Galicia perdeu autónomos en 2018

Rexistrou un dos maiores descensos de todo o Estado.

Por Europa Press / Redacción | Compostela | 06/01/2019 | Actualizada ás 13:05

Comparte esta noticia

Galicia foi a segunda comunidade do Estado que máis autónomos perdeu en 2018. A Comunidade galega pechou o ano cun 0,8% menos de traballadores por conta propia respecto de 2017, segundo os datos da Federación Nacional de Asociacións de Traballadores Autónomos (ATA).

Protesta de autónomos, entre eles profesionais da venda ambulante galegos, diante das Cortes / www.muypymes.com/
Protesta de autónomos, entre eles profesionais da venda ambulante galegos, diante das Cortes / www.muypymes.com/

A nivel estatal, o número de autónomos aumentou nun 1,6 por cento, tras rexistrar unha subida no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) de 49.986 traballadores por conta propia, cinco veces máis que en 2017 e case o dobre que en 2016, polo que a cifra total destes traballadores situouse en 3.254.663 persoas.

Por comunidades, trece rexións españolas rexistraron incrementos do seu número de traballadores por conta propia. Destacan os incrementos rexistrados en Canarias (4,3%), Madrid e Baleares (+3,2% en ambos) e Andalucía (+3,1%).

Por detrás, séguenlle Comunidade Valenciana (+2,5%), Murcia (+2%), Estremadura (+1%), Cataluña (+0,9%), Navarra (+0,8%), Castela-A Mancha (+0,7%), A Rioxa (+0,3%) e País Vasco (+0,1%).

No lado oposto, un total de catro comunidades perderon autónomos en 2018 (fronte ás nove que o fixeron en 2017). Castela e León liderou a perda relativa de autónomos, tras rexistrar un descenso do 1%. Por detrás, séguenlle Galicia (-0,8%), Asturias (-0,5%) e Aragón (-0,3%).

O presidente da Federación Nacional de Asociacións de Traballadores Autónomos, Lorenzo Amor, afirmou que os resultados están "á vista" despois de que a Comunidade de Madrid decida ampliar a tarifa plana a 24 meses. "Un esforzo que se ve recompensado co incremento das cifras de autónomos", apuntou, tras afirmar que "o que funciona hai que mantelo e amplialo".

As MULLERES, Á CABEZA DOS AUMENTOS

Por xénero, o ritmo de creación de emprego autónomo feminino en 2018 foi superior ao rexistrado polos homes. De feito, mentres que as autónomas aumentaron un 2,4%, os autónomos fixérono un 1,1%. Para Amor, as cifras "dan a certeza de que o emprendemento feminino e o seu impulso para crear emprego chegou para quedar e é unha realidade que facilita a incorporación da muller ao mundo laboral".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta