Unha mostra salienta o labor cultural e de galeguización dos coros galegos

O Consello da Cultura Galega e Afundación inauguran na Coruña “Son de Galicia”, mostra que fai un repaso por catro dos grandes coros galegos: Toxos e Froles, Cántigas da Terra, Coral De Ruada e mais Cantigas e Agarimos.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 12/12/2018 | Actualizada ás 14:12

Comparte esta noticia

Son de Galicia” non é só unha exposición sobre catro formacións musicais que aínda permanecen activas. É unha mostra que recolle o espírito dunha época que sentou a través da música e do baile a nosa identidade. 

Coro de Aires d'a Terra
Coro de Aires d'a Terra

Esta mostra do Consello da Cultura Galega (CCG) peneira nos arquivos dos catro coros históricos (Toxos e Froles, Cántigas da Terra, Coral De Ruada e mais Cantigas e Agarimos) para reconstruír a historia de Galicia a través da traxectoria destas formacións que dan conta da música, do teatro, da organización social dun tempo. 

A través dos trinta paneis é posible reconstruír a historia destas catro formacións de xeito individualizado, ao tempo que se pode facer unha lectura moito máis ampla que permita recoñecer o traballo común destas formacións: nomeadamente o labor etnográfico de recuperación de músicas e cantigas populares, a preocupación por conservar a lingua así como os traballos de recuperación dunha vestimenta típica de Galicia para as súas actuacións. 

Ademais dos paneis, en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), dedicarase un espazo para material audiovisual, que permitirá ver imaxes históricas destas sociedades. Por outra parte, os coros tamén participaron activamente na escolla de pezas sonoras representativas do que foi a historia de cada unha que o público poderá escoitar na mostra. Complétase o discurso expositivo con instrumentos, documentos escritos, discos e mostras da vestimenta e decorados.

A exposición inauguroue este martes coa presenza da presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o director xerente de Afundación, Pedro Otero; o comisario, Miguel Anxo Seixas e os responsables dos catro coros. A mostra poderase ver na Sede Afundación de A Coruña ata o 26 de xaneiro, desde onde continuará exhibíndose  noutras cidades galegas. 

OS COROS GALEGOS

A orixe dos coros galegos nace con Perfecto Feijoo, que creou en Pontevedra en 1883 o grupo pioneiro "Aires da Terra", composto por un gaiteiro, un tamborileiro, un bombo, un grupo de oito cantantes e varias parellas de baile. Empregou decorados e elementos da dramaturxia e a da vestimenta máis popular galega. A música e as súas letras permitiron a divulgación da literatura oral en galego, a lingua natural e maioritaria do pobo que nesa época non era igualmente apreciada como lingua culta. 

“Aires da Terra” supuxo a orixe e o modelo en que se reflectiron todos os coros que chegaron despois e que tiñan unha intención explícita de reivindicar unha identidade galega nun contexto de activación do nacionalismo galego acubillado polas Irmandades da Fala. Por iso é dos primeiros paneis dunha exposición que sinala as semellanzas destas entidades e a súa propia especificidade.

Todas as sociedades corais creadas neste período comparten varios denominadores comúns. Entre eles, “unha subsistencia precaria condicionada polo españolismo político e un gusto especial polo teatro, a participación activa das mulleres nunha época impensable para a igualdade”. Tamén,  sobre todo, por unha toma de conciencia dun fondo musical e da necesidade de reelaborar as vellas tradicións formulándoas en clave folclorista e espectacular para un público masivo e urbano, no caso de que se poida considerar deste xeito á Galicia ruralizada da época. Ademais, tamén tentaron crear un modelo de indumentaria galega, un compromiso marcado pola lingua omnipresente desde a forma ata o fondo; un teatro afeccionado non exento de tenzóns e retesías internas.

A exposición permite ver tamén outras facetas destacadas deste tipo de sociedades: un tipo de teatro afeccionado no que os seus integrantes ensaiaban despois da súa xornada laboral e no tempo libre que as súas vidas lles permitían; a solidariedade, xa que os coros se sumaron sempre a case todas as campañas solidarias de Galicia e de fóra: recadacións en favor dos nenos pobres, campaña a prol da bandeira de Galicia, a favor da construción de monumentos a figuras representativas da cultura galega, donativos para as familias dos soldados mortos na guerra, festas patrióticas... A mostra tamén dá conta dunha faceta como embaixadores da cultura galega a través de máis de setenta viaxes a lugares de todo o mundo, como Lorient, Brest, Madrid, Bos Aires, Suíza, Venezuela ou Londres.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta