Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/12/2018 | Actualizada ás 13:16
O Concello de Baiona 'adianta' á noite deste sábado as badaladas para dar a benvida ao novo ano, con motivo da conmemoración dos 525 anos da Arribada. A festa, diante da Torre do Reloxo, comezará ás 23,30 horas deste sábado, e contará con animación na rúa, cortesía de DJ Charlie, de Vía Radio. Ademais, os locais da zona que participan no evento proporcionarán de forma gratuíta uvas aos seus clientes.
As campás, que datan do ano 1510, "soarán como o fixeron as campás da ex colexiata cando chegou Pinzón a Baiona en 1493". Con esta cerimonia preténdese conmemorar o 525 aniversario da Arribada da Carabela Pinta a Baiona.
Deste xeito, o Concello de Baiona explica que con esta iniciativa búscase "dar a benvida a 2019 en compañía de amigos, a diferenza do propio día, en que un despide o ano coa familia". O alcalde Baiona, Ángel Rodal, expresou o seu desexo de que os asistentes "gocen da noite", cun evento que supón "un broche de peche espectacular" á conmemoración desta data.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.