O pequeno comercio critica os beneficios das grandes superficies: "Teñen rebaixas todo o ano"

A federación galega pide que se regularizan as datas das rebaixas para evitar a competencia dos grandes grupos e multinacionais.

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 07/01/2019 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

Os comerciantes galegos prevén incrementar un 3% a súa facturación coa chegada das rebaixas de inverno desde este luns, unha cifra similar á do ano pasado, segundo apunta o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas.

Carteis de rebaixas en Lugo. Europa Press - Arquivo
Carteis de rebaixas en Lugo. Europa Press - Arquivo | Fonte: Europa Press

En declaracións a Europa Press, manifestou que estas rebaixas non teñen unha incidencia tan elevada no sector como cando estaba estipulado un período de tempo para realizar este tipo de descontos. E é que na actualidade non existen restricións para levalos a cabo de forma que, en calquera época do ano, é posible atopar carteis que apuntan a un 30% de desconto ou máis, segundo os casos.

"Isto prexudica moitísimo ao comercio pequeno porque supón vender con descontos que non se poden asumir xa que non permiten cubrir os gastos", sinalou o presidente da Federación Galega de Comercio.

Ao respecto, recorda que, antes, estas rebaixas permitían aos comerciantes "liquidar artigos que quedaban das pasadas campañas". "Agora o consumidor ten descontos todo o ano polo que eu digo que as rebaixas empezan o 1 de xaneiro e terminan o 31 de decembro", engade sobre as distintas promocións.

Sobre o feito de que non exista un límite, recorda que o sector do comercio pequeno xa trasladou ao Goberno a súa demanda para que se regularicen" as datas das rebaixas. "Isto non só beneficia ao comerciante, senón tamén ao consumidor porque agora compra un produto con promoción e, se cadra, aos 15 días volve estar rebaixado", esgrime.

VENDA POR INTERNET

Mentres, ante as novas tendencias entre os consumidores, subliña a importancia que cada vez máis vai adquirindo a compra por internet. Por este motivo, segundo afirma, a federación puxo en marcha hai dous anos a plataforma 'comerciogalicia.es', onde os comerciantes poden pór á venda os seus artigos.

Do trámite dos pedidos e dos cobros encárgase a federación. "O comercio tradicional é remiso, pero non queda máis remedio", insiste José María Seijas en alusión a unha maior demanda de adquisición de produtos por esta vía.

Por outra banda, preguntado sobre a incidencia no emprego das rebaixas de inverno, asegura que nas grandes cadeas si se constata un maior aumento de traballadores "para dous ou tres meses".

Nun sector que xera o 14% do emprego en Galicia, José María Seijas precisa que no caso do pequeno comercio a contratación non varía especialmente. "O emprego é máis fixo e o habitual é que estean as mesmas persoas", engade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta