Estado, e o máis axiña posible, impide un estilo de goberno no que a tolerancia poda medrar: “let sleeping dogs lie”, “quieta non movere”,  “if it ain't broke, don't fix it”, “se algo funciona, para que amañalo?”, etc. Curiosamente, eso encaixaba ben na cultura galega tradicional.
 
A seguinte idea é que todas as situacións deben ser reguladas por lei, o que converte o razoamento legal no único xeito de discutir conflitos, xurídicos ou non. Eso dificulta o arranxo específicamente político, como vemos na liorta catalana.
 
A verborrea dos dereitos (eis o famoso Rights Talk. The Impoverishment of Political Discourse, de Mary A. Glendon), hoxe xeneralizada, produce un estilo confrontacional que pode estar ben (contra o goberno) ou mal (contra o veciño). Esquécese, así, que os dereitos son “verticais”, máis que “horizontais” (para nos defender do poder, máis que do veciño). Basear toda posible discusión humana só en argumentos de dereitos, potencia os conflitos. 
 
Curiosamente, o legalismo —outra fonte de intolerancia— lévase ben co relativismo: ao non existir na sociedade unha visión compartida básica, encargamos ás leis declararnos o correcto ou incorrecto. Este apoderar á lei, explica por que, cando algo antes incorrecto legalízase, vólvese carta de triunfo e potencialmente intolerante. Un exemplo entre moitos: a perspectiva de xénero pasou en pouco tempo de ser unha rareza de extranxeiros, a unha postura máis, e a ser obrigatoria na educación. Ese legalismo inmoderado, —especialmente se as leis incorporan decisións inapelables de expertos— fomenta a intolerancia. O sentido común, o “ollo de bo cubeiro” ou a equidade, no Dereito actual, esmorecen. Os algoritmos, as decisións automatizadas e a intelixencia artificial tamén dificultan a tolerancia. O antigo Dereito romano e canónico,  suavizaba o “rigor iuris”; os algoritmos, non.
 
Nunha liña semellante está outra recente adquisición: a implacabilidade efectiva (non só proclamada) do estado, antes nunca vista, nin nas dictaduras, e agora feita posible pola nova mentalidade, e máis por unha tecnoloxía antes inexistente. Conseguir cobrar o cen por cen das multas de tráfico non é normal.
 
Unha sociedade perfeccionista e puritana
 
Debe notarse que a tolerancia refírese as persoas —non as accións, institucións ou ideoloxías—. Implica aceptar que ninguén é perfecto, que hai que coexistir cunha tolerable dose de mal, que moitos problemas tal vez non se dean resoltos nunca, ou que a absolutización de obxectivos, mesmo razoables (así, impedir o branqueo de diñeiro) terá sempre un custo, e quizais excesivo.
 
A nosa cultura non é puritana ou perfeccionista tratándose de rectitude moral, relixión, estética ou boa educación. Pero verbo de outras materias —tabaco, velocidade legal, reais ou supostas desigualdades de xénero, expresións incorrectas e unha longa lista—, é marcadamente puritana, pois o puritanismo non desapareceu, transformouse; se é que non medrou. Antes, a existencia de certos defectos, limitacións e erros humáns e cotiáns, considerábanse parte da paisaxe, pois o mundo era imperfecto. Hoxe considéranse intolerables pola corrección política, o estado ou o mercado.
 
Paradóxicamente, a tolerancia, ainda sendo contraria ao perfeccionismo, tende a ser crítica e xuzgadora de seu (Furedi). Se non podes distinguir a man dereita da esquerda, non poderás facer un xuízo de tolerancia. E por seren inherentemente crítica, o relativismo tenderá a debilitala, ainda que se diga o contrario. Os relativistas serios, pouco teñen que tolerar. Se non hai correcto/incorrecto, certo/errado, ninguén está errado, e se ninguén está errado, a contrario sensu tampouco ninguén estará no certo, e polo tanto non terá nada errado ou malo que tolerar.
 
O típico lema postmoderno-puritán-perfeccionista do século XXI de “tolerancia cero”, entendido como principio xeral contra certas accións malas ou moi malas, ten pouco sentido, porque a tolerancia nace xustamente para tratar co malo, feo ou errado. Con isto non negamos que, considerando caso por caso, non haxa moitas malas accións excluíbles de toda tolerancia. Pero se a “tolerancia literalmente cero” se fixera principio xeral, sobraría: ¿por qué non falar, entón, de “absoluta intolerancia? ¿Só porque sonaría mal? Contra a “tolerancia cero” é importante que a tolerancia, como o respecto, non sexan para accións, doutrinas ou ideoloxías, senón para persoas. Agora mesmo podemos facer unha listaxe de cousas obxectivamente intolerables, pero logo, na vida real, pode que non sirva demasiado cando, nun caso complexo, alguén pida algo de tolerancia. Mesmo ao cadáver do peor criminal lle pagamos o debido respecto, pero non respectamos en absoluto os seus crimes. Tampouco toleramos en absoluto a doutrina de “2 + 2 = 7.7”, e impediremos que se poña en práctica, pero teremos que tolerar ós seus defensores.
 
Para tratar con asuntos bos, fermosos ou simplesmente indiferentes, non se precisa tolerancia nin outro concepto particular ningún. Ninguén “tolera” un ben; ninguén “tolera” que un fillo leve un 10 en Dereito Constitucional; a miña muller non “toleraría” que me deran o Premio Nobel. Se a tolerancia excluíse por completo toda acción mala por ser mala, perdería sentido; volveríase un concepto sobrante.
 
Sociedades tolerantes
 
Na historia, unhas culturas foron máis tolerantes que outras. Os romanos de cando en vez perseguían aos cristiáns, pero, en xeral, a tolerancia dábase ben na cultura e no dereito romanos. Floreceu tamén nos imperios Otomán, Británico e Austro-Húngaro (todos eles imperios; non estados; ¿terá algo o estado, logo?).
 
Na España medieval houbo violencias mutuas e algunha persecución dos cristiáns polos musulmáns, pero tamén moita paz e tolerancia por ambalasdúas partes. Pero cando chegou o proceso do state building español, xudeus e moriscos ían ser expulsados; un precedente das limpezas étnicas modernas, alleo á práctica medieval, pre-estatista.
 
Non son antropólogo, pero eu diría que os galegos (e máis os portugueses; “um povo de costumes brandos”) éramos, e tal vez aínda sexamos, máis tolerantes. “Ímola virando”, que “malo será”, porque sabemos ben que o mundo é imperfecto (non malo). Sabemos que as leis cumpriránse, ou non (e, ás veces, millor así); os obxectivos previstos nelas acadaránse ou non. Cántas veces, os retrasos e ineficiencias burocráticas na execución da lei, téñennos axudado a ir sobrevivindo! Últimamente, temos perdido parte da nosa maneira de ser, ás veces por causa dos implantadores de mentalidades supostamente modernas e progresistas; ás veces por culpa precisamente de nacionalistas de esquerdas benintencionados e patriotas, pero carentes da flexibilidade, o gosto polos grises e a retranca do País; por culpa dos que pensan que hai que cumprir a lei, conformarse á “forma mentis” bruxelense, afacernos ao estilo dos grandes medios de Madrid... Pero, como dí o refrán castelán, “el que tuvo, retuvo”, así que un pouco máis de sérmonos nós mesmos, e malo será que non deamos recuperado algo de tolerancia.

Participantes ultraconservadores e profascistas na manifestación de Barcelona a prol de España / Miguel Núñez Manifestación unionista en Barcelona trala declaración de independencia de Cataluña proclamada no Parlament o 27 de outubro de 2017 / Miguel Núñez
Participantes ultraconservadores e profascistas na manifestación de Barcelona a prol de España / Miguel Núñez Manifestación unionista en Barcelona trala declaración de independencia de Cataluña proclamada no Parlament o 27 de outubro de 2017 / Miguel Núñez
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Antonio Carlos Pereira-Menaut É Catedrático de Dereito Constitucional na USC. Tamén é director da Cátedra Jean Monnet de Dereito Constitucional europeo.Ocupouse de Teoría Política, Teoría Constitucional, Constitucionalismo Comparado (sobre todo, inglés), e Federalismo, Autonomía e organización territorial. É un gran coñecedor do proceso de constitucionalización da Unión Europea.