Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2018 | Actualizada ás 13:35
As pernoctacións hoteleiras soben un 6,6% en novembro en Galicia até 497.388 en relación coas do mesmo mes do ano pasado, segundo os datos que publica este venres o Instituto Nacional de Estatística (INE). Deste xeito, fréase a tendencia negativa dos últimos sete meses, nos que se deron taxas interanuais de baixada. Porén, o número de viaxeiros segue á baixa, con 4.444 persoas menos respecto do mesmo mes do 2017.
A última subida de pernoctacións hoteleiras producírase en marzo, pola Semana Santa. Dende aquela, os datos de variación interanual foron sempre negativos. Agora, o incremento percibido neste novembro está por enriba do estatal (+4%).
Pola súa banda, os viaxeiros seguen diminuíndo. Rexistráronse 239.171 persoas, o que supón un retroceso do 1'8%. Acumulan así oito meses consecutivos de descenso.
Galicia está á cola de España do grao de ocupación por praza en novembro. Cun 31%, é o terceiro peor dato entre comunidades, despois de Asturias (27,7%) e Castela-A Mancha (30,8%). No outro extremo, Canarias está no 72,8%.
A tarifa media diaria sobe un 3% en novembro na Comunidade, ata os 53 euros, pero é a máis baixa da media, cunha diferenza de case 30 euros. Os ingresos por habitación son os segundos máis baixos, pese aumentar un 12% até case 20 euros.
DATOS ESTATAIS
Pola súa banda, os hoteis españois rexistraron 18,2 millóns de pernoctacións o pasado mes de novembro, o que supón un 4% máis que no mesmo mes de 2017.
Este repunte débese ao aumento nun 6,1% das pernoctacións realizadas polos españois e, en menor medida, ás efectuadas polos estranxeiros, que se incrementaron un 2,7% respecto de novembro de 2017.
O dato global dos primeiros once meses de 2018 revela que as pernoctacións en establecementos hostaleiros diminuíron un 0,2% respecto do mesmo período do ano anterior.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.