GC Aberto

PODEMOS-Galicia esnaquízase

Ademais de incorrer en fraude, non foi coherente que contra a decisión maioritaria das bases, a actual dirección do partido en Galicia embarcase ilicitamente a Podemos no esperpéntico proceso electoral de en Marea.

Por galdo1950 (http://galdo-fonte-xm.blogspot.com/) | GC ABERTO | 10/01/2019

Comparte esta noticia

Pablo Iglesias de Podemos celebra os resultados das eleccións europeas
Pablo Iglesias de Podemos celebra os resultados das eleccións europeas | Fonte: ecorepublicano tweeter

Para avaliar a deterioración orgánica de PODEMOS Galicia, abonda  referir que do centenar de grupos que tras a efervescencia do 15 de maio do 2011 organizáronse na nosa comunidade tan só a décima parte deles mantén actualmente a súa continuidade, que no seu conxunto non alcanzan a sumar o medio milleiro de persoas rexistradas

Descapitalización impulsada maiormente pola ausencia efectiva de vida orgánica , nula democracia interna e marcada manipulación dirixente; aspectos que no seu conxunto xeraron o desencanto militante , a mingua de activismo e a perda de penetración social, facendo que a organización como partido extraviase a esencia das súas orixes e por tanto a aureola política dos seus primeiros tempos .

Temos  de remitirnos ás municipais do 2015 para tomar razón do actual conflito, pois a raíz do mesmo xira ao redor da negativa de PODEMOS a concorrer a aqueles comicios para non transformar o proceso nun acceso de candidatos non contrastados que puidesen comprometer as súas siglas , sen reparar en apoiar publicamente a candidaturas cidadás conformada en gran parte por membros tránsfugas doutras forzas políticas, e por tal circunstancia, de dubidosa solvencia e integridade, pero que aínda así contaron coa complicidade e apoio do partido morado e o nutriente electoral dos seus inscritos.

O apoio podemita aos candidatos municipais das mareas en Galicia foi determinante para que tres deles  lograsen facerse co bastón de mando nas cidades de Ferrol, A Coruña e Santiago de Compostela. Un respaldo que de ningún xeito foi recoñecido por estes ata o extremo que cando Podemos sacou peito dos resultados conseguidos foron os primeiros en negarlle toda atribución, ao tempo de adxudicarse plena xurisdición sobre os mesmos, pois en todo momento o seu obxectivo foi anular o seu protagonismo como organización diluíndoa  no maremágnum de en Marea como partido instrumental onde o poder orgánico e territorial éralle completamente alleo.

Renunciar á súa propia identidade para confluír no seo do partido instrumental contra a decisión maioritaria dos inscritos induciu un rexeitamento xeneralizado e unha espantada sen precedentes cuxos efectos reduciron a mínimos a intensidade de participación interna do partido, facendo que o ritmo de afiliación caese de forma perceptible ata o extremo de reducir a mínimos o seu volume de militancia que cunha cifra de 25000 inscritos superara con fartura a todas as forzas de esquerda na comunidade.

O artificialismo desa alianza contra natura faise máis notoria ao aflorar as diverxencias ideolóxicas, cando se significa que maioritariamente á marxe de EU, os teóricos socios de PODEMOS son defensores a ultranza de teses nacionalistas, é dicir do dereito de autodeterminación, que para convencemento de inxenuos disfrazan coa acepción do “dereito para decidir”. Un precepto que en calquera caso é diametralmente oposto á pregoada vocación internacionalista que rexe a xénese da organización morada.

Contraindicacións que fan inexplicable o coqueteo de PODEMOS e a súa cúpula dirixente cun nacionalismo excluínte e inxustificable, defensor do espurio concepto do dereito para decidir que no seu propio contexto encerra unha finalidade insolidaria e por tanto contraria ao ben común, que ao primar os intereses dunha minoría por encima do ben de todos os membros da sociedade debe facer incompatible toda relación de alianza cos seus promotores, sen que en ningún caso a rendibilidade electoral poida ser esgrimida como argumento de defensa.

Por iso é polo que nese escenario de contradicións e sen sentidos, resulte grotesca a imposición do máximo mandatario da organización que decidiu unilateralmente que “máis aló da fórmula, Podemos estaría con en Marea”, aínda cando aquel tratado de capitulación con orde expresa de diluírse nun partido instrumental fose de antemán rexeitado polas súas bases.

Un novo disparate político como así puxo de manifesto o estrepitoso fracaso dos comicios autonómicos liderados por Villares, que ademais de non alcanzar o obxectivo previsto, reduciu a testemuñal o xa escaso protagonismo do partido morado á vez de desatar un novo conflito de liderado entre os sectores nacionalistas en contenda.

O perceptible é que as bases en Podemos non pican nin cortan e a relación persoal que Pablo Iglesias mantén con destacados membros de en Marea fai que mais que actuar como o máximo mandatario de Podemos funcione desde a vila e corte como parte do « sanedrín» rupturista galego.

Tal é así que todos os cargos da dirección galega que cuestionaron a confluencia con En Marea dunha ou outra maneira foron desprazados da súa función executiva ata posibilitar que agora ostentando dobre militancia e condición antagónica sexa un membro fundador dunha marea quen ostenta a  secretaria xeral de PODEMOS na comunidade.

Unha lamentable expresión de que PODEMOS Galicia, non pasa de ser un sumiso monicreque duns “mareantes” metidos a  políticos. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

4 Gamela

O que se está a "esnaquizar" é a política de esquerda en Galicia ! Mentras Villares está ocupado coa súa Coordinadora (que non vai ter nada que coordinar!) outros espabilados (medio socios de Podemos) andan remexendo na pota... https://cabozo.com/taboext.php?grup... Botarlle a culpa de todo o que sucede aos que puxeron ilusión e votos para sentar 14 deputadas no Pazo do Hórreo non parece cousa sensata ! Pero cada quen fala da feira coma lle vai nela... non?

3 Sentidiño

Viva a liberdade de expresión...mais tamén a liberdade de opinión. Ao pensamento, tan simple, do autor/a fáltanlle lecturas básicas: parte do século dezanove, e todo o século vinte, cando menos. Pode empezar por Marx e o anticolonialismo, seguir por Marx e Irlanda, chegar a Lenin, o antiimperialismo, o nacionalismo revolucionario, China, Vietnam, Cuba,... Logo falamos.

2 unmais

Vaia sarta de parvadas, Podemos na Galiza non era nada e xa existia a AGE con 7 deputados, ou sexa que se hoxe ten deputados e grazas as mareas e en canto ao tema da autodeterminacion, podemos de España recoñece ese dereito, ou sexa que non é so cousa de nacionalistas, senon de democratas

1 Enrique Castro

Completamente de acuerdo. Un excelente análisis-recordatorio de lo que ha sucedido.