Xunta e Concello da Coruña reclaman a Alcoa que "actúe cun pouco máis de responsabilidade"

Pídenlle ao Goberno un marco enerxético "estable" que garanta o emprego na fábrica.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 04/12/2018 | Actualizada ás 14:57

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, coincidiron en reclamar ao Goberno un marco enerxético "estable" para garantir o futuro da planta de Alcoa na Coruña e os seus empregos, así como o das empresas electrointensivas.

Reunión entre Feijóo e Ferreiro na Coruña. XUNTA
Reunión entre Feijóo e Ferreiro na Coruña. XUNTA | Fonte: Europa Press

Fixérono após unha reunión de algo máis de hora e media na Delegación Territorial da Xunta e na que, entre outras cuestións, abordaron a situación desta planta ante o anuncio de peche, xunto coa de Avilés (Asturias).

"É necesario que o Goberno dea pasos firmes", sinalou o alcalde citando un marco regulatorio "estable" no ámbito enerxético. Ademais, tamén considerou "exixible" demandar a Alcoa que "actúe cun pouco máis de responsabilidade", dixo o rexedor quen trasladou o seu apoio a calquera actuación para manter a actividade industrial.

Dos temas tratados no encontro, Feijóo citou como primeiro asunto o de Alcoa. "É un proxecto industrial que A Coruña non pode perder", sinalou reclamando tamén á compañía que "mova ficha" e negocie "sen ultimato".

Do mesmo xeito que o alcalde, ao Goberno pediulle un marco enerxético "estable" para as empresas electrointensivas para non pór "en perigo" os postos de traballo vinculados a estas. "Non podemos liquidar o problema de Alcoa mentres non hai un marco tarifario estable e isto correspóndelle ao Goberno", insistiu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta