A música das gaitas despide aos falecidos do 'Sin Querer II'

Centos de persoas asistiron a un funeral multitudinario oficiado polo arcebispo de Santiago e no que estivo a alcaldesa de Cambados, a conselleira do Mar ou o líder de En Marea, Luís Villares.

Por Galicia Confidencial | Cambados | 21/12/2018 | Actualizada ás 19:07

Comparte esta noticia

O pavillón do Pombal en Cambados (Pontevedra) acolleu este venres o funeral polos tres mariñeiros falecidos tras o naufraxio do 'Sin Querer II', que estivo presidido polo arcebispo de Santiago, Julián Barrio.

A gaita estivo presente no funeral dos mariñeiros mortos no 'Sin Querer II', de Cambados
A gaita estivo presente no funeral dos mariñeiros mortos no 'Sin Querer II', de Cambados | Fonte: Lavandeira Jr -EFE

Nunha cerimonia multitudinaria --na que estiveron presentes, entre outras autoridades, a conselleira do Mar, Rosa Quintana; a corporación municipal de Cambados, encabezada pola alcaldesa, Fátima Abal; o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín; o portavoz de En Marea, Luís Villares; ou a subdelegada do Goberno, Maica Larriba-- o arcebispo tivo palabras de consolo para as familias dos mariñeiros falecidos, e tamén para a do tripulante que aínda permanece desaparecido.

Na súa homilía, Julián Barrio proclamou que, ante esta "traxedia", "Cambados chora" e "Galicia estremeceuse". "Queridas xentes do mar, admiro o voso traballo e valoro a súa dignidade. Son consciente de que o voso coñecemento do mar non vos dá a garantía dunha seguridade, sempre exposta ao inexperado",  sinalou o arcebispo de Santiago, quen tamén expresou o seu agarimo e solidariedade á familia do patrón do buque que naufragou na dársena de Malpica.

ADEUS DE CENTOS DE VECIÑOS

Ao finalizar a cerimonia, a saída dos coches fúnebres cos corpos dos falecidos estivo acompañada por música de gaitas e polos aplausos de centos de persoas. O funeral celebrouse no pavillón do Pombal, no mesmo lugar no que estivo instalada a capela ardente dos tres falecidos desde primeira hora da tarde deste xoves. Por esa capela ardente desfilaron centos de veciños, así como o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e outros membros do goberno galego; a presidenta da Deputación, Carmela Silva; a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, entre outros.

O 'SIn Querer II' naufragou o pasado mércores a 4,5 millas ao sur de Fisterra. Dos seu dez tripulantes, seis foron rescatados con vida (e todos foron dados de alta nos centros hospitalarios onde foron atendidos), mentres que outro tres faleceron (Manuel Serén, Teófilo Rodríguez e Bernardino Padín) e un máis, Guillermo Casais, permanece desaparecido.

Horas despois deste afundimento, o pequeno pesqueiro 'Silvosa' afundiuse no porto de Malpica, e perdeu a vida o seu patrón, José Ángel Sanjurjo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta