Outro mal ano para os arroaces das Rías Baixas: máis mortes que nacementos

A poboación destes delfínidos en Galicia non está en risco polo momento, pero a CEMMA advirte de que a situación persistente de alta mortalidade pode converterse nunha serie ameaza.

Por Galicia Confidencial | Nigrán | 07/01/2019 | Actualizada ás 20:32

Comparte esta noticia

O 2018 pode considerarse "outro mal ano para os arroaces das Rías Baixas". Segundo os datos obtidos a través do seguemento que fai CEMMA (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños), complementado co traballo da rede de varamentos, naceron nove cachorros, pero catro deles morreron nos primeiros meses de vida. Ademais, outros catorce xuvenís e adultos morreron nesta zona, polo que foi outro ano con máis mortes que nacementos dentro da poboación.

Arroaz en augas galegas
Arroaz en augas galegas | Fonte: BDRI.

No norte de Galicia morreron catro adultos máis, aínda que alí non se fixo un traballo específico para control de nacementos, polo que non se pode valorar a situación local, indica a CEMMA.

O caso máis significativo, expoñen, foi o dunha femia que estivo levando o corpo do seu cachorro morto durante tres días na ría de Vigo, acompañada doutros individuos. Este comportamento, a modo de dó, xa se ten observado noutras ocasións nesta e noutras especies de cetáceos, explica a CEMMA.

A captura accidental segue a ser a principal causa de morte e varamento con máis do 50% dos casos examinados e con causa de morte coñecida, seguida da mortalidade infantil cun 22% e enfermidades patolóxicas nun 10% dos casos, e incluso nalgún caso dos varamentos vivos atendidos foron comprobados indicios de captura accidental.

A CEMMA salienta que a poboación de arroaces en Galicia non está en risco polo momento, pero advirte de que a situación persistente de alta mortalidade observada nos últimos anos, superando o número de exemplares que nacen, pode converterse nunha serie ameaza, e se cabe é máis grave ao aumentar os casos de mortalidade infantil e de femias adultas, o que pode influir negativamente na situación poboacional da especie.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta